Remata a "historia de amor" de Voadora tras 15 anos de teatro

O 'enterro' da compañía de teatro Voadora no xardín da Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza.gal

"HH é unha fábula.

HH é un monstro ao que lle gusta

mirar pola xanela cando o sol está a piques de se poñer.

Un monstro ao que lle gustan os xardíns,

porque os xardíns son cousas que crecen cando se coidan e se traballan.

HH é unha historia de amor.

HH é o fillo que apenas pode esperar saír pola porta

e que non pensa volver ata que se cumpran todos os seus soños.

HH é o noso fillo.

E aos fillos hai que saber cando lles tes que ensinar onde está a porta para que se poidan ir.

HH é teatro.

Pero tamén é outra cousa”.

A compañía de teatro Voadora, fundada por Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz en 2007, sorprendeu este xoves ao público do festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Santiago ao converter o espectáculo Hoax Hamlet na súa despedida dos escenarios. 

Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz, os fundadores da compañía de teatro Voadora © Miramemira

15 anos e máis de 20 producións teatrais despois, a compañía Voadora despídese dos escenarios no Escenas do Cambio por sorpresa

No comezo da representación xa se percibiu que sería algo distinto, pero sendo unha peza de aires pop de Voadora todo era posible. Cando se poñen pop non hai quen os supere, a ver que pasa agora... A cuestión é que Hoax Hamlet parecía máis unha performance que unha peza teatral. Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz movíanse con naturalidade facendo cómplice ao público do que estaba a suceder, incluso chegaron a facer balance no que parecía un aniversario e acabou sendo un adeus. 

Con momentos de éxtase, baile e persecucións entre os asentos. A obra fluíu co público como un personaxe máis. Cando parecía que o espectáculo rematara, anunciaron que nos xardíns aínda agardaba unha sorpresa. Tras unha marcha en procesión cara ao exterior, os membros da compañía procederon a escenificar un enterro. Mais a xente alí congregada, descolocada, non podía quitar a vista dos dous supostos xardineiros que estaban a cortar a herba do Gaiás, facendo un ruído considerable, a pesar dos intentos de Diego Anido para que apagasen as máquinas. Un momento moi Monty Python que lle restou dramatismo á despedida, que si foi real. 

Desde Periferia, a primeira obra que montaron como compañía, ata este Hoax Hamlet no que converteron en actores a Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), Vicente Conde (contable), Iván Núñez Casal (iluminador) e David Rodríguez (son) pasaron 15 anos nos que representaron máis de vinte espectáculos en diferentes escenarios. 

Optaron por despedirse da escena desde a propia escena, en directo, buscando a complicidade dun público no que había seguidores que asistiron á evolución da compañía nestes anos. Querían que a reacción de sorpresa dos asistentes formase parte do feito artístico. 

De xira con 'Othello'

Aínda é posible ver un espectáculo de Voadora en escena, pois a xira da súa interpretación do Othello de  Shakespeare continúa e nas vindeiras semanas visitará o Heidelberg Stückemarkt Festival en Alemaña (8 de maio), o Teatro Nacional São João do Porto (21 e 22 de maio), o Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e o Teatro Principal de Ourense (9 de xuño).

Esta adaptación do libreto de Othello, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde e dirixida por Marta Pazos, é unha coprodución de Voadora coa MIT de Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João do Porto. A actriz María Vázquez métese na pel de Desdémona, acompañada polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido.

Escena do 'Othello' de Voadora © Estrella Melero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.