"Cando escollín a obra de Lorca sabía que era material inflamable"

Marta Pazos © Sadurní Vergés

No verán de 1936, Federico García Lorca tiña entre mans unha nova peza teatral. A Comedia sin título quedou a medias cando fusilaron ao seu autor. E agora represéntase baixo a dirección de Marta Pazos, nunha versión que ela mesma ideou xunto a José Manuel Mora. Un encargo do Centro Dramático Nacional (CDN) que se pode ver no teatro María Guerrero de Madrid ata o 26 de decembro. Non está prevista unha xira da obra, polo que haberá que ″peregrinar a Madrid″ –como di Marta Pazos– para desfrutar dela: "Só vai pasar aquí e, para min, hai moito de poesía niso tamén".

Pensas que este Lorca é o máis contemporáneo, o que está máis preto do que estamos a vivir nós agora?

Dende logo é un Lorca absolutamente vangardista. Nesta etapa da súa obra estaba sendo, para min, profundamente valente porque tiña acadado moitísimo éxito co Romancero Gitano e permítese facer este chamamento á procura dunha nova linguaxe e dun teatro fóra dos alicerces da burguesía, dese teatro que é como literatura dramática en tres dimensións. Por iso, chámalle teatro imposible, irrepresentable. Despois de 85 anos si que estamos un pouco máis preto. A evolución do teatro neste tempo si que é o que el podía percibir naquel momento.

 "É un Lorca absolutamente vangardista"

Dis que é unha obra completamente incompleta, pero que non a querías completar, polo menos co que se entende con completar ao uso, que sería rematando de escribila.

Si, esta obra conéctame coa procura dunha linguaxe nova. É seguir simplemente as migallas de pan que Lorca está sementando. O que fago é unha eclosión, unha apertura da obra a través dos espazos, que Margarita Xirgu trae a través do seu recordo, nos que se ía basear a obra. É o que fago é pasear polo teatro no primeiro movemento. Nós chamámoslles movementos por utilizar unha linguaxe máis musical. Pois esta posta en escena baséase moito na idea de Lorca case como autor do Renacemento. Un home que escribía, que pintaba, debuxaba... e era máis coñecido naquela altura como músico. Por iso me interesaba que a nosa posta en escena estivera moi pegada a este concepto de artista total.

Como flúen os movementos da obra?

O primeiro movemento baséase no propio teatro de Lorca. O segundo sucede na morgue, entón traballo a partir das imaxes poéticas que el sementa no primeiro movemento. As imaxes que se quedan na nosa retina toman forma a través de subliñar o traballo co corpo. O primeiro movemento remata co autor, que é un alter ego do propio Lorca, sendo disparado. Por iso este texto é importante, porque é premonitorio. Con esta imaxe de que cando recibe o impacto de bala as súas ideas se disparan, no segundo movemento vemos a eclosión destas ideas a través da plástica escénica. Xa no terceiro movemento, que el tiña escrito que quería que fose no ceo, conéctase máis co espírito e desaparecen o corpo e a palabra. E aparece o propio teatro, é a caixa do María Guerrero a que fala. É a realidade do teatro, porque el se pregunta ao principio da obra como se poden meter as estrelas nun patio de butacas. Entón, o terceiro movemento está conectado con iso, as persoas que facemos o teatro, os diferentes oficios, estamos aí.

"Intersábame que a nosa posta en escena estivera moi pegada ao concepto de artista total"

Entón, nesta obra rematas de rachar coa terceira parede?

Si, a miña traxectoria sempre ten este diálogo entre a ficción e a realidade, entre a fantasía e o real. Aquí isto está moi comunicado, Lorca tamén di no seu texto que non quere actores, quere homes e mulleres de carne. E di ′quero romper as paredes do teatro′. Así que realmente eu atendo a esta mensaxe, que é un desexo e un decreto.

O Centro Dramático Nacional puxo a consigna de traballar con actores e actrices menores de 30 anos. Como foi o proceso para escoller o elenco da obra?

De feito, isto foi o que resoou na miña cabeza á hora de escoller a obra. O convite por parte de Alfredo Sanzol era facer un espectáculo de repertorio español, pero con esa condición. Entón, o primeiro material que tiña era a xuventude. Por iso escollín a Comedia sin título, porque é unha profunda revolución. Un canto á paixón pola arte e pola vida. Pero as audicións foron arduas, foi un proceso complexo porque quería desdebuxar as fronteiras entre o traballo textual e o traballo corporal. A idea era poñer a xente da palabra a traballar co corpo e a xente do corpo a traballar coa palabra, sen ningún tipo de xerarquía. Foi complexo porque eran 14 e buscaba voces e corpos moi diversos, pero estou feliz con este elenco. Son uns jabatos e jabatas. Eu xa lles advertín que o espectáculo non ía ser temperado, que ía ter moitos contrastes e que só había unha maneira de facelo: dándoo todo.

Canto tempo pasou desde que te decidiches pola Comedia sin título ata que chegou a estrea este mes?

