Voadora leva ‘A tempestade’ de Shakespeare á súa illa estética

José Díaz, Hugo Torres e Marta Pazos CC-BY-SA Alberto Ramos

Un gran formato, William Shakespeare e Voadora. Ese son os ingredientes do caldo que anda a cociñar a compañía de Marta Pazos, Hugo Torres e José Díaz para o seu próximo espectáculo: A tempestade. “O texto ten moito que ver coa nosa linguaxe. Ten varios elementos cos que traballamos dende sempre: moita música, comedia, maxia, amor”, explica a directora, quen sinala o interese do grupo por “ver como funciona esa linguaxe nosa xunto a linguaxe dun dramaturgo clásico”. Con esas intencións, Voadora lánzase agora a un proxecto cuxo texto non é de autoría propia, senón doutro autor. O grupo rompe así a súa tradición de erguer montaxes a partir de creacións propias, xa fosen de escrita totalmente orixinal ou ben inspirada nas páxinas de autores históricos como Dante.

En realidade, é falso. Ou polo menos, non é de todo certo. Sempre hai matices. “Xa fixemos Rinoceronte, de Ionesco, a comezos de ano”, puntualiza Hugo Torres. Pero era unha encarga da Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo de Porto. As encomendas non contan. Ou contan menos. O importante é a intención. Sempre.

Agora é cando se deciden, por vontade artística e propia, desenvolver un proxecto como A tempestade. A motivación é clara: a fusión de dous sensibilidades teatrais. A primeira delas, a dun tan clásico coma Shakespeare. A segunda, a visión escénica de  Voadora. “Nós temos dúas paixóns: a linguaxe máis posdramática, máis tola, e o teatro clásico. Aquí xuntaremos os dous elementos”, admite Pazos.

Para a súa misión contarán cun elenco “espectacular”. “Non se me ocorre un equipo de creadores máis acertado ca este.” Torres refírese aos intérpretes Diego Anido, Fernando Epelde, Borja Fernández, Guillermo Weickert. Tamén a Iván Marcos, Sergio Zearreta e Olalla Tesouro. A nómina interpretativa péchana Hugo Torres e José Díaz. Todos os artistas coñécense dende hai anos, seguen o seu traballo e crúzanse decote no camiño. “Pero é a primeira vez que traballamos xuntos. Temos a sorte de xuntalos agora grazas a unha obra coma esta, xa que todos os personaxes son perlas que ofrecer. É unha selección, unha oportunidade de reunir a toda unha xeración de autores galegos, algúns que traballan acó, pero outros que están fóra dende hai anos, como pode ser Anido ou Epelde”, engade José Díaz.

Oito actores e unha actriz para contarnos a historia, baixo dirección de Marta Pazos, dun naufraxio, dunha illa, dun desterro. En definitiva, o relato dunha tempestade: a que soñou con grandes doses de maxia William Shakespeare

Oito actores e unha actriz para contarnos a historia, baixo dirección de Marta Pazos, dun naufraxio, dunha illa, dun desterro. En definitiva, o relato dunha tempestade: a que soñou con grandes doses de maxia William Shakespeare.

Na peza nárrase a historia de Próspero, antigo duque de Milán, abandonado no mar -xunto a súa filla- tras a traizón do irmán usurpador. A súa barca rematará nunha illa na que actuará de señor, grazas aos seus coñecementos da maxia, de varios espíritos. E un día, nunha tarde e grazas outra vez á maxia, Próspero enfía a vinganza. O barco do usurpador Antonio naufraga na súa illa despois dunha tempestade. Non obstante, Próspero sabe que as arelas de vinganza non poden con todo. E moito menos co amor, porque -se algo tenta demostra Voadora- é que o amor ostenta o poder; é máis forte cá noite máis longa, cós devezos de vendeta  ou có rancor enquistado. E os sentimentos entra a filla de Próspero e Fernando, fillo náufrago dun dos seus inimigos, é o mellor camiño para o perdón e a xustiza. “Co amor, coa maxia, coa música que hai... parece escrita para nós”, lembra Torres.  

Teatro dentro do teatro 

“Un dos motivos para a escolla do texto é que nel están todos os elementos recorrentes que tratamos nas nosas obras"

“Un dos motivos para a escolla do texto é que nel están todos os elementos recorrentes que tratamos nas nosas obras.” Como Hugo Torres, José Díaz sinala o corpus conceptual da compañía; formado polo amor, os sentimentos, a beleza, a estética, a música. Todas armas empregadas e exploradas ao longo da súa traxectoria;  sobre todo nas obras máis destacadas do seu repertorio: Super 8, Tokio 3 e Waltz.

“N’A tempestade tamén atopamos o teatro dentro do teatro, algo moi importante para nós"

Talvez esquezamos na enumeración outro trazos relevante da súa sensibilidade. Cómpre corrixir a omisión. “N’A tempestade tamén atopamos o teatro dentro do teatro, algo moi importante para nós.” O metateatro, para os de Voadora, é un xogo, unha arma máis do seu discurso escénico. E n’A tempestade, o continente e o contido mestúranse nun envoltorio metateatral. “A obra está escrita dese xeito. Trátase, en certo xeito, a figura de Próspero, unha sorte de director e xestor de todos os acontecementos que suceden na illa. Pódese considerar que foi a primeira gran obra metateatral”, reflexiona Hugo Torres.

