Voadora estreou no Galicia Escena Pro a súa nova montaxe: Calypso. Trátase dunha obra na que a compañía busca percorrer novas sendas, afastarse dos lugares nos que se sente “cómoda” e explorar ao “xeito dun laboratorio” o proceso creativo. E nese proceso, Calypso evolucionou e non parou de mudar. A idea orixinal, o cerne do espectáculo, era unha sorte dun achegamento ao ridículo. Ao principio, despois cambiou. E algo queda do ridículo, si, pero moito máis apareceu polo traxecto. Non querían falar de arte nin de teatro... E acabaron tratando tanto a arte coma o teatro. O camiño de creación é así e levou a obra por outros terreos inesperados. Polo menos, non agardados. Así xorde a arte, o teatro, o meta. Tamén a deconstrución da realidade. Para tratar esa deconstrución, na que a ficción interfire na propia realidade, a obra principia tapiando o escenario. Ao subir, o pano o espectador dá de bruzos cun muro, cunha cuarta parede que vén e vai, que se abre, que se pecha, que xira sobre si mesma. Segundo vaia a realidade e segundo marque a ficción. Ou ao revés. Detrás da cuarta parede, está todo. Diante dela, tamén.
Falamos con Marta Pazos sobre esta obra cuxa distribución, tras esta primeira estrea, chegará o próximo ano. O elenco está formado por Hugo Torres, Marta Pazos e Diego Anido / Jose Díaz.
En Calypso, ao abrir o pano, xorde a cuarta parede tapiando por completo o escenario. Que representa e que papel xoga esa cuarta parede na montaxe?
A cuarta parede foi unha aposta do escenógrafo e resulta moi significativa porque este é un espectáculo no que non queriamos falar de teatro. Non queriamos nin falar de teatro nin da arte, pero ao final todo o espectáculo vai sobre iso [risos]. É o que ten a creación, esa é a parte máis bonita e máis interesante, que vaian xurdindo ideas durante o propio proceso. Neste sentido, nós queriamos facer agora un traballo de laboratorio de verdade. É dicir, esquecer todas as cousas que nos fan fortes e todos espazos nos que estamos cómodos para ir á sala de ensaio e enfrontarnos co risco. Queriamos facer cousas diferentes ás que amosamos até agora. De súpeto, lanzouse a proposta da cuarta parede que, no fondo, é un paradoxo. Por que? Porque non queriamos falar de teatro e, de repente, tapiamos o teatro. Pareceunos unha gran idea cando a propuxo Jose Capela, que, ademais de escenógrafo, é arquitecto. Nós queriamos traballar con el porque mantemos afinidades no sentido do humor, na ironía. Temos moitos puntos en común e deu no cravo. Cando nos presentou esta proposta, quedamos un chisco estupefactos. Todos partiamos do mesmo concepto, do mesmo texto e el saíu con esta proposta. A cuarta parede nace nese proceso entre a creación e o texto. Un texto de Fernando Epelde que está a falar da realidade, da ficción e da construción da realidade. E, en definitiva, de como vivimos nunha ficción constante. Así xorde unha cuarta parede que tapia o teatro e temos un espazo do que o público non ve todo todo o tempo. Só ve fragmentos. Ao fin e ao cabo, queriamos falar do momento que estamos vivindo.
"Queriamos falar de como nos sentimos neste momento de fin de ciclo, onde o analóxico deixou de existir e nós, a nosa xeración, temos certa nostalxia..."
E que momento vivimos?
Nun momento moi completo [risos]. Hai de todo. Hai diante, hai detrás, hai cousas que se tapan e ao tempo nunca estivemos tan expostos. É que nunca estivemos nun momento de tanta teatralidade na propia vida. Nin de tanta falsidade. Mais non o digo só nun senso pexorativo, non. Referímonos a que cada persoa podo construír até certo punto a súa propia realidade. Como quere, como guste. Esa era unha das nosas preocupacións, pero non queriamos que fose un espectáculo sobre a xeración Facebook ou sobre as novas tecnoloxías. Queriamos falar de como nos sentimos neste momento de fin de ciclo, onde o analóxico deixou de existir e nós, a nosa xeración, temos certa nostalxia... Eu teño certa nostalxia diso e síntome agoniada polo polo presente. Tamén, claro está, pola incógnita do futuro. Pero non estamos a xulgar nada nin imos proclamando isto de “antes viviamos mellor, os discos en vinilo eran mellores”. Nada diso. Simplemente falamos de que vivimos un momento cíclico de cambio, vivimos un momento de fin. Estamos falando dun final de ciclo para a arte e para a ficción, sen esquecer os cambios na súa comercialización.
"Non queriamos nin falar de teatro nin da arte, pero ao final todo o espectáculo vai sobre iso"
Xa, pero... Non era que non querían falar de arte?
Non [Risos]. Por iso digo que é moi curioso cando entras na sala de ensaio cuns propósitos e hai algo que pasa co material, un feito marabilloso: lévate por onde el quere. E así foi e estamos moi contentos co resultado.