Foron dous anos. O convite chegoume en canto mudou a dirección do CDN, pero estoupou a pandemia polo medio así que pasei dous anos fraguando isto ata o mes de agosto, que comezamos os ensaios.

Unha escena da 'Comedia sin título' de Lorca que dirixe Marta Pazos © Luz Soria

"Lorca pregúntase ao principio da obra como se poden meter as estrelas nun patio de butacas"

Sendo unha obra multidisciplinar, como configuraches a equipa para levala a cabo?

Eu non fago un teatro texto-céntrico, senón que traballo a plástica escénica. Entón, a utilización da palabra é dende unha perspectiva plástica e non hai xerarquías, hai un diálogo entre os materiais. Neste espectáculo todo isto é moi plausible. A sonoplastia de Hugo Torres é protagónica na obra. Ademais, el chegou á sala de ensaios sen ideas preconcibidas, fai un traxe a medida coas músicas. Instalado no patio de butacas co seu estudio, vai facendo así. Igual que Nuno Meira na iluminación, son unhas luces moi arquitectónicas de Max Glaenzel, cunha concepción do espazo como algo moi instalativo. 

Despois está Rosa Tharrats que traballa moitísimo coas texturas, coas veladuras, coas cores fluorescentes para facer ese vestiario que se basea moito no teatro isabelino, que está incluído neste texto tamén, pois se está a representar O soño dunha noite de verán, que é a grande obra da transformación. Tamén está o traballo de Guillermo Weickert, que é o director de movemento, con quen eu me entendo moi ben porque percibe exactamente o que quero traer a escena e o materializa. Por non falar do traballo con José Manuel Mora, con quen fixen a versión e a dramaturxia. Era a primeira vez que traballábamos xuntos e interesábame moito colaborar con el. En definitiva, é a equipa soñada.

Foi case un agasallo este convite do CDN?

Si, claro. Son consciente do sitio de privilexio no que me atopo. Son a única artista que estivo programada nas últimas catro temporadas, desde 2018. E isto xa é a cereixa no bolo. Ademais é un agasallo estar traballando nun teatro histórico como é o Maria Guerrero –que ademais é moi especial para esta peza, pois foi aquí cando se estreou no ano 1989 da man de Lluís Pascual– cunha peza histórica e rotunda coma esta. Por iso estou traballando honrando este momento, sen que me paralice. Achégome desde o oficio e a confianza que te aporta traballar nunha casa así.

"O que aconteceu este verán con Samuel Luiz foi fortísimo. Como pode ser? A Lorca tamén o mataron ao grito de maricón"

As primeiras reaccións do público ao saír da obra denotaban sorpresa, que te foi chegando a ti estes días?

O espectáculo non está só no escenario, está tamén no patio de butacas. É unha obra moi controvertida xa na escrita, polo que a posta en escena tiña que ser así. Hai unha cousa moi curiosa porque non se puido estrear no seu día porque os técnicos –cos que concordo moitísimo– están vivindo a súa propia revolución, reivindicando os seus dereitos con moita lexitimidade, e fixeron un paro o día da estrea. Houbo unha manifestación fronte ao teatro que é xustamente o que está acontecendo na obra, por iso outra vez a vida e o teatro completamente unidos. Si que me comentaron que era unha marabilla ver tanta xente nova no teatro, desfrutando de teatro de repertorio español, porque é o que é, pero que lles fala a elas e eles directamente.

Un pouco como cando Lorca di por boca do autor na obra ″¿Por qué hemos de ir siempre al teatro para ver lo que pasa y no lo que nos pasa?″.

Totalmente.

A 'Comedia sin título' é unha produción do Centro Dramático Nacional © Luz Soria

Neste momento, no que temos as foxas de fusilados no golpe de Estado do 36 de novo tan recentes, que estamos falando dun plan de exhumacións do Goberno... Como foi achegarse ao que Lorca non puido rematar esta peza?

Cando escollín a obra sabía que era material inflamable. Para min esta obra, máis que ningunha, neste momento. Cando as obras me escollen a min, moitas veces non sei por que, é algo moi animal, o meu instinto se activa. Pero nestes dous anos eu ía percibindo cousas, por exemplo, o que aconteceu este verán con Samuel Luiz foi fortísimo. Como pode ser? A Lorca tamén o mataron ao grito de maricón. Iso foi hai 85 anos e este verán, na Coruña, acontece isto... Está claro que é pertinente facer a obra agora.

E agora que vas soltando a Comedia sin título de Lorca, xa estás metida de volta noutra creación, esta vez en Galicia. 

Si, comezamos no Centro Dramático Galego con As oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, que fai completamente díptico coa Comedia sin título para min porque é unha tarde de teatro na que o público se rebela coa artista que está representando unha obra; xusto o contrario que na Comedia. Pero si é certo que ata que rematen as representacións no María Guerrero non a vou soltar. Son como cadros nos que vas dando pinceladas, estando cada un nunha fase diferente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.