Hai pouco, a dramaturga, directora, actriz e escenógrafa Marta Pazos participou no festival Paris Ne Finit Jamais para achegarlle ao público a súa visión da dirección de escena contemporánea. Fíxoo por internet desde o seu estudio, en Santiago, despegando dunha cortiza uns círculos de papel nos que previamente apuntara palabras a partir das que explicou algunha das claves do seu traballo. Decidimos copiarlle a idea para esta entrevista, motivada pola súa recolla, o venres 17, do Premio de Honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Pazos desenvolveu nunha conversa telefónica os conceptos que lle propuxemos en relación co que significan para ela e a súa traxectoria artística.
MIT. É un encontro que teño colocado nun lugar moi especial. Significa o cruzamento de cousas moi boas: polo pulo que supón para o o noso traballo, polas persoas coas que nos pon o contacto, polas sinerxias que crea e polo que vivo como espectadora. Levar o Premio de Honra foi un “touché”, algo inesperado. E valoro especialmente o esforzo que tivo que supoñer erguer algo así nun ano tan extraordinario. Falaba Roberto Pascual de facer as cousas ben, de traballar desde o coidado. Pois trátase diso.
Clásicos (Shakespeare). Pois Shakespeare para min é cultura pop. É a perfecta combinación entre pasado, presente e futuro. É algo tan sólido que nel está todo, que permite facer deconstrucións, transformacións, manténdose totalmente en pé. Shakespeare acuñou expresións que temos incorporadas á linguaxe sen darnos nin conta. Escribía para o pobo e a min interésame ese carácter popular, e do universal a través do particular. De Shakespeare fixemos ‘A Tempestade’, o ‘Soño dunha noite de verán’, agora estamos con ‘Othello’ e hai xa anos fixeramos un primeiro ‘Soño’ no que mesturamos texto do ‘Soño’ de Shakespeare co ‘Adán e Eva’ de Mark Twain ou coas ‘Metamorfoses’ de Ovidio. Como actriz tamén fixen ‘Conto de Inverno’.
“Hai quen pensa que destrozamos a Shakespeare, pero eu penso que o que facemos é dialogar con el”
En calquera caso, o noso traballo, en xeral, está moi impregnado por Shakespeare. Tentamos conectar tamén coa súa musicalidade… Hai quen pensa que o destrozamos, pero eu penso que o que facemos é dialogar con el. Tentar traer ao presente conflitos que impactaron o público de hai 400 anos de xeito que o conflito quede intacto. E levando o texto, claro, á nosa estética, a nosa linguaxe. Eu entendo que hai quen o perciba como un destrozo pero creo que é parte do xogo: desconfío dos traballos que causan unanimidade no espectador. Haberá a quen lle guste e a quen non.
Posdrama. Pois é algo que teño tan incorporado que me resulta un termo obsoleto. Unha vez Inma López Silva, nunha crítica, dixo que facemos poscomedia. Identifícome máis con iso. Tamén coa idea de fragmentariedade. Entendendo os espectáculos como algo moi orgánico, non xerárquico, no que o texto é tratado de xeito non ortodoxo porque está ao mesmo nivel que outros elementos: o vestiario, a dramaturxia da luz, o traballo das intérpretes… Como nunha pintura na que mesturas con liberdade as cores nunha paleta.
“Entendendo os espectáculos como algo moi orgánico, non xerárquico, no que o texto é tratado de xeito non ortodoxo porque está ao mesmo nivel que outros elementos: o vestiario, a dramaturxia da luz, o traballo das intérpretes”
Imaxe (beleza). A plástica é o meu, a miña auga. A plástica, a imaxe, é o primeiro que penso dos espectáculos. E isto vén moi marcado pola miña formación en Belas Artes. Eu empecei como pintora e dos cadros pasei á performance e de aí ao teatro. Fun dos óleos, as texturas, os acrílicos, á arte de acción co corpo como instrumento, e desde aí cheguei ao teatro.
