"Hai que tomar conciencia de quen está a manexar a nosa propia existencia"

Irene Escolar no festival Curtocircuíto de Santiago © Aigi Boga

"Eu quero pensar que hai un público novo que está priorizando este tipo de cine e que lle está dando un espazo maior", conta Irene Escolar sobre o cinema de autor

Irene Escolar (Madrid, 1988) di que nunca esquecerá a estrea do filme Ariel na compostelá praza da Quintana, no marco da programación do festival Curtocircuíto, o pasado 1 de xullo. A actriz ten un vínculo especial con Galicia e celebra todas as oportunidades que a traen de volta. Nesta ocasión, foi da man do cineasta vigués Lois Patiño, que quixo contar con ela para coprotagonizar o seu último filme, onde dalgunha maneira comparte personaxe coa actriz arxentina Agustina Muñoz, pois ambas son un pouco Ariel, o espíritu da illa na obra de Shakespeare A tempestade, coa que xoga Patiño no seu Ariel, que chegará ás salas de cinema o 25 de decembro.  

Como chega a esta película? Lois Patiño conta que o papel estaba para vostede.

Pois si, Lois viume na película de Jonás Trueba Tenéis que venir a verla e, ao día seguinte, sentei ao seu carón nunha estrea. Presentáronnos, tiñamos amizades en común, e aí xa me ofreceu facer a película, supoño que el o sentiu como un sinal.

Unha aliñación planetaria que os xuntou.

Exacto, e a verdade é que foi moi bonito. Eu viña seguindo o cinema de Lois hai tempo e era un artista co que me apetecía moitísimo traballar. A min interésame moito tamén todo o universo plástico e creo que el o emprega como ninguén agora mesmo. Entón, cando me ofreceu formar parte do proxecto de Ariel pareceume moi interesante. Lois non ten traballado con actores profesionais e compartir traballo con Agustina Muñoz, que é unha actriz que teño visto moito nas películas de Matías Piñeiro, e mais rodar nas Azores, pois pareceume un plan marabilloso.

A actriz coprotagoniza o filme 'Ariel', de Lois Patiño © Aigi Boga

Na película tamén estades rodeadas de moitos personaxes, interpretados por actores non profesionais.

Si, son xente da illa, algúns fixeron algunha cousa en teatro, pero son mulleres e homes que viven e traballan alí.

Tanto Agustina Muñoz coma vostede son as únicas ‘externas’ ao que sucede na illa, pois incluso Hugo Torres e José Díaz, intérpretes da extinta compañía teatral Voadora, están no mesmo plano que a xente da illa. Como se prepararon?

Creo aue para nolas dúas o máis difícil foi entender o código de maneiras moi diferentes. Agustina fai un personaxe máis realista, só que a situación á que se enfronta é moi ambigua e moi estraña. No meu caso, a nivel de código e de ton foi das cousas máis difíciles de entender porque é interpretar un personaxe que é consciente de que é un personaxe que forma parte dunha obra e é consciente do seu propio ser, pero á vez despois descobre que é ela mesmo. Para construír o personaxe fun probando con Lois e Agus, tocando distintas teclas e vendo se o camiño era ou non por aí. Pero foi das cousas máis difíciles que tiven que facer pola particularidade do ton, porque tiña que ser todo moi de verdade é, á vez, todo moi máxico e irreal, e tamén había que engadir algo moi espiritual. Foi difícil, mais tamén bastante divertido.

"Eu tiña a sensación de que se entraba moito a parte racional ía rachar con todo o traballo. Tiña que deixarme levar e entrar no universo que me estaba abrindo Lois"

Foi unha experiencia próxima ao teatro dentro do cinema para vostede?

Non, nada que ver. Realmente a película non ten nada moi teatral máis alá do propio feito en si mesmo. Quizá si que os planos secuencia, vinculado a que non hai cortes, si que o podo relacionar máis co forma de interpretar do teatro. Hai unha conversa entre Agus e máis eu que son como sete minutos rodada nun plano secuencia. De feito, o difícil aquí foi como facer para a cámara algo que fuxe por completo do naturalismo, pero á vez dándolle moita verdade. Cos primeiros planos que pide o cine, pero contando con elementos moi oníricos.

É que a película podería considerarse un soño.

Totalmente. Ten algo de David Lynch, verdade? Estás na cabeza delas, pero a dificultade estaba en nom contar con iso, non pensalo desde ese sitio senón dende que ela, dunha maneira moi convincente e moi rara, pensa que é Ariel e que a súa misión é acabar todas as obras cada noite. Así, a priori, é raro, non? Eu tiña a sensación de que se entraba moito a parte racional ía rachar con todo o traballo. Tiña que deixarme levar e entrar no universo que me estaba abrindo Lois. Todo o que se respiraba na illa a nivel de sensacións coa natureza, con esa terra volcánica... Había que deixarse levar polo propio lugar e pola proposta de Lois sen pensar moito en nada.

Cal era a súa relación coa obra de Shakespeare da que parte o filme, A tempestade?

Lina hai moito, pero nunca a representara. Isto é unha versión moi libre, tampouco é exactamente o personaxe da obra. É alguén que se sente aí, que lle tocou encarnar iso, pero que realmente non é iso.

Proxección do filme 'Ariel' na praza da Quintana na inauguración do Curtocircuíto CC-BY-SA Praza.gal

É curioso porque vendo a película podes pensar se é unha metáfora para que o público se pregunte de quen somos marionetas cada un de nós na nosa vida...

Pois é unha percepción moi interesante, eu creo que a película ten ese punto existencialista. Hai momento ao principio, cando se ve a conversa entre unhas señoras maiores, que falan de que temos que escribir nós a historia da nosa vida. Así que si, hai que tomar conciencia de quen está a manexar a nosa propia existencia.

