O sector lamenta que os cancelamentos non parecen responder a un criterio obxectivo ligado á evolución da epidemia en cada concello, senón á vontade do goberno local
Incertidume. Impotencia. Desprotección. Son algunhas das palabras que máis se repiten ao preguntar aos profesionais do teatro galego pola situación xerada polas últimas medidas do goberno contra a covid. As restricións aplicadas en Galicia son das máis estritas -cando non as máis, excluíndo as poucas comunidades que decidiron pechar a actividade escénica- do Estado. Un límite de trinta espectadores, ampliable en certas circunstancias, que veu seguido dunha vaga de cancelacións e adiamentos, algúns anunciados días ou mesmo horas antes da función prevista. Escena Galega está a recompilar datos desde hai pouco menos de dúas semanas entre os seus socios e socias. Nuns poucos días e, tendo aínda só a resposta de menos dun cuarto das compañías asociadas, sumáranse 70 cancelacións.
Cando os contratos non inclúen cláusulas de compensación por suspensión da actividade -que é unha das demandas dun manifesto que vén de asinar Escena Galega-, que adoita ser a realidade, o investimento xa realizado polas compañías en ensaios, aluguer de material, promoción, xestión, produción, etc, pérdese parcial ou totalmente. No mellor dos casos, a función é adiada. No peor, é suprimida da programación cultural. “Aínda que haxa compromiso de realizar a función máis adiante, o que pasa é que tes que traballar o dobre. Tes que volver repetir os ensaios, volver preparar todo. É duplicar o esforzo”, explica Marta Pérez, de Inversa Teatro.
E o peor é que os cancelamentos non parecen responder a un criterio obxectivo ligado á evolución da epidemia en cada concello, senón á vontade do goberno local. “Na miña opinión, non pechan os teatros porque sexa perigoso, xa que cumprimos os protocolos ata o último detalle. O que pasa é que, como socialmente non se nos considera necesarios, ao alcalde non lle supón ningún custe social cancelarnos. Moita xente nin considera que o que facemos sexa un traballo”, explica Marta Pérez.
Amósase de acordo con ela Areta Bolado, de A Panadería. “É moi frustrante. Toda unha odisea: anúncianche cancelamento uns días antes e aló vai o traballo feito, os cartos investidos no hotel e no transporte no seu caso... E non se deben ni á lóxica, nin ás mudanzas da normativa, senón a criterios difusos de precaución ou, máis ben, de imaxe pública e estratexia política”, sinala. Se hai ruxe-ruxes de que manter os espectáculos é unha irresponsabilidade ou un exceso, o máis doado é suprimilos.
“O que se fai en Galicia, que é limitar o aforo a 30 persoas en vez de gardar unha proporcionalidade, responde a unha lóxica estraña relacionada coa falta de coidado ao teatro”
“A nós non nos cancelaron, aínda que si nos cambiaron as datas unha morea de veces”, conta Tamara Canosa, de Marelas Teatro. “Mais a cuestión é que tes que estar preparada para calquera mudanza de última hora. E hai compañías máis veteranas que poden ter un colchón económico, pero ese non é o caso das que estamos comezando”, engade. Tampouco unha das compañías veteranas, Matarile, tivo polo de agora problemas de cancelacións. “A situación depende tamén do que cada teatro queira involucrarse. En La Abadía, en Madrid, cambiaban cada día a disposición das butacas para sentar xuntos os conviventes”, sinala Ana Vallés. A maioría das funcións de Matarile desenvólvese fóra de Galicia. “Noutras comunidades o que fan é aplicar unha porcentaxe do 50% sobre a capacidade da sala. O que se fai en Galicia, que é limitalo a 30 persoas en vez de gardar unha proporcionalidade, responde a unha lóxica estraña relacionada coa falta de coidado ao teatro”, asegura.
Do lado positivo, Vallés salienta a resposta do público. “É unha marabilla ver que a xente segue vindo ao teatro, que os aforos permitidos se enchen. Ir ao teatro é, agora máis, froito dunha decisión consciente”, comprensible desde o momento en que “o teatro é un encontro. É comunicación, intercambio, conexión. Se se fai por streaming, non é teatro. É outra cousa, outra linguaxe”. Outra das compañías veteranas do país, Teatro do Atlántico, non sufriu tampouco cancelacións. “Dentro da tristeza que é facer funcións só para trinta espectadores, aínda tivemos sorte”, subliña María Barcala. Como a enorme maioría das compañías, a súa si tivo varios adiamentos desde o confinamento de marzo. “O problema, para nós, está a ser máis ben o seguinte semestre. Porque os concellos tiveron que reprogramar o que fora suspendido, polo que agora teñen moita acumulación e non están contratando funcións novas. A casuística é múltiple pero, sobre todo nos concellos que programan menos, está a poñerse todo moi difícil”, indica.
