0 Gardados para despois

Guadi Galego: "Estamos pasando por un dos momentos máis duros para a lingua galega"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Guadi Galego presenta estes días Bóla de Cristal, o seu novo traballo e punto final dunha triloxía que empezou con Lúas de outubro e agosto (2014), seguiu c'O mundo está parado (2016) e remata con este EP no que canta, di, ao mundo que desexa no futuro. Ese mundo "en plural e en colectivo" no que, entre outras cousas, devece por máis feminismo e máis galego. Este xoves, polo Día das Letras, a autora cedeiresa estará en Madrid no programa Late Motiv, de Andrés Buenafuente, e tocará en directo algún dos seus novos temas. 

Que vaia ao Late Motiv no Día das Letras Galegas é simple casualidade ou ten que ver con que sexa ese día?

Imos no Día das Letras precisamente por ser ese día, porque querían levar un artista, unha autora neste caso, que se expresase en galego para ir a un programa estatal onde se fai música en directo, un dos poucos onde iso ocorre. O que debería ser algo habitual neste Estado plurlingüe e plurinacional onde vivimos vívese como algo anecdótico ou case como un triunfo por chegar á capital e cantar na túa lingua. É triste pero é así, é unha materia que temos pendente ou a min polo menos parécemo. 

"Cantar na túa lingua na capital deste Estado plurilingüe e plurinacional vese como algo anecdótico, como un triunfo, cando debería ser habitual"

Que nos trae con esta Bóla de Cristal coa que di poñer fin a unha triloxía?

É a fin do que comeza coas Lúas de outubro e agosto, ese mundo da ensoñación, o disco que fago entre o nacemento dos meus dous fillos, esa exaltación hormonal na que me vexo metida, un pouco allea ao mundo mundano. Logo caio de súpeto n'O mundo está parado, ese mundo máis cruel, máis de realidade, ese mundo que me achega á vida real e a esa vida chea de incoherencias. Esta Bóla de Cristal, que é un EP non un disco, é o mundo que eu desexo para o futuro, o que me gustaría ver dentro desa bóla de cristal e que emula aquela época coa que me criei, con ese programa do mesmo nome que nos permitiu soñar a moitos nenas e nenos que había outro xeito de facer as cousas. 

Como é ese mundo que desexa, logo?

Na Bóla de Cristal o mundo que eu desexo ten que ver basciamente cos afectos e coa reflexión individual e colectiva, ese uso que ás veces facemos do capital, ese mal uso do capital, a empatía, o coidado propio e alleo... Hai unha reflexión do que me gustaría ver dentro desa bóla de cristal, ese mundo que me gustaría construír para os que viñeran, un mundo que non depende en moitas cuestións de nós mesmos nin mesmo da natureza.

"O mundo non serve de nada se non o miramos en plural e en colectivo, se non empurramos todos na dirección correcta"

Que quere dicir?

Hai un retrouso no disco que vén resumir o que quero dicir: "Aquí estou eu, dando brillo a este cristal para contar que este meu reloce máis cando ti estás..." O mundo non serve de nada se non o miramos en plural e en colectivo, non serve de nada que un puxe se non empurramos todos na dirección correcta... Podemos pensar dun xeito distinto, pero hai certos valores que non se cuestionan. "Poden os astros conquistar outra galaxia e baleirar de toda luz a Vía Láctea", digo tamén nunha canción. Cando nos demos de conta, isto apágase e nós con este mundo, así que depende de todos e todas que poidamos mudar o mundo como desexemos. Sabemos que o mundo está nas mans do capital e que é unha loita constante. 

"O feminismo é a próxima revolución e está ás portas; non pode haber xustiza se non hai feminismo"

Sempre se manifestou moi a prol das reivindicacións feministas. Nese mundo futuro que quere fai falta moito máis feminismo?

O feminismo é a próxima revolución e está ás portas. No movemento feminista reivindícanse unha morea de cuestións que teñen que ver con todo isto do que falo; a igualdade e a equidade do mundo pasa polo feminismo. Non pode haber xustiza se non hai feminismo, é a pescada que morde a cola. 

"Non serve de nada que todo o mundo saiba como se escribe e fala o galego se o idioma non está na rúa e na xente"

Estamos no Día das Letras Galegas, unha xornada de festa pero tamén de reivindicación; fai falta máis galego tamén nese mundo que desexa e imaxina?

Ben, basicamente é que estamos pasando por un dos momentos máis duros para a lingua galega, porque aínda que o idioma acabase reducido ás institucións, debería falarse na rúa, que é onde as linguas se manteñen vivas. Non é que vaia desaparecer o galego, todo o mundo o coñece moi ben ou polo menos coñecerá como se escribe ou se fala correctamente, pero non serve de nada que iso sexa así se logo non está na rúa e na xente. Para iso sabemos que hai que facer unha política moi forte coa lingua e ten que ser unha política común, e non é fácil chegar a conseguilo. 

Actuación de Guadi Galego en directo coa banda de Late Motiv, o programa de Andrés Buenafuente en #0. A artista galega interpreta o tema Cedeira co gallego do Día das Letras Galegas. 

© Late Motiv

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.