Resiliencia e esquecemento. Son os dous conceptos que, para Xavier Castiñeira, representan a María Casares que retrata Despois das Ondas, a montaxe de ButacaZero que dirixe sobre a actriz galega exiliada en Francia. “María Casares exiliouse dúas veces. Perdeu os seus pais e a Albert Camus. Foi a grande dama do teatro francés tras chegar sen saber francés. Tivo que ter unha capacidade de adaptación extraordinaria”, explica. Esquecemento porque na súa terra de orixe non é quizais o coñecida que debera. Tamén exilio, e non só porque tivera que deixar Galicia para ir primeiro a Madrid e despois a Francia. Senón tamén porque, tal como di a súa personaxe no texto desta obra, do dramaturgo Ernesto Is, pasou moito tempo da súa vida instalada “na nada”, “o baleiro”. Sen poder ser ela mesma. Sen acabar de atopar o seu lugar.
ButacaZero reconstrúe a vida de María Casares en Despois das ondas, un espectáculo de teatro que é cinema e cinema que é teatro, no que se fai unha película en directo, amosando ao espectador toda a parte técnica, ao tempo que se relata a biografía da actriz en diversos planos espaciais e temporais
“Ela tentaba” -subliña Ernesto Is- “enterrar nun buraco todo o malo que lle pasaba. Ata que todo estalou cando morreu Camus. Entón tivo que frear en seco, parar coa vida frenética de traballo que levaba. Non acababa tampouco de sentirse cómoda no cinema. Prefería o teatro…”, asegura. Ernesto Is tece, en fragmentos, un relato posible sobre a vida de María Casares a través duns monólogos moi poéticos. El mesmo e Xavier Castiñeira realizaron, para a montaxe de ButacaZero, unha adaptación do texto co que el gañara o XVIII Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña. “O texto tivo a súa orixe nunha serie de escenas soltas que a actriz Nerea Brey preparara para o seu traballo de fin de estudos na ESAD. Ela pedírame axuda con ese traballo. Despois completei a peza e presenteina ao premio Dieste”, salienta.
O texto tivo a súa orixe nunha serie de escenas soltas que a actriz Nerea Brey preparara para o seu traballo de fin de estudos na ESAD
As actrices Nerea Brey, Sonsoles Cordón e Belén Constenla incorporáronse para esta montaxe ao elenco de ButacaZero, compartindo escenario con Esther Carrodeguas, Roi Fernández, Beatriz de Vega e o propio Ernesto Is, que se encargan da parte técnica. Porque Despois das ondas é unha peza de teatro que fai cinema e de cinema que fai teatro na que todo acontece en directo e á vista do espectador. Os feitos transcorren entre unha pantalla de cinema, un escenario central e outro lateral que representa o vagón no que viaxa María Casares á súa volta a España despois de 40 anos. A historia cóntase, así, en diversos planos físicos que son tamén temporais: o presente de María Casares, encarnada por Belén Constenla, e o seu pasado -a súa infancia e xuventude-, que interpreta Nerea Brey co apoio, como performer, de Sonsoles Cordón.
Ernesto Is baseou moito o seu traballo na documentación. As memorias de María Casares Residente Privilexiada, sobre todo. Tamén Cartas no exilio, de María Lopo, o libro de correspondencia entre María Casares e o seu pai Casares Quiroga, e O tempo das Mareas. María Casares e Galicia, da mesma autora, sobre a infancia da actriz. Tamén unha entrevista realizada con ela nun programa da televisión española da que poden verse fragmentos na montaxe de ButacaZero, ou algunhas das súas películas, coma Orphée, con Jean Cocteau, ou gravacións de pezas interpretadas por ela na radio, ademais dalgúns artigos de prensa. “Nós ficcionalizamos a viaxe de regreso a España que ela fai en tren. Xa di en Residente Privilexiada que prefire viaxar en tren. O texto é realmente un falso monólogo dela, porque hai moitos personaxes que se van cruzando e que representan as distintas voces de María Casares, como por exemplo a María das películas ou das obras de teatro”, subliña Ernesto Is.
Belén Constenla é a María que viaxa en tren e reflexiona sobre a súa vida. Nese traxecto, véñenlle á cabeza imaxes do seu pasado que o espectador pode ver na pantalla e no escenario central, onde actúan Nerea Brey e Sonsoles Cordón
Belén Constenla é a María que viaxa en tren e reflexiona sobre a súa vida. Nese traxecto, véñenlle á cabeza imaxes do seu pasado que o espectador pode ver na pantalla e no escenario central, onde actúan Nerea Brey e Sonsoles Cordón. “O que estamos a representar, realmente, é o seu fluxo de pensamento. Nunha viaxe longa, a súa mente dispárase. Aparécenlle imaxes do pasado. Para iso baseeime na técnica narrativa de Joyce ou na da Virginia Wolf en As Ondas”, lembra Ernesto Is. O estilo poético dos seus monólogos no tren relaciónase, segundo Is, co propio estilo de María Casares ao escribir. “Ademais de ser unhas excelentes memorias, Residente Privilexiada é un libro de grande valor como texto literario”, subliña Is. Unhas memorias que deixan albiscar a súa condición de exiliada alén do aspecto territorial e político. “É como se non dese atopado o seu lugar. Hai un exilio físico, externo, e un interno”, asegura Is.