O Plan de Reactivación Cultural
O pasado maio, a Xunta anunciou un Plan de Reactivación Cultural que incluía, como parte do Xacobeo 2021, diversas liñas de axuda a todos os sectores culturais, entre eles o teatral, pois unha das modalidades dirixíase a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas. Mais aconteceu que boa parte das compañías solicitantes quedaron fóra debido a que os fondos se esgotaron rapidamente. De feito, máis de 500 proxectos ficaron sen axudas. Ademais, se as funcións non se realizan antes de final de ano, os beneficiarios perderán a subvención. “No noso caso temos unha minixira de catro funcións. Fixemos unha e fáltannos tres. Con que nos cancelen unha, xa non cobramos. Ademais, temos que ter todo xustificado para primeiros de decembro. E aí tamén se ve o grao de compromiso dos programadores, concelleiros, alcaldes… Nós entendemos a situación, pero é terrible que se pechen os teatros onde está permitido que sigan, aínda con 30 espectadores”, afirma María Barcala.
En xullo, a Consellería de Cultura e Turismo comunicou que, ao abeiro das medidas inseridas neste plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, o 90 por cento das representacións afectadas polo estado de alarma anterior -en concreto, 149 das 161 previstas- serían reprogramadas en novas datas. Mais a situación, moi cambiante, non deixou de empeorar co novo estado de alarma. “Unha función contratada pola Rede Galega de Teatros e Auditorios ofréceche, en principio, máis garantías ca unha contratada directamente. Teoricamente, mantense o compromiso de que realicemos os bólos cando se poida. Pero aos concellos acumúlaslles a programación con todos os adiamentos, entón a realidade é que si se están producindo cancelacións. Polo que está acontecendo que, mesmo en funcións pagadas pola Xunta, os concellos deciden cancelar”, apunta Marta Pérez.
Agadic vén de publicitar que dedicará 500.000 euros a relanzar a actividade de 38 compañías e de catro salas escénicas como adxudicatarias das novas subvencións para o impulso do sector escénico recollidas no plan autonómico de reactivación cultural. As axudas para as beneficiarias sitúanse entre os 16.000 e os 3.000 euros. Mais, xa cando o Plan de Reactivación fora anunciado, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), amosara a súa decepción co mesmo debido á “falta de concreción de prazos e contías, a escasa claridade orzamentaria, a presentación de programas baleiros de contido ou o disfrace de convocatorias pendentes e habituais como propostas novas e incentivadoras”, sinalando en especial que o plan podía resultar irrealizable por enfiarse en grande medida ao Xacobeo e aos circuítos de distribución de espectáculos, canles “sometidas á incerteza da pandemia”, como se está a ver agora.
Neste senso, a AAAG referíase por exemplo “a que o plan inclúe como grandes medidas a flexibilidade na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o incremento de fondos no programa Cultura no Camiño. Mais, en primeiro lugar, en ambos circuítos de distribución a contratación de espectáculos depende dos concellos, sen garantía nin obrigatoriedade de programar por parte destes, polo que o investimento que a Xunta anuncia non se corresponde á certeza. En segundo lugar, o plan non contempla unha grave situación: que se volva producir un rebrote da enfermidade coa conseguinte suspensión xeneralizada de funcións”. De producirse este segundo caso, querendo ir ao risco de contaxios cero, tampouco as axudas estatais ofrecen garantías de cobertura ao sector.
Moi poucas compañías contan con estabilidade suficiente na contratación como para enviar ao ERTE aos seus traballadores e as axudas ordinarias para autónomos exclúen a aqueles que non tivesen un número suficiente de altas na Seguridade Social durante o 2019, situación que non é nada excepcional debido á inestabilidade e a precariedade da profesión. En maio, o Estado introduciu porén, como resultado das reivindicacións da confederación de asociacións sindicais ConArte, a Unión de Actores e Actrices e a Unión de Músicos Profesionais, unhas medidas de flexibilización das condicións de acceso extraordinario á prestación por desemprego para artistas. O BOE publicou tamén en xullo o anuncio dun paquete de medidas excepcionais do Inaem para as artes escénicas para facer impacto á crise sanitaria.