Arte pop. Interésame moito o presente, a actualidade. E a arte pop para min é iso: o que está pasando no presente, expresado dun xeito non intelectualizado. Tamén me interesa, como material de traballo, a plástica, a música, o videoclip… Estou moi ao tanto das novas tendencias e das correntes filosóficas que baralla a cultura pop. Quero facer teatro co presente, co que acontece na rúa, co real. Interésame o teatro verité, introducir o real no que acontece no palco. Sempre desde o diálogo entre o real e a fantasía. En relación con iso está, por exemplo, a idea de ter intérpretes non profesionais, que o fixemos en ‘Garage’ -traballadoras da industria do automóbil-, en Joane -adolescentes-, en ‘Don Juan’ -persoas maiores- ou en ‘Soño dunha noite de verán’ -unha persoa transxénero que é militar-.
“Quero facer teatro co presente, co que acontece na rúa, co real. Interésame o teatro verité, introducir o real no que acontece no palco”
O real. O real é o que empapa o proceso creativo que leva a unha peza. Os fíos invisibles, o que acaba reflectido aí e co que tratas de facer material escénico. Nós estamos traballando agora con ‘Othello’. Poderiamos facer unha montaxe aristotélica do texto, literatura dramática en tres dimensións. Pero preferimos traballar co pensamento que hai detrás da obra, con algúns dos seus conceptos, meténdonos no real, que neste caso é a posverdade, o feminicidio.... Cada proxecto ten ademais un impacto na vida: nas persoas que están traballando nel, no público… E nós utilizamos iso tamén como material escénico: os espectáculos non rematan cando se estrean, senón que seguen transformándose en función do que pasa con eles.
Éxito. É difícil responder, pero para min relaciónase coa palabra comuñón, co contacto directo. A comunicación entre o público e os artistas, cando se dá, é moi gratificante. Nós traballamos para o público. Éxito é encher o teatro pero tamén que haxa xente que marcha porque non lle gusta o traballo. Porque iso é que o espectáculo está actuando a nivel emocional, que non está morto. Eu quero facer un teatro transformador, que é o tipo de teatro que me gusta como espectadora. Quero sentir que non son a mesma persoa cando saio do teatro que cando entrei. E se ademais me divirto, se a montaxe é un torrente de emocións, pois fabuloso. Nós como compañía estamos nun momento moi doce niso. Temos unha moi boa resposta por parte do público e das estruturas que nos apoian e que acompañan a nosa evolución.
“Éxito é encher o teatro pero tamén que haxa xente que marcha porque non lle gusta o traballo”
Nomadismo. O noso estado natural. É riqueza, é aventura e é a verdadeira fonte de inspiración do noso traballo. Agora podería falarche tamén de conciliación… Pero si: se a fonte do meu traballo é o real, teño que coñecelo e iso implica moverse, ver. É algo que falo bastante con Fernando Epelde, que é máis nómade aínda ca min. El di que é necesario moverse para poder falar da vida. Fago miñas as súas palabras.
Multiculturalidade. Traballamos coa pluralidade de linguas e culturas e isto tamén ten que ver coa nosa forma de mesturar linguaxes. Facemos un traballo interdisciplinar. É un abrir, un abranguer que vai do persoal ao universal, que colle o universal para facelo persoal. A multiculturalidade é algo que me produce moito interese e moita curiosidade. Está en ‘Siglo mío, bestia mía’ ou en ‘Sots l’ombra d’un bell arbre’, no que aparecían a multiplicidade de linguas e de relixións, e que fixemos en coprodución coa asociación Propositário Azul de Portugal e coa compañía TeatrodeCERCA e Teatre Tantarantana de Catalunya. Neste espectáculo había tres sabios falando cada un da súa relixión e acompañámolo de relatorios de teólogos por exemplo…
“Nós decidimos traballar desde a periferia e iso fainos mudar a nosa mirada”
Periferia. O noso primeiro traballo como Voadora foi un espectáculo sobre a periferia que se chamaba ‘Periferia’. Eu xa levaba 10 anos facendo teatro, pero foi a primeira vez que nos xuntamos como compañía. Temos unha tendencia a ir cara o centro porque alí está o éxito, o brillante... Pero nós decidimos traballar desde a periferia e iso fainos mudar a nosa mirada. Unha vez que te viras e traballas aí podes tentar empurrar os límites da periferia, transformar tamén aí. Cando pintaba eu non ollaba o primeiro plano, senón ao pequeno, o accidental, o máxico… Ollar desde outro sitio axuda a facer algo máis xenuíno.