O teatro como illa 

Adaptar a Shakespeare sempre ten as súas vantaxes, pero tamén os seus atrancos. As decisións poden gañar volume de salto ao baleiro, de murallas infranqueables, de foxas que sortear. As licencias, cuestionables ou non, hai que tomalas. Por fortuna, non queda máis remedio. “O texto non podía ser unha lousa. Hai que tomar licencias. Respectamos moitísimo o texto, mais non debía arretarnos. Nós somos sempre libres á hora de crear. Iso outorga os nosos espectáculos características especiais. Non queriamos perder iso”, defende Marta Pazos. As esencias de Voadora non se perderán, polo tanto, baixo a sombra de Shakespeare. Polo menos, intentarano. É unha sombra moi alongada.

Entre as licencias, destaca unha conceptual, de visión de conxunto e, unha vez máis, de fusión. “Mestúranse dous mundos. Un deles teatral puro, personaxes que van moito cara á visión do teatro clásico, co seu pano e a súa tremoia. Despois, temos outra serie de personaxes que veñen dunha estética máis urbana”, sinala Pazos.

O 4 de xuño estrearase en Guimarães antes de espallarse por Galicia adiante nunha xira no outono da que xa teñen previstas unha trintena de funcións

A nivel de escenografía, a illa de Próspero respirará maxia e unha visión posdramática. E aínda que haxa mar no texto, non veremos a area sobre as táboas como en Tokio 3, na que a praia era un non lugar con ansias de ser espazo. “A illa é o teatro, aquí falamos do teatro como illa”, sentencia a directora.  
Até xuño, a Voadora quédalle moito traballo por diante. Produción, composición musical, ensaios, etc. O camiño principio cando o equipo encerrouse uns días no Teatro Principal de Santiago para imaxinar, entre as butacas, a súa illa. O 4 de xuño estrearase en Guimarães antes de espallarse por Galicia adiante nunha xira no outono da que xa teñen previstas unha trintena de funcións. Queda por diante moito choio e, talvez, o máis complicado da maravalla: resistir á contabilidade.

Financiamento

En Galicia e nestes tempos, nove actores soa a superprodución. A algúns, mesmo a risco insostible. A crise cerca, a parálise estanca

En Galicia e nestes tempos, nove actores soa a superprodución. A algúns, mesmo a risco insostible. A crise cerca, a parálise estanca. “Decidimos unha vez máis o que nos gustaría facer. Se queremos facer un espectáculo, pesan máis os motivos artísticos cós monetarios. Por iso facemos A tempestade agora. Queremos facela. As posibilidades económicas de cada momento están aí, pero iso non determina a nosa axenda. Decidimos artisticamente o que queríamos facer.  Probablemente imos á contra”, explica José Díaz. Non só van contra a crise, tamén dos mecanismos habituais para acadar o orzamento preciso. “Temos todo tipo de financiamento, traballamos todas as posibilidades, contamos con coprodución co institucións públicas, con empresas privadas, cesións, apoios”, enumera Díaz.

Deste xeito, A Tempestade será unha coprodución de Voadora xunto o Centro Dramático Galego e a Mostra de Ribadavia. “En trinta anos, estas dúas institucións nunca traballaron xuntos... até agora”, destaca Díaz. Voadora corrixirá esa anomalía. Ademais e furando na súa xa considerable traxectoria en Portugal, a compañía contará coa colaboración directa das formacións lusas Teatro Bruto, Ao cabo Teatro e o Centro Cultural Vila-Flor de Guimarães, así como co patrocinio de empresas como Pousadas de Compostela e o bar A Cocotte, de Santiago.

E por riba de todos esta salsa de apoios, unha campaña en Verkami. “Temos todo tipo de financiamento, incluíndo unha campaña de crowdfunding, que servirá para financiar os soldos de dous dos nove actores”, explica Díaz.

“As axudas están pensadas para os que agardan polas subvencións para producir. O sistema, en realidade, non deixa de castigar os que traballan a outro ritmo, aos que producen primeiro e con antelación"

Quizais non é de todo exacto afirmar que exploran todas as vías de financiamento. Unha das que desbotan para este espectáculo  -polo menos, de entrada- son as subvencións directas. O motivo polas que non se acollen a elas non é outro que os calendarios. “As axudas están pensadas para os que agardan polas subvencións para producir. O sistema, en realidade, non deixa de castigar os que traballan a outro ritmo, aos que producen primeiro e con antelación. Nós traballamos a anos vista, levamos dous preparando A tesmpestade. É difícil para nós entrar na dinámica das subvencións tal e como se pensan en Galicia. Nós puidemos pedilas o ano pasado, a posteriori, para Waltz, pero agora non nos cadra ao xeito”, esmiúza José Díaz, quen aproveita a ocasión para destacar os motivos polos que lles concederon un galardóns o ano pasado. “O Premio da Crítica déranolo, líase na acta, por buscar novas fontes de financiamento, novos públicos, por tecer anovados vínculos con redes e persoas de Portugal. Resumindo, nós traballamos dun xeito diferente.”

Con esas vías de financiamento, Voadora prepara o seu novo espectáculo. Un gran formato, con William Shakespeare ao fondo, coas intencións e a vontade de fusión en primeiro plano. E sobrevoando todo, a estética da compañía. Non naufraguen, pero visiten a illa. Voadora agardará na praia, xusto á beira do mar.

Trátase dunha montaxe de gran formato, con nove actores en escena e na que Voadora mesturará o seu particular discurso escénico co texto dun dramaturgo clásico © Voadora
Os integrantes de Voadora © Isaac Piñeiro
Cartaz da obra © Voadora

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.