Precariedade e seguridade
“Basicamente, non hai nada novo, ademais dos dereitos que xa tiñamos como traballadores. Tes que ir tirando co que teñas acumulado de prestación por desemprego, de ser o caso”, indica o presidente da AAAG, Xabier Deive. Pois non hai unhas axudas específicas que teñan en conta as peculiaridades da irregularidade do exercicio da profesión, como si acontece en Francia, por exemplo. A precariedade, sendo en xeral unha das características do mercado laboral español, é, ademais, moi elevada no oficio teatral. Segundo o informe sobre o teatro galego publicado recentemente polo Consello da Cultura, resultado da análise de enquisas realizadas entre novembro de 2019 e febreiro de 2020, só o 36,6% dos enquisados percibira ingresos mensuais superiores aos 900 euros procedentes da súa actividade como profesional das artes escénicas.
Segundo o informe sobre o teatro galego publicado recentemente polo Consello da Cultura, só o 36,6% dos enquisados percibira ingresos mensuais superiores aos 900 euros procedentes da súa actividade como profesional das artes escénicas
Unha de cada catro persoas preguntadas non traballara ademais nin un só mes no 2019 en actividades relacionadas coas artes escénicas, mentres que o 41,7% si o fixera polo menos durante 10 meses. Da mesma maneira, durante o 2019 só o 31,3% percibira ingresos salariais só da actividade relacionada coas artes escénicas. A situación -uns poucos bólos ao mes, moitas veces non máis de tres, a uns 150 euros por cada un- obriga á diversificación con aulas, obradoiros e outras actividades ou ao pluriemprego. As tarifas do convenio do sector quedaron, ademais, segundo Deive, “obsoletas”. É tan “catastrófico”, segundo o presidente da AAAG, que mesmo cando se produciu a suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros en catorce pagas, o salario da maioría dos profesionais do teatro quedaba xa por debaixo.
Outra das preocupacións principais da AAAG é a falta de seguridade dos propios actores e actrices na súa volta aos seus traballos precarios xa despois do primeiro estado de alarma. O risco para os espectadores parece, polo momento, moi baixo á luz dos datos. Segundo os informes do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, o número de contaxios ligado á actividade cultural é estatisticamente insignificante. Por exemplo, as cifras difundidas a 6 de novembro indican que, dos casos acumulados, houbera 3 brotes e 29 casos ligados á cultura, fronte aos 2.898 brotes e 18.529 casos relacionados coas reunións de familiares e amigos, sendo os brotes e casos novos nulos para a cultura, fronte aos 379 novos brotes e 2.154 casos ligados ás reunións de amigos e familiares, ou os 1.683 brotes acumulados relacionados co ámbito laboral, con 19.136 casos.
Mais o risco si é elevado para os propios profesionas do teatro. “O sector” explica a AAAG nunha nota de prensa “carece a día de hoxe dun protocolo formal para reducir os riscos de contaxio cunhas medidas hixiénico-sanitarias suficientes para un oficio no que, en moitas ocasións, as medidas xerais de protección -nomeadamente a chamada distancia social ou o uso de máscaras- non son asumibles, xa que o contacto físico entre integrantes dun elenco artístico resulta inherente á actividade. Neste sentido, a AAAG quere amosar a súa fonda preocupación ante a situación de indefensión na que os/as intérpretes poden estar a retomar ensaios e funcións en Galicia”. Polo momento, só existe unha guía de boas prácticas publicada polo Inaem.
O sector “carece a día de hoxe dun protocolo formal para reducir os riscos de contaxio cunhas medidas hixiénico-sanitarias suficientes para un oficio no que, en moitas ocasións, a chamada distancia social ou o uso de máscaras non son asumibles”
A AAAG considera, así, que debería existir un protocolo oficial que especificase “que os servizos de prevención de riscos laborais deben decidir en que espectáculos podería resultar imprescindible a realización de tests (así como que tipo de test e con que periodicidade), avaliando as particularidades de cada montaxe e os riscos de contaxio derivados das accións que se desenvolvan sobre o escenario que contraveñan as medidas esenciais de protección: distanciamento e máscaras. Ademais, a AAAG considera que a Xunta de Galicia debe preocuparse non só pola seguridade sanitaria de espectadores -asegurada xa polas medidas de distanciamento físico e o uso de máscaras-, senón tamén dos traballadores e das traballadoras da escena que na actualidade están a volver ao seu traballo sen garantías suficientes”.