Xénero. E como non? Como non traballar desde esa perspectiva? É algo que teño tamén moi incorporado, pois é un xeito de estar no mundo. Non concibo outra maneira de facer teatro que desde unha perspectiva de xénero. E non o digo só polo tema que podemos tratar, senón porque creo que esa óptica debe impregnar todo o noso traballo, debe estar na propia esencia da compañía. Refírome ao xeito de facer teatro, porque co noso oficio tamén habitamos un mundo e deixamos un mundo aos nosos fillos e fillas. Ademais, nós como artistas ocupamos unha posición de privilexio, o noso traballo pode ter un impacto e a sociedade precisa ter referentes de todo tipo. Cando fixemos o ‘Soño’ tamén organizamos coloquios por iso, porque como sociedade precisamos referentes diversos e eses referentes deben estar representados no palco e non só aparecer como temática.
“O egocentrismo está moi vencellado ao heteropatriarcado, a unha estrutura de poder piramidal”
Egocentrismo. É un tema que tratamos directamente na ópera ‘Je suis narcissiste’. É un vello tema do oficio da cultura. O egocentrismo está moi vencellado ao heteropatriarcado, a unha estrutura de poder piramidal propicia para os comportamentos tiránicos, para o mal uso do poder. Eu creo que debemos falar de singularidades, non de egos. Cada persoa achega a súa singularidade e o resultado debe vir por unha suma de singularidades. Egocentrismo é anular as outras singularidades. O contrario é construír outra forma de liderazgo, habitar a autoridade desde outro lugar. É algo que como directora a min xa me saía naturalmente pero, ao comentarmo a xente, tamén comecei a reflexionar máis sobre iso.
Precariedade. Pois algo que me produce moita rabia e máis tal como quedaron as cousas despois do confinamento. A precariedade está moi presente nas artes escénicas e na arte en xeral. Eu nunca me sentín tan artista como durante este peche, nunca quedara tan clara a importancia do noso traballo. O cine, as series de TV, a lectura, as visitas virtuais a museos… alimentaron o noso espírito, pero o sistema non valora iso. Tamén depende moito do país, das políticas culturais…, pero en xeral a precariedade acompaña o noso traballo. Nós traballamos para que os artistas que veñan despois traballen en mellores condicións, igual ca antes ca nós outras persoas loitaron para que nós teñamos as condicións que temos, porque malia todo houbo melloras. Mais o noso traballo, en xeral, non se considera como debera e ademais non interesa. A pesar de ser tamén unha industria que pode mover riqueza.
“Eu nunca me sentín tan artista como durante este peche, nunca quedara tan clara a importancia do noso traballo”
Símbolos. Pois é outra maneira de relacionarse co mundo. O símbolo é algo que me permite traducir os conceptos a unha linguaxe perceptible e ademais permíteme conectar co máxico. Utilizo o símbolo tamén desde que pintaba. Con todo, os meus primeiros espectáculos eran máis barrocos e despois fun depurando, facendo unha interpretación espacial máis lírica onde o símbolo é protagónico. Ás veces falo de esencialiación, de reducir todo á súa esencia, retirando o supérfluo. O símbolo axuda a iso.
O onírico. É un xeito de entrar no extraordinario. O soño está no noso día a día: soñamos cada día, aínda que non lembremos os soños. O soño é un xeito de traer fantasía ao real, de levar o cotián ao escénico. Eu soño moito os espectáculos. Aproveito moito o que soño: moitas veces non inmediatamente, pero tomo notas que despois igual utilizo tempo despois. Os soños son un material máis do que bebo, como a novela gráfica, na que tamén pasan cousas que no mundo real non serían posibles.
Amor. Pois é o gran tema ao que volvemos sempre, o eixo dos nosos espectáculos, aínda que ás veces non o pareza. É o noso tema imán, que atrae e produce conflito. Interésame tamén como obxecto de estudo. En ‘Othello’ falamos dos celos e iso lévanos a pensar como evoluciona ese concepto de posesión malentendida. Agora está presente o tema do poliamor, que supón unha revolución nese aspecto. O amor está presente ao longo de toda a nosa traxectoria, primeiro tratado dunha maneira máis naïf e agora máis profunda. Aínda que, como todo, procuro tratalo de xeito que resulte lixeiro, aéreo, sen peso, o cal non quita que sexan temas serios.
