“Precisamos algo que vaia máis alá do racional, sexa o espiritual, o fantástico, a beleza, o risco”

Imaxe da montaxe 'El diablo en la playa', de Matarile © Edición Rusa

A nova montaxe de Matarile, ‘El diablo en la playa’, é un achegamento ao caos, á necesidade de atopar un camiño para non colapsar, do que falamos coa súa directora, Ana Vallés

Tras a súa estrea na sala Ártika, en Vigo, Matarile leva ao festival Escenas do Cambio a súa nova peza, El diablo en la playa. Un achegamento -máis- ao caos, á necesidade de atopar un camiño para integrar o azar, o irracional, o raro, nas nosas vidas. Para non colapsar. Sendo a arte, e o propio teatro, unha das sendas para abrir unha fenda na capa protectora da lóxica, do previsible. Para experimentala, liberando o corpo. Amosando a cara oculta. Falamos desta obra -interpretada por Celeste González e Claudia Faci e con escenografía, espazo musical e iluminación de Baltasar Patiño- coa súa directora, Ana Vallés.

El diablo en la playa naceu como parte dun proxecto máis amplo, non si?

É un preámbulo de algo que estrearemos no 2022. As circunstancias que vivimos aceleraron a estrea desta primeira parte. O que ía ser un díptico nun só espectáculo converteuse en dúas pezas.

A peza fala, entre outras cousas, de demos e praias. Por que ese título?

Os títulos sempre son provocados por imaxes, sensacións, conceptos… Aínda que poida parecer que non teñen relación aparente. O demo é un anxo caído. En realidade, o anxo máis belo e querido por Deus, que é castigado por querer crear coma Deus, por emular a súa capacidade de creación. Como imaxe, ten que ver coa ousadía de crear, de facer algo que non existía. Unha praia é como un teatro. Un non-lugar no que o límite entre a terra e o mar é algo difuso, onde as pegadas se perden. Un teatro é tamén un non-lugar que só existe no momento concreto, no momento do encontro.

Con Celeste xa traballaras varias veces. Por que optaches por Claudia Faci para compartir esta peza con Celeste?

“Parecíame moi atractiva a idea dos dous físicos contrastados: por estatura, por enerxía…” 

Claudia achegouse a nós cando fixemos a audición en Zaragoza para Daimon y la jodida lógica. Falamos dunha posible colaboración no futuro e a oportunidade xurdiu con esta peza. Claudia e Celeste xa se coñecían tamén e tiñan ganas de traballar xuntas. As dúas teñen unha formación de orixe semellante, en danza clásica… Son dúas mulleres maduras cunha traxectoria potente. Ademais, parecíame moi atractiva a idea dos dous físicos contrastados: por estatura, por enerxía… E hai moita complicidade entre elas.

Imaxe de 'El diablo en la playa', de Matarile © Rubén Vilanova

Unha das ideas que saen é a do monstro. Como se elas se reivindicasen como monstros. Por que?

“A riqueza é facer patente a cara escura, que pode ser terrorífica pero ao mesmo tempo bela”

Porque todo o mundo ten algo de monstro e a min gústame que iso saia. Non me gustan os personaxes de mirada única, de consigna, de mensaxe único. A riqueza é facer patente a cara escura, que pode ser terrorífica pero ao mesmo tempo bela. Porque nos mostra o insospeitado. Pode ter unha enerxía que nos asusta porque nos leva ao descoñecido, non porque agoche algo maligno. As dúas intérpretes ofrecen caras e roles diferentes ao longo da peza. Van abrindo portas e camiños. Gústame esa polisemia. Gústame que se vexan as caras ocultas.

Outro dos temas que saen é a identidade, sobre todo a través de Celeste: non saber quen é “eu”...

A identidade é un tema que está sempre ultimamente nas miñas pezas. É fundamental e coherente coa idea do que mostramos, do que expoñemos de nós mesmos. Ademais no caso de Celeste é consubstancial ao seu tránsito persoal. El El Diablo hai textos meus e seus, coma o que fala da súa posición ante a escena. E textos meus que poño na boca dela. A identidade está sempre aí, si, e é un tema inabarcable. Antes estaba repasando unhas notas sobre a imaxe e a idea. Imaxe vén do latín, de imago, e idea de eidos, do grego. A imaxe conleva unha idea. A identidade tamén conleva unha idea. Un xeito de situarnos, de habitar o mundo.

A idea de partida deste espectáculo parece, porén, o caos. A necesidade de aceptar o caos como parte da vida. Que en realidade xa estaba en Daimon: o que escapa da razón, o azar… En El cuello de la jirafa estaba o misterio e en Circo de Pulgas o monstro. Están todas relacionadas. Por que esa relevancia do caos?