Ao respecto, Xabier Deive explica que “igual que acontece no deporte ou no caso dos mestres ou sanitarios, debería haber cribados masivos de tests por ser a nosa unha actividade de alto risco, ao ser inviable o uso de máscaras e a distancia social”. O presidente de Escena Galega, Juan Rodríguez, aclara sobre iso que a AAAG, Escena Galega e Agadic están a traballar nun protocolo conxunto para o teatro. Rodríguez subliña, por outra banda, sobre as cancelacións, a situación de inseguridade que viven as compañías. “Si hai, en xeral, un espírito de vontade de manter ou recuperar as funcións por parte dos programadores. Tentan non aprazalas, pero o escenario é moi cambiante e, para os concellos, o máis fácil é suspender”, indica.
Coma Ana Vallés, expresa o “agradecemento” do sector ao público que mantén o seu hábito de ir ao teatro e pide unha restrición do número de espectadores “porcentual” respecto á capacidade das salas. Sobre o Plan de Reactivación da Xunta, indica que non foi “consensuado” co sector -pois consultar non é acordar nada- e solicita unha mellor dotación orzamentaria para as redes de exhibición existentes para que poida haber “máis programación”, achegándose máis aos niveis anteriores á crise financeira do 2008, pois o número de funcións anuais das compañías restrinxiuse de xeito drástico.
As debilidades estruturais
Nese sentido, a crise derivada da covid veu demostrar os efectos acumulados do colapso económico do 2008, que xa puxera máis ca nunca en evidencia as debilidades estruturais do sector teatral. A profesora da ESAD e investigadora teatral Inma López Silva presentou no I Congreso do Teatro Galego, organizado pola Academia Galega do Teatro, un relatorio no que indicaba que “os datos dan conta dunha caída na asistencia ao teatro por volta dos primeiros anos da década dos dez, que deu como consecuencia unha forte baixada nos indicadores económicos do sector teatral. O descenso no consumo non só tiña un motivo conxuntural relacionado coa crise económica en que a non asistencia ao teatro sería unha forma máis de aforro para galegas e galegos inmersas no paro e na recesión económica, senón que se vinculaba cunha drástica baixada de orzamentos institucionais, de arredor do 74%, que se sumaba ao feito de que os concellos deixaron de programar teatro como medida de contención de gasto”.
Estes feitos, segundo esta autora, “axiña se notaron nunha caída no número de empresas dedicadas ao sector,que eran 267 en 2009, ao comezo da crise, e eran 213 en 2014, iniciándose aí unha recuperación que aínda non atinxiu o dato inicial a día de hoxe (236 compañías en 2018). Tamén son significativos, neste sentido, os datos de número de representacións, que, segundo o Instituto Nacional de Estatística desagregados polo Ministerio de Cultura e consultábeis na base de datos CulturaBase, experimentaron unha caída do 54% desde 2009 (2.944 representacións ese ano fronte a 1.596 en 2018, último ano considerado)”.
“O informe sobre hábitos culturais en Galicia determinaba que só o 14,8% da poboación asiste ao teatro (a media estatal está situada no 23,2%), o que implica que o 61,6% nunca vai ao teatro”
“Asemade, e segundo a mesma fonte” -engadiu López Silva- “o teatro galego deixou no camiño, desde o inicio da crise en que o promedio de espectadores cos que contaba era de algo máis de medio millón, cento vinte e dous mil espectadores, que, nos peores anos (2013-2015), chegaron a preto de cento noventa e cinco mil. Pensemos, ademais, que eses datos deben ser postos en relación coa tónica habitual de ausencia de público dos teatros galegos, segundo constataba o informe sobre hábitos culturais en Galicia (Consello da Cultura Galega, 2016), onde se determinaba que só o 14,8% da poboación asiste ao teatro (a media estatal está situada no 23,2%), o que implica que o 61,6% nunca vai ao teatro”.
O teatro nacional e o CDG
Na forte baixada do orzamento público adiacado ao teatro desde o 2008 inscríbese a perda de posición do Centro Dramático Galego como motor do teatro nacional. “A idea de “teatro nacional” da que partía nas súas propostas programáticas a profesión funcionou como fundamento do teatro galego durante todo o século XX e ata que a crise económica de 2008 puxo en xaque ás sobredimensionadas institucións teatrais do Estado nación tardío e anómalo que sería Galicia”, explicou Inma López Silva no seu relatorio . “Efectivamente, había unha excesiva atribución de responsabilidades ao Centro Dramático Galego, moito máis alá do nacional, determinada en boa medida polas demandas da profesión teatral que animou o seu nacemento, depositando nel a crenza en que a existencia dunha entidade deste tipo sería, por si soa, garantía dunha normal evolución de todo o sistema teatral, como sucedía en todos os sistemas europeos que contaban co seu correspondente Teatro Nacional. Mais non foi así”, engadiu.
