As máscaras son un elemento icónico das artes escénicas, dende a súa presenza no teatro clásico, con Talía e Melpómene como representantes das tan recoñecibles máscaras alegre e tráxica, ata as moitas obras nas que as máscaras de todo tipo teñen un papel fundamental. Porén, neste tempo no que as máscaras de protección se converteron nun elemento de uso cotián e imprescindible para evitar contaxios de coronavirus, a súa presenza non é habitual nas representacións teatrais, o que nos últimos meses provocou as críticas de actores e actrices.
O INAEM, dependente do Ministerio de Cultura, publicou unha Guía de Boas Prácticas que diferencia entre ensaios e representacións á hora de recomendar elementos de protección
O pasado 14 de xuño o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), dependente do Ministerio de Cultura, publicou unha breve Guía de Boas Prácticas que para os actores e actrices especifica que "como norma xeral, sempre que sexa posible, traballarase individualmente a una distancia mínima de 2 metros do traballador máis próximo" e que "se isto non fose posible, será obrigatorio o uso de mascarilla". Porén, o propio documento sinala entre as súas excepcións o elenco artístico (que non sempre pode manter esa separación de dous metros) e establece unha diferenciación entre ensaios e representacións, dando a entender que a macarilla debe usarse nos ensaios pero non nas representacións abertas ao público.
A guía engade que "cando as medidas de distanciamiento social no escenario durante o desenvolvemento do espectáculo non sexan posibles", o responsable da produción, xunto coa dirección artística, debe detallar as condicións en que se desenvolverá o espectáculo para que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais "poida realizar unha avaliación dos riscos derivados do mesmo e propor as medidas de seguridade necesarias". Finalmente, recomenda que "con carácter previo ao comezo de cada produción artística" se realicen "recoñecementos médicos obrigatorios en relación coa enfermidade provocada pola Covid-19".
Máis adiante, o Goberno galego, nas diferentes normativas aprobadas ao longo da pandemia de coronavirus non detallou ningún tipo de medida de protección específica para actores e actrices, que en cambio si apuntou para as persoas que compoñen os coros e agrupacións vocais ou os e as intérpretes de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais. No DOG do pasado 13 de xuño sinalou que "naquelas actuacións ou espectáculos en que non se poida manter a dita distancia de seguridade, nin o uso de equipamentos de protección adecuados ao nivel de risco, como é o caso daqueles en que interveñan actores e actrices, atenderase a medidas de seguridade deseñadas para cada caso particular a partir dos protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias".
"Non pode ser asumido sen máis que a actividade profesional debe facerse sen protección ningunha. É necesario procurar unha alternativa, comezando pola realización de probas do mesmo xeito que se fan en diferentes ámbitos deportivos", di a AAAG
Hai dúas semanas, o anuncio de Josep María Flotats de que ía representar El enfermo imaginario de Molière en Madrid con máscaras de protección puxo o foco da actualidade sobre este asunto. "Os actores somos a única profesión que necesita desprenderse das medidas de protección no escenario. Non hai ningunha lóxica. Esixín que nos fagan a diario as probas da covid e ante a imposibilidade de realizalas, decidín que os doce actores de El enfermo imaginario subamos a escena e fagamos toda a función con máscaras", sinalou Flotats. "Non entendo como non existe un acordo entre o Ministerio de Sanidade e o de Cultura para atallar este problema. Eu xa teño unha idade e quero protexerme e protexer os meus actores", engadiu.
A Unión de Actores e Actrices apoiou a demanda lanzada por Flotats e por outros profesionais, sinalando que "unha cultura que é cen por cen segura para o público tamén debe selo para os seus traballadores e traballadoras, sen os cales non existirían eses actos culturais". Finalmente, a obra representouse sen máscaras de protección, despois de que os intérpretes decidisen pagar eles mesmos as probas de Covid-19 (tests rápidos de anticorpos).
A polémica tamén chegou a Galicia. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Escena Galega puxéronse en contacto co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para a aplicación do protocolo do INAEM, partindo da referencia aos "recoñecementos médicos obrigatorios en relación coa enfermidade provocada pola Covid-19" para demandar a realización de tests periódicos. Porén, a demanda non foi admitida polo ISSGA.
