O sector teatral acorda unha guía de recomendacións fronte á COVID que prevé a realización de probas periódicas ao persoal

En moitos espectáculos escénicos "resultan dificilmente asumibles as medidas básicas de protección, nomeadamente a chamada distancia social e o uso de máscara" © AAAG

O sector escénico galego acordou unha guía de recomendacións fronte á Covid-19, destinadas principalmente a protexer os traballadores e traballadoras, que nos últimos meses viñeran demandando máis medidas de prevención e a realización de probas e cribados para a detección temperá de posibles positivos. A guía foi consensuada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Confederación Intersindical de Galicia (CIG) en representación do persoal, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que conforman o comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Galicia.

O documento inclúe a recomendación de que “a acción preventiva inclúa a realización ao elenco artístico de cribados e/ou as probas necesarias para a detección da Covid na forma e periodicidade determinadas polos Servizos de Prevención de Risco Laboral

O documento inclúe precisamente a recomendación de que “a acción preventiva inclúa a realización ao elenco artístico de cribados e/ou as probas necesarias para a detección da Covid na forma e periodicidade determinadas polos Servizos de Prevención de Risco Laboral”. Estas probas levaríanse a cabo "con carácter previo ao comezo de cada produción artística, e durante a distribución dos espectáculos", acolléndose á Lei de Prevención de Riscos Laborais, que indica que "o empresario garantirá aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo". 

Esta "vixilancia periódica" adoita ser voluntaria para o persoal, agás cando serve para "verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un perigo para o mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa", como semella ser o caso da Covid-19.

A entrega dos Premios María Casares, hai unhas semanas, levouse a cabo de xeito virtual e mantendo medidas de prevención fronte á COVID © AAAG

Moitos e moitas profesionais das artes escénicas presentan "unha especial exposición a riscos de contaxios", especialmente no caso de actores e actrices, bailaríns/as e profesionais do circo

Hai unhas semanas Josep María Flotats anunciou a súa intención de representar El enfermo imaginario en Madrid con máscaras de protección, ante a negativa do teatro a realizar probas de detección da COVID-19 ao elenco antes de cada representación. Finalmente, foron os propios traballadores e traballadoras quen tiveron que pagar do seu peto o custo dos tests, unha situación que foi cualificada por Alberte Blanco, da AAAG, como un "antecedente perigoso". "O investimento derivado da seguridade laboral e as medidas de saúde laboral no caso dos traballadores por conta allea han correr cargo da entidade contratante, máxime se esta entidade é unha institución pública como o Inaem, dependente do Ministerio de Cultura", dicía Blanco.

A AAAG destaca a imporancia da Guía de Recomendacións aprobada, xa que moitos e moitas profesionais das artes escénicas presentan "unha especial exposición a riscos de contaxios", especialmente no caso de actores e actrices, bailaríns/as e profesionais do circo, pois "polas particularidades dos seus oficios resultan dificilmente asumibles as medidas básicas de protección, nomeadamente a chamada distancia social e o uso de máscara". 

Tendo en conta de que nos propios espectáculos teatrais, de danza ou de circo será complicado manter as normas de precaución, introdúcese a previsión de que se realicen probas de cribados de forma periódica, cuxo custo debe ser asumido polas empresas

Estas medidas e recomendacións xerais servirán agora "para orientar a redacción dos plans específicos de calquera empresa produtora que realice unha actividade escénica". A produción do espectáculo, a dirección do mesmo e o seu persoal artístico detallarán de forma conxunta as condicións nas que se desenvolverá o espectáculo para que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais poidan realizar a súa avaliación e propoñer as medidas necesarias, tomando en conta diferentes variables: momento do proceso (ensaio ou exhibición), distancia, máscara e/ou direccionalidade das accións, tempo de exposición, tamaño do espazo e a súa ventilación, número de intérpretes en escena ou as características específicas do elenco. 

A Guía de Recomendacións inclúe algúns elementos comúns con outras profesións, como a limpeza e hixienización de superficies, a previsión do uso da máscara de protección e o respecto á distancia de seguridade nos ensaios e no traballo diario. Porén, tendo en conta de que nos propios espectáculos teatrais, de danza ou de circo será complicado manter estas normas (o uso de máscaras ou a distancia de seguridade) introdúcese a previsión de que se realicen probas de cribados de forma periódica, uns tests cuxo custo debe ser asumido polas empresas e non polos traballadores e traballadoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.