Sexa como for, reflexiona López Silva, “o certo é que a falta de orzamentos argüída como desculpa desde a crise, e a nula independencia organizativa da compañía pública (intensificada en sucesivos documentos e nas fórmulas de contratación da súa persoa responsábel) anularon a natureza representativa, cohesionadora e canonizadora do CDG, por non falar, por suposto, da súa capacidade para liderar as dinámicas profesionais, que xa se viña resentindo con anterioridade. A negativa a modificar o seu estatuto de funcionamento para dotalo dunha maior autonomía executiva que lle permita adaptarse ás circunstancias cambiantes do sistema das artes escénicas, máis alá de cuestións de orde política, denota a aceptación de que non cumpre os seus iniciais obxectivos representativos como teatro nacional e institución da cultura galega”.
O actor Xosé Barato, vogal da AAAG, indica que non parece haber, por parte do director de Agadic, Jacobo Sutil, moita vontade de “afrontar un tema complexo” como a dotación dun “réxime xurídico propio e independencia para o CDG
Ao respecto, o actor Xosé Barato, vogal da AAAG, indica que non parece haber, por parte do director de Agadic, Jacobo Sutil, moita vontade de “afrontar un tema complexo” como a dotación dun “réxime xurídico propio e independencia para o CDG, pois agora depende da Axencia, o cal significa tamén que depende do goberno de quenda”. Alén diso, o que debería servir de “buque insignia” da profesión, indica, non está a cumprir a súa función, pois as contratacións a actores e actrices son moito máis escasas ca hai poucos anos. Do mesmo xeito, apunta que a principal pelexa nestes momentos xa non é repensar os modelos de apoio público ao teatro, senón tratar de “manter o que hai”, xa que a realidade na que o sector se acha inmerso é “un proceso de desmantelamento grande”, ao que se engadiu un plan de reactivación “irrealizable”, lanzado nun contexto no que se reactiva un “debate tramposo” relacionado coa ausencia da percepción do teatro, por parte da sociedade, como unha prioridade. Porque -indica- “cuestiónanse as axudas á cultura, pero non a Citroën ou á siderurxia, por exemplo”.
As subvencións -salienta- deben responder a criterios “claros e transparentes” de concorrencia competitiva, e quizais neste momento, opina, priorizar a produción, xa que “están moi orientadas ao produto final, ao resultado, obviando máis o traballo de creación”, cando ninguén pode saber que vai pasar coa distribución. “Xa está a ser complicado e o 2021 vai ser tamén difícil”, agoira. Polo momento, ademais, xa houbo algúns cambios nos criterios obxectivos de concesión das axudas de Agadic á produción, de xeito que “o currículum dos actores e actrices deixou de contar”. Esta e outras mudanzas fixeron, ademais, que algunhas das compañías galegas máis veteranas quedasen na última convocatoria fóra das axudas á produción.
Vellas reivindicacións
O vicepresidente da Academia Galega de Teatro e director de Teatro do Noroeste, Eduardo Alonso, apunta ao respecto que “ten que haber un plan estratéxico que abranga a todo o sector e que busque fórmulas de incorporación das novas xeracións, moi preparadas, para que a súa entrada no sistema non sexa disfuncional”. A entrada das novas xeracións prodúcese, en boa medida, a través da creación de novas compañías ou proxectos que veñen competir, con todo o dereito, por uns recursos que se revelan porén, cada vez máis exiguos. Alonso subliña, tamén, unha das vellas reivindicacións da profesión, que é que se abran os teatros máis días á semana e que as compañías poidan ficar na mesma praza varios días, con funcións consecutivas. Tamén Juan Rodríguez, de Escena Galega, pide unha maior dotación orzamentaria para distribución, pois “simplemente con orzamentos máis grandes para as Redes, a cousa xa cambiaría, ao haber máis programación”, a poder ser con xiras “máis condensadas”.