"Xorde unha cuarta parede que tapia o teatro e temos un espazo do que o público non ve todo todo o tempo. Só ve fragmentos. Ao fin e ao cabo, queriamos falar do momento que estamos vivindo"
Non querían estar nun espazo cómodo. Cal é ese espazo cómodo para Voadora?
A ver, nós levamos uns anos desenvolvendo un traballo que resulta recoñecible e que ten identidade propia. Temos unha linguaxe moi persoal na que nos sentimos moi cómodos. Falo da música en directo, de romper a cuarta parede, de falar co público dun xeito determinado, dunha estética particular, dun fío condutor de humor e ironía... Entón, queriamos probar a facer outra cousa neste momento. Houbo un momento en que quixemos dialogar cos clásicos e xurdiu A tempestade. E agora queriamos cambiar e facer un traballo cun autor contemporáneo, que escriba na sala de ensaios e que fai laboratorio. Non queriamos ir ao doado nin facer as cousas coma sempre. Eliminamos os nosos fortes para descubrir outro xeito de facer que nos enriqueza.
"O teatro é un elemento vivo. Un espectáculo non está pechado a día da estrea porque a nós nos interesa o ollar do espectador"
E o espectador notará eses cambios? Quero dicir, se cadra o público ve Calypso e chega a conclusión de que é outro espectáculo na mesma liña de Voadora.
Hai unha cousa do teatro que vive o artista moi claramente: o proceso. Ti podes ter un proceso marabillosos que che sirva moitísimo e co que crezas, pero que o resultado non cumpra coas túas expectativas. Nin coas do público. Iso non deixa de ser unha trampa, por unha banda, na que nós non queremos entrar... É dicir, nós queremos ser libres. Nós queremos facer bos espectáculos e ser moi consecuentes co momento artístico que temos. E queremos que o resultado sexa bo. Por iso, cando estreamos os espectáculos non están rematados. Por que? Porque seguimos traballando neles constantemente. A nós non nos interesa que sexa doutro xeito. O teatro é un elemento vivo. Un espectáculo non está pechado a día da estrea porque a nós nos interesa o ollar do espectador. Nós estamos creando na sala de ensaio e aí estamos nunha burbulla. O importante vén despois: o ollar de espectador e as conversas a posteriori. Hai sempre cousas que nós non vemos e o espectador completa. Vaia, funme un pouco polos Cerros de Úbeda...
Si, un pouco si. A pregunta era se o espectador vai notar a diferenza realmente no estilo de Voadora con este espectáculo ou opinará que segue a mesma liña de Voadora.
Non o sei. É verdade que si hai, creo, un selo inconfundible. E o espectador percibe iso. Pero é coma se ti estás en pixama, logo con chándal saes a correr e máis tarde vas a unha voda cun vestido de noite. Segues sendo ti, pero o vestido vai mudando. Pero a nós interésanos que os espectáculos estean ben feitos, sexan da índole que sexan. No teatro, na arte, ti non podes estar pensando todo o tempo na expectativa que o público ten de ti, se o fas estás morto. Vas irremediablemente a facer un produto e pensar só no resultado. Nós non queremos iso. Nós traballamos na creación e queremos ver que atopamos polo camiño.
"Nun libro de Juanjo Saez pódese ler aquilo de que “na vida coma na arte hai que elixir entre sentir e entender”. Para nós iso é unha máxima. Nós escollemos sentir"
Estou a lembrar que nun libro de Juanjo Saez, pódese ler aquilo de que “na vida coma na arte hai que elixir entre sentir e entender”. Para nós iso é unha máxima. Nós escollemos sentir. Non entender un espectáculo é contraproducente, vale, porque o espectador pode sentirse perdido. Pero é moi gratificante que se abandonen ao sentir. Nós facemos ese camiño, unha vida de sentimento.
“M, H e J crean a realidade antes de que nos levantemos cada mañá para vela. Perdemos a realidade cada noite, xusto cando a última persoa de cada poboación dorme”. Nestas frases sobre Calypso resúmese un dos aspectos centrais da obra: a construción e deconstrución da realidade.
É curioso como chegamos á construción da realidade, porque o tema inicial para traballar foi o ridículo. De aí ven o de Calypso, pero Calypso tamén é a que oculta. De súpeto, no material casaban unhas cousas con outras. Descubrimos un libro que nos regalou Iñaki Martínez Antelo que era un catálogo dunha exposición que se chamaba Cousas que só unha artista pode facer. Alí, falábase do mito de Sísifo. Iso interesoume moitísimo, porque moitos artistas falan do home contemporáneo, que fai un gran esforzo para acadar unha cousa pequena que ao día seguinte vai estar de novo por facer. Ten esa pena, ese traballo. A nós parecíanos moi interesante e que tiña moito que ver co momento que estamos vivindo. Moitas veces estamos perdidos nesa bola e non te decatas da marabilla das cousas pequenas. Diso moitas veces falamos nos espectáculos, deses detalles. Aí chegamos á creación e apareceu esa idea dun grupo de xente que fai a realidade. Aí comezou o prisma sobre asunto e apareceu a arte e o teatro cando non queriamos falar nin dunha cousa nin da outra.
