A oitava edición do Escenas do cambio celébrase do 5 ao 8 de maio na Cidade da Cultura con oito estreas absolutas como a nova obra de Voadora e varias pezas creadas no propio Gaiás
Avanzar na experiencia escénica e na relación do público co teatro é a razón de ser do festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio, que volve do 5 ao 8 de maio na súa oitava edición á Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Un certame dedicado á actriz María Casares no seu centenario, sobre a que versarán unha exposición e mais un encontro.
"Esta edición fará fincapé na dramaturxia, esa que dá voz e forma primeira a todo, a que inicia o proxecto, a que imaxina o que sucederá despois", explica a directora artística do festival, Lola Correa. "Este ano convidamos a cinco dramaturgas galegas para que, nun percorrido-paseo, nos leven a ese mundo interior, ao lugar onde nacen as ideas e por que non, os soños –salienta–. Helen Bertels, Helena Varela, Ana Abad, Ana Vallés e Gena Baamonde serán as encargadas de descubrir o concepto menos recoñecido (quizais) do teatro: a dramaturxia".
Unha edición con oito estreas absolutas e catro estreas en Galicia que conta cunha forte presenza de artistas e compañías do país. Polo Escenas do cambio pasarán Mateo Feijóo, Mercé de Rande, Ramón Souto, as compañías Teatro et al. e Voadora, e as dramaturgas Helen Bertels, Helena Varela, Ana Abad, Ana Vallés e Gena Baamonde; que participan en Escenas (Con)Textualizadas coa creación individual dunha peza que busca atravesar as entrañas do Museo Centro Gaiás cun percorrido singular, para expresar nun itinerario a arte do texto.
Unha desas estreas absolutas do Escenas do Cambio é a de Hoax Hamlet, a nova obra da compañía Voadora. Unha peza dirixida por Hugo Torres coa que compañía celebra 15 anos sobre os escenarios. "Hoax Hamlet é unha fábula, un monstro, unha historia de amor, un fillo. É teatro, pero tamén é outra cousa", avanza Torres, quen tamén asina, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. "Esta peza é unha homenaxe ao noso equipo técnico, ás persoas que traballan habitualmente con nós e que, en xeral, nunca vemos sobre un escenario", destaca.
En Facendo novos camiños preséntanse tres propostas de vangarda que atravesan disciplinas múltiples e que se desenvolveron dentro do programa de Residencias artísticas do Gaiás. Tres artistas galegos con proxección internacional mostran no festival o resultado das súas investigacións ao redor do concepto de camiñar.
O director artístico, coreógrafo e programador Mateo Feijóo constrúe en Sons do esquecemento ou A navalla do Tempo un diálogo coa memoria, cun territorio e cunha herdanza colectiva ao fío do esquecemento. Propón ao espectador unha experiencia sensorial coa que favorecer a reflexión ao redor dun legado ao que cómpre darlle voz, e faino desde a parroquia de Vilar, na comarca da Baixa Limia.
A artista interdisciplinar viguesa Mercé de Rande combina en MU-Danza. Unha muller que camiña movemento e vídeo nunha peza que se constrúe de xeito específico para un espazo expositivo do Gaiás. Crea o seu propio relato sobre a experiencia de camiñar e como esta nos conecta coa memoria e o tempo, co espazo e tamén coa natureza.
O compositor e artista sonoro Ramón Souto propón con NIHIL un concerto ao amencer (o 8 de maio ás 6.30 horas) desde o Campo do Gaiás. Unha experiencia que explica así: "A noite é longa pero branca. Resplandecente. Grazas á potencia da nada, a impotencia pode ser atravesada".
A transversalidade (de linguaxes, de corpos, de espazos) tamén marca esta edición que se move alén do Gaiás, pois o paso de Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi pola anterior edición de Escenas do cambio, e o seu fortuíto recalar en Fisterra nese tránsito, puxo a semente para levar a súa última proposta de teatro portátil, ¿Qué es el agua?, ata o cemiterio e a praia da Langosteira desta localidade da Costa da Morte.
A Cidade da Cultura eríxese ademais en espazo específico para o nacemento da performance como é o caso de Raíz de dos, de Nieves Correa e Abel Loureda, e da intersección entre a danza e o teatro que propón Sara Molina en OUTsideINsideOUTside. O programa completo do festival pode consultarse aquí.
Centenario María Casares
María Casares – Pedro Soler. Colliure 1989 é a mostra coa que Escenas do Cambio homenaxea á actriz coruñesa no centenario do seu nacemento. Nela se expoñen obxectos e pezas inéditas dunha das últimas xiras que Casares fixo por Francia acompañada do guitarrista de flamenco Pedro Soler e doutros artistas como Enrique Morente. Poderá visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 28 de agosto.
Ademais, o 5 de maio terá lugar un encontro para reivindicar a pegada que deixou María Casares coa participación da escritora Anne Plantagenet, autora da biografía L‘Unique, Maria Casarès (La única, María Casares, en Alba Editorial); o director e actor de teatro Lluís Pasqual, que tivo o privilexio de asistir como espectador a varias das representacións de Casares; e o guitarrista Pedro Soler, que a acompañou ao longo da súa carreira e ofrecerá un breve recital no acto, presentado por Lola Correa.
As entradas para Escenas do Cambio 2022 están á venda no Museo Centro Gaiás e no sitio web de Ataquilla. O abono para todo o festival custa 25 euros. Os prezos das entradas individuais dos diferentes espectáculos oscilan entre os 5 e os 15 euros. Varios espectáculos e encontros son de balde, previa retirada de convites nos mesmos espazos.