Juan Rodríguez, de Escena Galega, pide unha maior dotación orzamentaria para distribución, pois “simplemente con orzamentos máis grandes para as Redes, a cousa xa cambiaría, ao haber máis programación”
O director do Teatro Rosalía da Coruña, Paulo Rodríguez, amósase de acordo en que “a vida dun espectáculo está no número de bólos”, mais avoga por unha distribución que garanta unha sustentabilidade, no sentido de que “a política antiga de ir a espectáculo novo por ano, por cada compañía”, deixa pouca marxe para “amortizar o investimento realizado” e producir un retorno social “o maior tempo posible”. Por iso, di, quizais sería mellor “traballar máis lento e con máis seguridade a cambio de distribuír mellor, sen ter o impacto da hiperprodución, xa que polo momento o principal cliente das producións, feitas por compañías privadas, son as administracións”.
Respecto á demanda de manter os teatros abertos durante máis días á semana, sinala que “habería que mirar a realidade de cada teatro, pois en parte deles o pulso de consumo pode ser só en fin de semana”. Asegura tamén que, aínda habendo espazos infrautilizados, o feito de non se programen espectáculos por semana non significa que os teatros estean baleiros. “No Rosalía temos obradoiros, encontros con espectadores, montaxes, premontaxes, hai que gardar tempo para o mantemento das instalacións... “, lembra. Polo demais, recorda que na Coruña si se probou a manter os espectáculos en cartel durante tres días. “Nós temos unha situación normalizada, por un traballo de longo prazo que xa comezara Agustín Lorenzo. Temos entre 350 e 500 espectadores para un espectáculo galego, que está ben. Pois o que nos pasaba, ao programar tres días seguidos, é que o terceiro viñan 30 ou 40 persoas. E só abrir as portas do teatro cústanos 2.000 euros ao día”.
O director da Mostra de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, apunta tamén que ter espazos infrautilizados non ten sentido desde o punto de vista da eficiencia do investimento realizado polo Estado en construílos
O director da Mostra de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual, apunta tamén que ter espazos infrautilizados non ten sentido desde o punto de vista da eficiencia do investimento realizado polo Estado en construílos. Opina, como o resto dos entrevistados, que o límite de ocupación dos teatros debería ser proporcional á súa capacidade, para evitar ademais convertelos en lugares “inhumanos”, “pouco atractivos” para o espectador. E pide un “regulamento común” que estableza criterios obxectivos para as cancelacións ou adiamentos, para evitar arbitrariedades e “cancelacións sen xustificación”.
As propostas do sector
O proxecto de lei de artes escénicas elaborado de xeito colaborativo polo sector no 2015, que non chegou a ser debatido no Parlamento, contemplaba o apoio da Xunta “a proxectos orientados á xestión de espazos de creación e representación con nula ou escasa cobertura, con especial atención a espazos do entorno rural e vilas”, a “supervisión e impulso do uso axeitado dos espazos do patrimonio escénico ou en proceso de seren considerados e que se atopan en situación de abandono para a realización de actividades relacionadas co feito escénico”, o “apoio á creación e desenvolvemento de residencias artísticas en espazos de creación e representación públicos, privados e mixtos da comunidade galega”, a “creación de novos espazos de creación e representación alternativos e autoxestionados” ou o “impulso á xestión e programación de espazos de creación e representación a través de compañías residentes”.
O da creación de compañías residentes que xestionen, por concurso, espazos públicos, encargándose do deseño da programación cultural -non só de teatro- nos mesmos, é un dos vellos debates do sector. Mais esixiría un forte compromiso orzamentario por parte das administracións -Xunta, Deputacións e concellos-, mais algún tipo de sistema rotatorio, compatible coa continuidade das axudas para a itinerancia, para que non acabase beneficiando só a unhas poucas compañías.
“O que houbo aquí” -sinala o director de Chévere, Xesús Ron- “foron prácticas de resistencia das que podemos aprender”. Pois, dado que seguramente imitar o modelo de compañías residentes doutros países europeos con moita maior tradición teatral pode ser difícil, quizais poida pensarse en “modelos mixtos” adaptados á realidade territorial e social galega. Ron comenta, ao respecto, que tras a experiencia de Chévere en Teo -o concello achegaba 30.000 euros ao ano á compañía, que realizaba unha actividade teatral orientada á veciñanza- outros concellos interesáronse por esta mesma fórmula, que pode axudar a “fixar compañías nun territorio e a dar viabilidade económica aos profesionais”.
