O coronavirus destruíu máis de mil empregos no sector cultural galego e deixou outros 4 mil en situación de ERTE

Artistas e traballadores/as do sector cultural de todo tipo levaron a cabo a campaña #NonNosCanceles ©

O sector cultural está a ser un dos máis prexudicados pola crise do coronavirus. Así o veñen denunciando dende hai meses as entidades profesionais do sector en Galicia, que fixeron chamamentos a que se mantivese (aprazada) a programación cultural prevista e demandaron apoio do Goberno central e da Xunta, amosándose críticas nas últimas semanas coa resposta da administración galega.

En marzo e abril o emprego cultural en Galicia sufriu un descenso do 6,3%, o que representa a destrución de máis de mil postos de traballo

O impacto no sector é evidente, despois de tres meses nas que teatros, salas de concertos, festivais, rodaxes, librarías e todo tivo de espazos e actividades ficaron case total pechados ou paralizadas. Agora o Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio, vén de poñerlle datos a esta realidade, nun informe que analiza a través da análise das estatísticas oficiais o efecto económico que a pandemia tivo sobre o sector.

O impacto no sector cultural (-6,3%) foi superior ao que sufriu a construción (-6,2%), os servizos (-4,5%)

Entre os últimos días de febreiro (último dato antes da pandemia) e o final de abril, o emprego cultural en Galicia sufriu un descenso do 6,3%, o que representa a destrución de máis de mil postos de traballo, pasando o número total de afiliacións á Seguridade Social de 15.881 a 13.879, segundo os datos do IGE. O impacto no sector cultural foi superior ao que sufriu a construción (-6,2%), os servizos (-4,5%), a industria (-3,2%) e o sector primario (-1,1%).

 

667 ERTE, 4.010 persoas afectadas

O impacto é tamén claro ao observar o número de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentados polas empresas culturais galegas. En total, foron 667, o que representa o 11,6% do total de compañías do sector no país. O sector no que se presentaron máis ERTE foi o de artes gráficas, que ascende a un 27,2% das empresas activas neste ámbito, un total de 243 ERTE.

4.010 persoas traballan en empresas culturais que solicitaron un ERTE entre marzo e abril, un 28,7% das afiliadas á Seguridade Social nestes sectores

En total, 4.010 persoas traballan en empresas que solicitaron un ERTE entre marzo e abril, cifra que representa un 28,7% das persoas afiliadas á Seguridade Social en abril de 2020 nestes sectores. O máis afectado foi o de artes gráficas, no que un 48,6% das persoas empregadas dependían de empresas que solicitaron un ERTE. O segundo máis afectado foi o das actividades de creación, artísticas e espectáculos, con 777 persoas que traballan en empresas que solicitaron un ERTE, cifra que representa un 34,8% das afiliacións á Seguridade Social neste ámbito.

No conxunto da economía galega, un 14,8% das empresas solicitaron un ERTE, abranguendo o 21,6% das persoas afiliadas á Seguridade Social. Así pois, o impacto no sector cultural estivo por debaixo da media no que respecta á porcentaxe de compañías afectadas, pero moi por riba no que atinxe ao número de traballadores e traballadoras nesta situación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.