E iso que no filme hai moitos momentos que son pura comedia.

Si, comedia do absurdo, ademais, que penso que axuda a conectar coa historia que se está a contar. Non se intenta ocultar a estrañeza nin o raro que hai en todo o que está sucedendo. A través do personaxe de Agustina vas seguíndoo todo con ela, que á parte é unha actriz incrible, enche todo dunha especie de lixeireza e comicidade moi sutís. E é moi difícil facer iso, pero creo que como espectador fai que conectes máis historia. Sempre o humor, o absurdo e a ironía axudan a que todo o que se conta non colla unha intensidade estraña. A película ten moita poesía, pero é necesario rir un pouco diso tamén.

"Sempre o humor, o absurdo e a ironía axudan a que todo o que se conta non colla unha intensidade estraña. A película ten moita poesía, pero é necesario rir un pouco diso tamén"

Como interiorizou a intensidade do seu personaxe?

Ao principio intentando quitarlle toda a intesidade, pois a propia situación xa lla daba. Excepto ao final, cando ela de pronto ten unha consciencia distinta da situación, pero sempre cun punto de lixeireza. Para min todo tiña que ter moita lixeireza, pois o peso xa viña dado.

Que lle pareceu a estrea na praza da Quintana na inauguración do Curtocircuíto?

Non vivín unha cousa así na nunca, das cousas máis belas e fermosas que vivín xamais, de verdade. A lúa, a catedral, a pantalla, a película... Creo que o vou lembrar sempre. Non sei se volverei ver unha película nun lugar tan fermoso. E a xente estivo marabillosa, aguantou aí a pesar de que empezamos un pouco tarde.

Puido ver as últimas películas premiadas do cinema galego como O Corno de Jaione Camborda ou, máis recentemente, Sirat de Oliver Laxe?

Unhas das miñas primeiras películas rodeina aquí, en Ourense, Los girasoles ciegos, de José Luis Cuerda. Estou vencellada a esta terra por moitas razóns e probablemente sexa un dos lugares que máis me inspira e nos que fun máis feliz. E a verdade é que todo o que ten que ver co novo cinema galego me interesa moito. Todas esas películas marabillosas, O Corno é unha das mellores películas que vin en moito tempo e Jaione Camborda paréceme unha cineasta súper interesante.

Irene Escolar e Lois Patiño na Quintana © Aigi Boga

Cre que ese cine de autor/a está rachando coa barreira das marxes e chegando á centralidade na industria?

Eu quero pensar que hai un público novo que está priorizando este tipo de cine e que lle está dando un espazo maior. Xa sabemos que a xente que frecuenta as salas de cinema é máis maior e sobre todo son mulleres. Por iso tamén me gusta ver a xente nova que se vai sentindo máis próxima a ese cine feito desde a marxe, non tan comercial, e que aí vexan tamén parte da súa identidade, da súa cultura... Está máis presente, eu nótoo nas conversas con amigos e faime moi feliz. A sensación é que imos rachando barreiras, con O Corno acabouse cunha chea de barreiras, pero tamén con O que arde ou Samsara, películas que viaxaron moito e acadaron recoñecementos importantes.

"Eu creo que iso é o realmente importante: que a xente saia da súa casa, pague unha entrada de cine e vaia ver unha película. Todo o que faga que isto suceda, vouno apoiar sempre"

No medio está toda a influencia das plataformas e as diferentes maneiras nas que consumimos agora o audiovisual. Como actriz é posible escoller aínda en que proxectos traballar?

É moi difícil poder escoller, principalmente se queres vivir disto. Creo que poñerse purista é algo difícil de soster e que todos temos que facer concesións. Ás veces tes a sorte de estar en proxectos nos que cres profundamente e outras veces non tanto, pero é traballo igualmente e é moi digno. Eu debato moito comigo mesma, impórtame que a xente vaia ao cine, conseguir atraer ao público. Cal é o interese do público? Pois haberá que ver... O que está pasando con Sirat é marabilloso, hai moitísima xente indo ás salas de cine e non é un filme ao uso. Iso ten moito mérito, igual que pasou con Estiu 1993, con As bestas ou con outras tantas películas que atraen a xente. Eu creo que iso é o realmente importante: que a xente saia da súa casa, pague unha entrada de cine e vaia ver unha película. Todo o que faga que isto suceda, vouno apoiar sempre.

Por outro lado está o das plataformas, que están dando moito traballo. O que sería fenomenal sería poder facer de todo, que se fixeran grandísimas películas para un tipo de público, pero que se reservase orzamento para poder rodar outro tipo de cine. En calquera caso, é importante que se vaia desenvolvendo un tecido industrial; e que se perdan por completo os prexuízos co noso cinema e coa nosa cultura, que se abrace e se respecte, e que se queira apoiar. A min encántame ver a amigas e amigos técnicos que están enlazando proxectos un tras outro. Eu quero ter esperanza e ser optimista, non quero estar na queixa senón en construír.

Que novos proxectos ten en marcha?

Vou estrear a segunda temporada da serie La Ruta, que é unha pasada de proxecto, na que interpreto a dous personaxes. E para a temporada que vén estarei no teatro cunha obra que dirixe Pablo Messiez, Personas, lugares y cosas, de Duncan Macmillan, un texto marabilloso que trata sobre as adiccións a substancias. É unha obra moi inspiradora, levo case un mes indo a grupos de terapia e escoitando a xente que pasou por iso e, á parte de aprender moitísimo, tamén estou tomando conciencia sobre un montón de cousas que están aí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.