Segundo os datos da SGAE, o número de representacións realizadas en Galicia pasou de 2.747 no 2007 -antes da crise económica- a 1.682 no 2018 -antes da covid-
Mais repensar os modelos de apoio público ao teatro non semella unha prioridade cando o perentorio é a sobrevivencia. “O teatro galego” explicou a directora teatral, ex-directora do CDG e profesora Cristina Domínguez no I Congreso do Teatro Galego, “sufriu unha grave recesión despois da crise mundial do 2009, da que, a día de hoxe non saíu por completo, pois non se recuperaron as cifras de negocio do 2009 e anteriores a esa data. A crise supuxo un recorte en canto a orzamentos na administración pública con respecto á cultura. Mais non se coñecen máis políticas vinculadas á cultura que os recortes, dese xeito, por exemplo, a administración pública non soubo ou non quixo utilizar a cultura como valor engadido, como ferramenta para medrar e saír da crise”. As cifras facilitadas por ela mesma, elaboradas a partir dos datos da SGAE, revelan que o número de representacións realizadas en Galicia pasou de 2.747 no 2007 -antes da crise económica- a 1.682 no 2018 -antes da covid-.
A nova realidade
Desde o 2009 -explicou- “obsérvase un decrecemento evidente, drástico e continuado no número de funcións teatrais realizadas en Galicia. O punto máis baixo é o 2013, e a partires de aí comeza unha lixeira remontada, que nin se achegou aos datos baixos (os 2.597) do 2008, hai doce anos. O mesmo acontece co número de espectadores de teatro en Galicia, o descenso é evidente desde o 2009, e aínda que despois da caída continuada durante catro anos seguidos, comeza a ascender no 2014, están lonxe dos datos do 2009. Cousa ben distinta acontece na recadación, na que, despois dunha caída continuada desde o 2009 ate o 2013, outra vez no 2014 comeza a remontar espectacularmente ate os datos do 2018, superando dun xeito evidente as cifras do 2009”.
“Á xestión da crise hai que engadir os problemas ocasionados pola Lei de Contratación das Administracións Públicas, que non axudan a facilitar a xestión das artes escénicas na administración”
“Á xestión da crise” -asegurou- “hai que engadir os problemas ocasionados pola Lei de Contratación das Administracións Públicas, que non axudan a facilitar a xestión das artes escénicas na administración, polo que, como ocorre noutras comunidades, sería recomendábel a súa revisión por parte de persoas expertas da administración, do dereito, da economía, para unha aplicación non tan restritiva das mesmas. Esa resposta á crise e a excesiva burocratización da administración fai que a chegada da pandemia provocada pola COVID 19 torne a situación mesmo en dramática para o sector e poña en serio risco a supervivencia de toda a estrutura escénica galega. Despois do oportuno e necesario Plan de Reactivación posto en marcha pola Consellería e a AGADIC, vese necesario un plan de continxencia para o ano 2021”.
Ao respecto da nova crise -indicou- tampouco as compañías estaban preparadas, pois xa antes da súa chegada se caracterizaban por seren “microempresas con un empregado como máximo e na súa maioría sen ningún empregado” que, para enfrontar “a dureza dos últimos anos, tentaron diversificar, en casos ofertando diferentes servizos, procurando outros xeitos de comunicar, achegándose a diferentes públicos, e sempre traballando coa esixencia da excelencia artística. Máis a xestión é o punto feble de moitas compañías”.
Diante desta situación -preguntou- “como van reaccionar diante da covid19?”. Realmente “a estratexia de ofrecer funcións para manter ás compañías capitalizadas, cando non está claro como vai desenvolverse a pandemia, é solución?. Se partimos da idea de que o sector sufriu unha importante reestruturación no que primou o achegamento ao público, as ventas, pode que este sexa o momento de procurar outras vías, que poden vir pola investigación, pola formación en novos xeitos de achegarse aos públicos (non todos teñen que ser presenciais), por como relacionarse co territorio, ou como intervir nel”.
En relación coas características das compañías galegas sitúase tamén outra cuestión relacionada con como se concibiu Agadic. “Despois da aparición do CDG, e pola necesidade de artellar a política escénica do país nace o IGAEM, que no ano 2008 deixa paso á AGADIC. O IGAEM e mais tarde a AGADIC artellaron o sector escénico do país. Creouse a rede de teatros, a rede de salas, os apoios á produción e distribución das CIAS, a Feira de Teatro (hoxe Galicia Escena Pro), en fin, alentáronse políticas por veces consensuados co sector, e por veces non”, explicou Domínguez.