“A ciencia e a filosofía crean un paraugas para protexernos do caos pero a arte crea unha fisura pola que volve entrar o caos”

Pola necesidade que temos os seres humanos doutra realidade, de ir alén da lóxica. Pactamos unha lóxica que nos serve para o que nos serve, pero non é suficiente. Precisamos algo máis, sexa o espiritual, o fantástico, a beleza, o risco… Todo iso é un estímulo que buscamos e precisamos. Partimos da idea de caos de Deleuze, que reflexionou sobre a ciencia, a filosofía e a arte como xeitos de controlar o caos. A ciencia e a filosofía crean un paraugas para protexernos do caos pero a arte crea unha fisura pola que volve entrar o caos. O caos tamén pode volvernos tolos, pero non podemos confialo todo ao racional.

En varias das túas pezas tes tratado tamén o tema da perspectiva: o espectador respecto da peza, as intérpretes respecto do espectador… Nesta fálase tamén de perspectiva no sentido de como ver mellor, porque se nos achegamos demasiado aos demais, deixamos de velos. 

Di Roy Andersson que o plano xeral di máis da persoa que o seu rostro. E isto relaciónase co corpo: como presentar o corpo, como parte do plano xeral ou como un primeiro plano, remarcando un estereotipo? Aquí o corpo xoga en relación con outro corpo, por contraste, e co espazo, que é determinante. Un espazo que pode ser un interior, unha paisaxe…

Montaxe de 'El diablo en la playa' © Rubén Vilanova

Nesa escenografía hai elementos moi recoñecibles da túa creación como a mesa. 

“A luz é o elemento espacial máis importante, máis que o propio espazo” 

A mesa é como un escenario dentro do escenario que serve para amplificar cousas. Para o nu de Claudia coas botas vermellas, para o torso nu de Celeste… Mais en realidade o espazo está conformado pola luz. A luz marca todo, é moi potente nesta peza. Marca os nus, o ritmo, os contrastes… A luz é o elemento espacial máis importante, máis que o propio espazo.

Falabamos antes de como definía Celeste a súa relación co escenario. Comer e ser comida, di. Expoñerse e non buscar a verdade. Que ten que ver coa idea do desexo?

Celeste fala da súa posición na escena, que define como paixonal, brutal, sen concesións. Unha maneira de entrar e baleirarse, expoñerse. Sen querer chegar a nada, sen querer atopar unha verdade. E aí hai un desexo no sentido dun querer total. Un desaparecer facéndose visible, como di ela. Un deixar de estar pendente dunha mesma para sacar o lado descoñecido, o monstro do que falabamos antes. Un desexo perpetuo de estar na escena, de atravesar os obxectos, de atravesar o espectador, de atravesar e ser atravesada. Un desexo brutal, de máis, de horizonte, de beleza, do descoñecido… Un desexo perpetuo.

O texto, xa que falamos desa pulsión de vida, tamén relaciona o erotismo co caos. De que xeito?

“Non podemos vivir nunha batalla continua contra o caos, polo que temos que aprender a convivir con el”

Franco Berardi Bifo fala diso. Nesta situación de pandemia temos que atopar unha maneira de sintonizar, de harmonizar, de readaptar o corpo. Non podemos vivir nunha batalla continua contra o caos, polo que temos que aprender a convivir con el. A solución, segundo Bifo, pode ser o erotismo e a poesía. Pois ambas remiten é sensibilidade, á vibración. Sería unha maneira de conseguir certa harmonía, coa vibración descontrolada do erotismo ou a vibración da poesía. Claro que Bifo é optimista. Non sei se poderiamos saír do caos da pandemia así.

Estaría ben, sen dúbida. 

O que está claro é que temos unha necesidade de tocarnos, de ser tocados, de deixar de vivir illados. E é difícil saber a distancia, cando achegarse a unha persoa para coñecela, medir a distancia xusta.

'El diablo en la playa', de Matarile © Rubén Vilanova

No dossier tamén está citado Steiner, que é outra constante das túas últimas pezas. De que xeito está Steiner en El Diablo en la Playa?

Steiner dedicou toda a súa vida ao estudo da linguaxe pero sempre admite a incapacidade, a insuficiencia da linguaxe para certas cousas. Todas as lecturas, di, son malas. Non hai unha lectura única e polo tanto non hai unha tradución válida. En relación con isto houbo hai pouco unha controversia sobre quen debía traducir o poema que recitou Amanda Gorman na toma de posesión de Biden. É unha poeta nova e foi moi louvada e tamén utilizada: muller, guapa, de “cor”... Pois debateuse se só debían traducila mulleres tamén de cor… Preguntábase Wittgenstein se podía falar de dor quen non sufrira dor. Eu penso que si. Que se pode falar da violación, por exemplo, sen tela padecido. Porque podes tomar posición, poñerte no lugar da persoa…

Xunto co caos aparece a idea do desarraigo. Por que?

É a idea do errante. Do que vagabundea. Que tamén pode ser o que erra, o que comete un erro. E penso que si, que temos que vagabundear, cometer erros…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.