"Todo está traballado con certo toque operístico, magnificente deste ser humano que está perdido, pero que tamén pode facer cousas marabillosas"
E canto quedou dese ridículo primixenio?
Estamos nun momento moi paradoxal precisamente. Que queda? Queda na reflexión propia do texto e o ridículo está, se cadra, nas pinceladas. Por exemplo, na posibilidade que representamos na montaxe desa cámara de ouro do Banco de España na que pensas que está, a non sei cantos metros de profundidade, todo o ouro e non son máis que tabletas de chocolate... Pois aí está o ridículo e o paradoxo. E todo tratado con ironía. Todo está traballado con certo toque operístico, magnificente deste ser humano que está perdido, pero que tamén pode facer cousas marabillosas como fai Mozart... É que arte é a redención.
Quizais a presenza da arte onde ten maior claridade é na escena final, cando presenciamos como un corpo humano se converte en cadro vivo, nunha obra de arte. En que outros momentos está presente?
Pois está moi presente cando tratamos a mercantilización da arte, por exemplo. Faise unha recreación da obra de Marina Abramovic, The Artist is Present. É unha grande falacia. Para min é un dos momentos favoritos, porque é fantástico o que aconteceu con iso nas redes sociais. Compártese como un vídeo da artista nunha reunión co triunfo do amor. E é todo mentira, é un circo montado por ela mesma. Pois como se utiliza iso, estamos falando dunha cousa aparentemente real e de como a realidade se mete na arte e, a verdade, é completamente ao contrario. É a arte a que manipula o ollo da realidade. É mentira, é Hollywood. E ademais está envolto en celofán para que ti o comas. Por iso escollemos este momento para falar da arte agora mesmo, sobre o que está pasando.
"Ao principio cárgase contra o pasado, pero ao final tamén está presente. Falamos dun ciclo e volvemos a Sísifo"
Na obra, tamén se está falando do peso do pasado co inicio do muro. Abrimos o pano e o primeiro que vemos é un muro. Vemos o teatro tapiado e lemos: “Cada vez que atopades muros paralizades todo. Porque os muros son monumentos”. Estase a falar así do peso do pasado, pero complétase ao final. É dicir, ao principio cárgase contra o pasado, pero ao final tamén está presente. Falamos dun ciclo e volvemos a Sísifo. Falamos da pedra, do gran esforzo que facemos porque non importa se eu vou estar mañá ou se vou morrer... O sol volverá saír outra vez e haberá outras persoas que fagan o meu traballo. Non somos tan importantes. Trata de relativizar. A obra comeza cargando contra a obra do pasado e termina coa redención desa arte. É dicir, damos caña constantemente ao ser humano, pero recoñécese tamén que somos quen de facer cousas marabillosas. A obra está salpicada de arte clásica como representación do cadro renacentista de Calypso e tamén de elementos da arte contemporánea.
A obra estreouse no Galicia Escena Pro? Temos próximas funcións xa?
Estamos pechando Calypso, pero non teremos máis representacións até o ano que vén. Non temos tempo. Queremos facer temporada en marzo e abril. Temos unha axenda apertada e hai outros proxectos proximamente.
Para pechar, quería preguntarlle por outro tema. Entidades como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega ou a Academia do Audiovisual procuran impulsar en colaboración coa Secretaría de Igualdade un estudo sobre a brecha laboral das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual. Como ve...
Esta é unha conversa recorrente cando es muller, eh! [Risos] Son deste tipo de cousas que non te preguntan cando es home, sabes? E esa é unha reivindicación que temos que facer. Por que non lle preguntas a un home?
"Os números son preocupantes no referente a porcentaxes de homes e mulleres que ocupan cargos na dirección ou na problemática das actrices que é moi evidente"
A próxima vez. Tomo nota.
Si, por favor. Apúntao. Pregúntalle ao próximo director ou actor que entrevistes [Risos]. A ver, fai pouco tiven a oportunidade de participar nun encontro de creadoras no Fito feito por Marta Pérez, de Inversa Teatro. E foi moi interesante, porque moitas veces traballamos nunha burbulla. Quero dicir, eu traballo cun equipo e cunha xente e non somos conscientes desa brecha. Nós traballamos con homes e con mulleres. Moitas veces, as mulleres son as xefas de equipo e nunca houbo conflito. Para nós é algo natural... na nosa casa. Entón, claro, saes fóra e cóntache cousas, saes da burbulla, ves os datos. Si que pasa e pasa na nosa profesión. Cos soldos, coas porcentaxes de contratación, con todo. Falamos de estatísticas. Cando ves as estatísticas que se presentan, decátaste de que aquí nos están dando p'al pelo. Os números son preocupantes no referente a porcentaxes de homes e mulleres que ocupan cargos na dirección ou na problemática das actrices que é moi evidente. Eu o ano pasado fixen A tempestade con oito homes e unha muller, o texto de Shakespeare era así. Nese momento o que me apetecía era facer esa obra e traballar con esa xente. Non miramos se son homes ou mulleres. E cando traballo con só mulleres, non destaco que sexan só mulleres. Son profesionais e hai que traballar dende a normalidade... Claro, iso é a cousa ideal, pero os números son os que son. As estatísticas tamén.