Mais “a cuestión central da Axencia, é o concepto mesmo de industria cultural. A súa transformación, fixo que as artes escénicas compartiran espazo coas industrias culturais, nomeadamente co audiovisual e o libro, sendo unha convivencia enriquecedora mais na que por veces hai unha evidente disparidade de intereses. A profesión teatral non acaba de encaixar a súa actividade dentro da industria pois é unha actividade que en Galicia está máis cerca do artesanal que dunha actividade industrial”, sinalou Domínguez.
O acceso ás axudas
E se ben a creación da Agadic axudou a clarificar criterios de reparto de axudas -moitas veces pouco claros e transparentes coas administracións de Manuel Fraga, o cal favorecía dinámicas competitivas individualistas por parte das compañías- tamén acelerou a transformación das mesmas en empresas que debían ser quen de responder a novas esixencias burocráticas e, en xeral, de xestión. Ao respecto, Xesús Ron presentou no propio Congreso do Teatro Galego unha reflexión na que pediu “diversidade” de fórmulas para o acceso ás axudas públicas. Porque o que se fixo foi “uniformizar o tipo de axentes que poden concorrer”, o cal impide que cadaquén se adapte á mellor estrutura que pode pedir cada proxecto: unha compañía estable, un produtor que contrata un equipo, unha estrutura non empresarial… En confluencia con el, Roberto Pascual avoga por fórmulas que permitan o acceso ao sistema do terceiro sector, en consonancia coas dinámicas asentadas noutros países.
En calquera caso, os problemas estruturais do sector xa viñan de atrás. Moito tempo antes da crise do 2008, lembrou Xavier Estévez no Congreso do Teatro Galego, “desde os colectivos teatrais víñanse reclamando políticas culturais activas tendentes a un afianzamento das estruturas do sector (redes, financiamento, produción institucional -C.D.G.-, etc). Lamentablemente as respostas recibidas foron case sempre demasiado mornas. No ano 2008 créase a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en substitución do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. A creación deste organismo acompaña desde entón a situación crítica do sector. Non digo con isto que sexa o causante da mesma, pero a súa propia natureza resta de independencia e condiciona a súa xestión desde a organización dos orzamentos ata os modelos de contratación do persoal nas súas unidades de produción ou na xestión dos espazos dependentes do mesmo. Temos, polo tanto, un organismo que, como tantas outras veces neste país, nace antes de ter claro para que servirá e como será xestionado”.
“O modelo de subvencións públicas á cultura, é un modelo esgotado, non obstante, á hora de baixar á area e tomar as rendas da realidade, en Galicia, o teatro sen subvención é practicamente inviable”
É unha opinión moi estendida -explicou tamén- “a de que o modelo de subvencións públicas á cultura, é un modelo esgotado, non obstante, á hora de baixar á area e tomar as rendas da realidade, en Galicia, o teatro sen subvención é practicamente inviable salvo que deamos por bo que non existan espectáculos en formato mediano e grande. O reducido tamaño das salas de espectáculos e a costume implantada durante anos dunha política, errónea, de subvención ao prezo da entrada (case sempre por iniciativa municipal) que colocaba as mesmas nun prezos irrisorios, cando non inexistentes, fan inviable a sustentación desta industria sen axudas institucionais. Probablemente, se no futuro se reverte esa tendencia establecida como costume entre os consumidores de cultura de que o teatro debe ofrecerse a prezos simbólicos, e se establecen suficientes incentivos fiscais para as empresas que apoien o teatro, chegaremos a un modelo mixto entre subvencións, mecenado e billeteira, co subseguinte risco de supeditar a creación aos intereses de entidades privadas alleas ao feito teatral”.
A situación é, en conclusión, complexa. Polo que, tal como indicou Cristina Domínguez, é urxente a creación de espazos “onde repensar a escena galega con obxectivos que se traduzan en políticas claras reflectidas en plans estratéxicos con orzamentos establecidos e que se cumpran en prazos claros de cinco, dez anos. Temos feito unha longa viaxe en moi pouco tempo. Todas as persoas e institucións debemos sentirnos orgullosas de ter participado nesa fermosa viaxe. Todas, artistas, xestores, políticos. Non sabemos que vai acontecer de aquí a vinte e cinco anos, pero debemos visualizalo e estruturalo, de tal xeito que as xeracións actuais e as próximas, poidan transitar ese camiño con obxectivos de éxito claros e coa seguridade de poder facelo”.