Endogamia. Pasa no teatro galego e noutros lugares e é, en certa maneira, inevitable debido á precariedade na que nos movemos, que leva a un instinto de protección. Mais é o mesmo que pasa en moitos outros oficios. Ademais, o noso traballo é 24 horas: non podemos pechar a oficina ás 5 da tarde. E iso tamén favorece a endogamia porque temos o traballo moi costurado á vida. É algo que recoñezo nos artistas de Galicia, esa obsesión polo traballo...
“Eu fago teatro para os sentidos, teatro sensorial”
Sexo. Pois é outro tema que me interesa especialmente, que relaciono moito cun estado de liberdade puro, na conexión coa outra persoa e cunha enerxía superior. É un estado alterado dos sentidos e eu fago teatro para os sentidos, teatro sensorial. Interésame o que teña que ver cos sentidos, coa paixón, coa sensualidade, que é algo que tamén quero que traspase o público.
Memoria. Falabamos antes de Shakespeare, que se pode vertebrar con isto. Para traballar no presente hai que ter en conta o que fixo o que é o presente, e o noso background, a memoria do noso contexto, da nosa xeración… É algo que teño tamén moi presente de modo moi plástico. Non teño necesidade de “matar o pai” como aos 20 anos, e recoñezo a importancia da tradición, do contexto, da memoria como algo co que podo dialogar, sexa ou non consciente.
“Non entendo a representación de conceptos sen coselos a un ollar irreverente e desde o humor”
Humor. É unha necesidade tamén. Non entendo a representación de conceptos sen coselos a un ollar irreverente e desde o humor. E iso tamén está na nosa tradición cultural: a retranca, que é algo que notan moito cando traballo fóra. Esa forma de relacionarse que tiñan os meus avós ou que teñen os meus pais. É algo que mamamos… E tamén conecta co que falabamos antes do feminino. Porque o humor asociouse tradicionalmente ao masculino, porque se consideraba algo intelectual: os grandes cómicos eran homes. E reivindicar o humor desde a nosa perspectiva é tamén unha postura política.
Tránsito. A idea de atravesar, de transitar, tamén está moi presente no que facemos. E ten que ver coa periferia. Nós estamos sempre na raia, na metade do Miño, entre Galicia e Portugal. E iso é rico, leva a un estado anímico que permite situarse en calquera lado, con liberdade absoluta. E tamén é parte da nosa idiosincrasia como pobo, como di o tópico: non se sabe se sobes ou baixas. Para min o tránsito está relacionado co misterio, co enigma, con non saber onde vamos acabar. Con estar sempre nin en A nin en B, senón na intersección, nun tránsito permanente. Isto implica confusión, indefinición, e nós tratamos de facer algo sólido a partir diso. En realidade, todos os nosos espectáculos forman parte dun mesmo proxecto artístico, non son unidades isoladas. Hai preguntas que lanzamos nun espectáculo e que respondemos tres espectáculos despois.
“Nós estamos sempre na raia, na metade do camiño. E iso é rico, leva a un estado anímico que permite situarse en calquera lado, con liberdade absoluta”
Poesía. Para min ten relación coa música e co tempo, co tempo escénico e co tempo da palabra. E co onírico. Antes falaba do concepto de esencialización. Pois a poesía ten que ver con isto: reducir á imaxe, á metáfora… Tamén hai poesía en detalles como as cancións que facemos, que son poemas.
Danza. Encántame a danza, creo que máis aínda que o teatro. É a ponte que pode abrir o concepto, porque o corpo pode chegar a sitios onde non chega a palabra. Tamén ten que ver co sensorial. Está sempre presente no noso traballo.
Xogo. É o noso xeito de facer teatro. Non entendemos o noso oficio sen o lúdico, non se pode materializar o escénico sen o lúdico. Ou sen a ilusión e o coidado. E tamén está intimamente relacionado coa irreverencia e a ironía.
“Non entendemos o noso oficio sen o lúdico, non se pode materializar o escénico sen o lúdico”
Referencialidade. Está relacionada tamén coa memoria. Supón ter presentes as persoas que nos fixeron felices, que nos impactaron como público. Eu non escondo os meus referentes, aínda que ás veces non estean presentes de forma moi explícita. E recoñecer a riqueza que nos deron é fundamental. Pasou coa creación feminina: non existía porque non se nomeaba e por iso houbo séculos de invisibilidade.