Dende o Centro Dramático Galego sinálase que se está a aplicar "estritamente" a normativa especificada en cada momento polas autoridades sanitarias "tanto nos ensaios artísticos, como nas actuacións públicas sobre o escenario"
Mentres, dende o Centro Dramático Galego sinálase que se está a aplicar "estritamente" a normativa especificada en cada momento polas autoridades sanitarias "tanto nos ensaios artísticos, como nas actuacións públicas sobre o escenario". "Estamos a seguir as pautas publicadas polo INAEM neste sentido e as contidas no protocolo negociado en Galicia coas asociacións Escena Galega, AAAG e representantes sindicais do sector", afirma a compañía pública.
A AAAG continúa a ser crítica con esta situación, cualificando Alberto Blanco como "insuficiente" a Guía de Boas prácticas do INAEM e denunciando que "os actores e actrices para facer o seu traballo deben desprotexerse". "Non pode ser asumido sen máis que a actividade profesional debe facerse sen protección ningunha. É necesario procurar unha alternativa, comezando pola realización de probas do mesmo xeito que se fan en diferentes ámbitos deportivos. Debe haber unha protección no conxunto da xornada laboral dos traballadores e das traballadoras, que iso veñen sendo actores e actrices", subliña Blanco, en conversa con Praza.gal.
"Este é un sector no que hai un conflito laboral con trazos sanitarios, un sector no que, polas particularidades do oficio, as medidas de protección xeral (nomeadamente, máscara e a distancia social) son de difícil encaixe. Cómpre, polo tanto, procurar unha alternativa que signifique, cando menos, unha redución do risco de contaxio", afirma, engadindo que "somos conscientes de que o risco 0 de contaxio non existe, pero entre iso e asumir o risco absoluto durante unha parte fundamental da xornada laboral dos actores e actrices, hai bastante diferenza".
Alberto Blanco: "Somos conscientes de que o risco 0 de contaxio non existe, pero entre iso e asumir o risco absoluto durante unha parte fundamental da xornada laboral dos actores e actrices, hai bastante diferenza"
En canto ao sucedido nas últimas semanas en Madrid en relación coa representación de El enfermo imaginario, Blanco cualifica de "antecedente perigoso" o feito de que finalmente tivesen que ser os traballadores os que pagasen do seu peto as probas de detección do coronavirus que realizan de forma periódica. "O investimento derivado da seguridade laboral e as medidas de saúde laboral no caso dos traballadores por conta allea han correr cargo da entidade contratante, máxime se esta entidade é unha institución pública como o Inaem, dependente do Ministerio de Cultura", destaca a AAAG.
En canto ás limitacións de capacidade introducidas nos teatros e demais medidas de prevención ante posibles contaxios entre o público, a AAAG opta por non opinar ("non é competencia de asociacións sectoriais nin de particulares sen coñecemento de asuntos epidemiolóxicos"), aínda que si subliña que "calquera restrición que se tome polas causas de forza maior que estamos a vivir, tendo efectos demoledores na actividade económica dun sector deben ser compensadas con medidas inmediatas tanto para as empresas como para os/as traballadores/as".
"O investimento derivado da seguridade laboral e as medidas de saúde laboral no caso dos traballadores por conta allea han correr cargo da entidade contratante", subliña a AAAG
Sobre isto, finalmente, Alberto Blanco introduce unha cuestión na que atopan un "contraste preocupante": "o público que acode de forma voluntaria ao teatro conta con todas as medidas de protección recomendadas polas autoridades sanitarias. Pola contra, os actores e actrices, cuxo sustento si depende de acudir os teatros, o seu posto de traballo, despréndense das medidas de protección xeral fronte ao contaxio sen alternativas". "Se a cultura é segura, ten que selo tamén para os seus traballadores. E agora mesmo, dende a desescalada, esa é unha cuestión que o propio sector aínda non deu solucionado", conclúe o representante da AAAG.