E esa condición relaciónase tamén coa soidade e a perda. “Ela sentíase moi próxima a seu pai, Casares Quiroga. El fora quen lle dera a educación humanística que tiña. Pero realmente con quen máis tempo pasara fora coa nai, coa que tiña unha tensión grande. As dúas marcharan primeiro ao exilio, pero cando o pai chega a Francia é cando a ocupan os nazis, entón o pai ten que volver marchar. Ante circunstancias coma estas, dalgunha maneira a súa vida estivo moi condicionada por decisións que ela non tomou. O seu pai é nomeado ministro e despois presidente do Goberno, polo que teñen que irse vivir a Madrid. Despois ten que exiliarse en Francia a causa da guerra civil. Xa dicía ela mesma que a súa vida fora unha constante fuxida. Todo o malo que lle pasaba agochábao, tirando para adiante. Ata que ao perder a Albert Camus tivo que afastarse por un tempo”, sinala Is.
“Ela sentíase moi próxima a seu pai, Casares Quiroga. El fora quen lle dera a educación humanística que tiña”
A montaxe foi construída, en boa medida, a partir de imaxes. “Cando lin por primeira vez o texto de Ernesto xa imaxinei como podía ser a montaxe”, indica Xavier Castiñeira. “O que fixemos, na adaptación, foi converter o texto nun guión cinematográfico a través dun proceso de esencialización: quedamos co fundamental”, engade. Por unha banda, o texto literario. Pola outra, os demais elementos. Aquilo que acontece na pantalla e nos distintos escenarios. “Ao ler o texto xa me viñeron as imaxes do espectáculo”, afirma. Como é cinema no teatro e teatro no cinema, os distintos planos mestúranse. “O tren é realista, pero vese o cableado, o set… Ensinamos os trucos. Cando chove, vese como alguén provoca a chuvia”, explica. O espectador ten, en todo momento, varios escenarios aos que mirar. “E pode mirar onde máis lle interese. Non quixemos dirixir a súa mirada”, di.
Belén Constenla é a María Casares adulta e Nerea Brey a María Casares nena. As dúas permanecen en espazos distintos, mais ás veces entrecrúzanse habitando o mesmo lugar. Nese aspecto, é importante o traballo de Sonsoles Cordón como performer. “A performer é un personaxe que representa a varios: pode ser Jean I e Jean II, Camus, as lembranzas de María… Faltábanos un elemento humano para poñer no escenario varias cuestións. Facíanos falta como elemento escénico. Fai, por exemplo, personaxes da película de María Casares”, apunta Xavier Castiñeira. “Hai unha serie de figuras que pululan pola escena. Son como sombras, pantasmas, que podían estar en escena ou non. Xavier o que fixo foi aglutinar na performer todas estas figuras. As sombras que bailan con ela, que están na súa nenez....”, sostén Ernesto Is.
As lembranzas e percepcións de María Casares aparecen, así, como “inputs escénicos” de diverso tipo. Proxectadas na pantalla ou representadas a través de sons, por exemplo
As lembranzas e percepcións de María Casares aparecen, así, como “inputs escénicos” de diverso tipo. Proxectadas na pantalla ou representadas a través de sons, por exemplo. “O eixo do teatro” -reflexiona Castiñeira- “é máis o tempo que o espazo. O tempo deste espectáculo é moi como de mirar paisaxe, de observar o que acontece”. E ese xogo de recordos e pensamentos lévase á escena creando unha película en directo. “Cando se fala do vestiario da nena, por exemplo, na pantalla vemos a saia. Cando chove, na pantalla vemos a choiva. Pero fóra da pantalla tamén vemos o truco, o que no cine queda fóra de plano. Nós ensinamos todo. A aí é moi importante o traballo de Roi Fernández e Bea de Vega, que fan o cinema en directo. Todo está gravado e montado en directo”, sinala o director. É, nese sentido, un espectáculo complexo. “Por exemplo, a luz tiña que ser a axeitada para que o espectador puidese ver ben o que acontece no escenario, pero non a suficiente para queimar a imaxe cinematográfica. Todo o espectáculo supuxo un traballo de axuste grande”, asegura.
Do traballo coas actrices, Castiñeira subliña a “complicidade, a xenerosidade e a maneira na que se complementaron actrices de diferentes xeracións. Belén, que se formou sobre as táboas, e Nerea e Sonsoles, que veñen da ESAD”. Nunha primeira fase, improvisaron sobre momentos da vida de María Casares. Despois, Sonsoles fixo un “traballo de igualación” con elas para que a María Casares adulta e a nena tivesen os mesmos xestos, o mesmo ton de voz… Despois traballaron coas marcas de cinema en escena, con como debían colocarse. “Foi difícil, e creo que o traballo que fixo Belén para colocarse no plano teatral e á vez cinematográfico é moi de salientar”, sinala o director. O vídeo da entrevista televisiva con María Casares serviu para preparar a xestualidade, o ton, as actitudes… O son é tamén moi importante no relato da vida de María Casares. “Ernesto é un melómano e suxeriume moitas cancións”, apunta. Temas ligados á guerra e á República, por exemplo. Mais o propio Ernesto Is tamén fai sons en directo, o “foley”, coma por exemplo o son do mar cun plástico. E este traballo, coma o do resto dos técnicos, tamén se pode ver.