O vindeiro xoves o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), estrea no Salón Teatro de Santiago a obra Martes de Carnaval, de Valle-Inclán. Unha montaxe que chega ás táboas logo dun tortuoso percorrido administrativo con varias dimisións e varias decisións que supuxeron sucesivos agravios comparativos para os actores e actrices entre si e entre estes e outros participantes na obra. O seguinte é o relato administrativo dun proceso no que a Xunta tratou a algúns artistas como tales pero a outros coma se fosen funcionarios e provedores.
A Xunta adxudica a dedo a todo tipo de artistas por miles de euros pero enléase cun concurso público para contratar cinco meses o elenco de Martes de Carnaval, que se estrea este xoves
A obra Martes de Carnaval está dividida en dúas partes cuxas montaxes foron encargadas a dedo, como é habitual en calquera iniciativa de natureza artística aínda que estea sufragada por fondos públicos, aos directores Marta Pazos e Venancio Rodríguez Asorey (Tito Asorey), os dous de recoñecido prestixio. Porén, Agadic convocou un concurso público para a contratación dos actores e actrices (catro protagonistas e seis principais) que provocou un importante malestar no sector. Agadic deféndese lembrando que o propio convenio colectivo de actores e actrices de teatro, unha longa reivindicación do sector para dignificar o seu traballo, establece que dito convenio “afectará a todas as empresas e a todos os actores-actrices [...] ben sexa en producións públicas, privadas ou coproducións” e que ese mesmo documento di que “a contratación mercantil está expresamente excluída deste convenio e as partes asinantes comprométense a non realizala para a contratación de artistas de teatro”. Isto é, os actores e actrices só poden ser contratados como asalariados, e para iso a lei obriga, salientan desde Agadic, a realizar un concurso, que como tal debería cumprir os requisitos de publicidade, mérito e capacidade, malia que neste caso, sobre o primeiro requisito, non conste a súa publicación no Diario Oficial de Galicia senón na web de Agadic.
O tribunal dese concurso non foi conformado, como é habitual no resto da administración, por funcionarios públicos senón que o director da Agadic, Jacobo Sutil, nomeou o 13 de xaneiro aos dous directores da función, Marta Pazos e Tito Asorey; os seus dous axudantes de dirección, María Eugenia Romero e Vanesa Martínez Sotelo; e a directora do CDG, Fefa Noia; e á secretaria desta última no CDG como secretaria do tribunal. O 19 de xaneiro ese tribunal emitiu as súas valoracións sobre os currículos dos actores e actrices que se presentaran ao concurso e convocáronos á proba de interpretación. Porén, o 2 de febreiro Sutil asinaba unha nova resolución na que aceptaba as renuncias a seguir formando parte do tribunal e da produción presentadas por Tito Asorey, pola súa axudante e pola secretaria do tribunal. O primeiro foi substituído pola deseñadora de vestiario Uxía Pereiro, a súa axudante pola coreógrafa Ruth Balbís e a secretaria do tribunal que era secretaria do CDG por una asesora xurídica da propia Agadic. Neste último caso o propio Sutil indicara, na resolución coa que nomeara o primeiro tribunal, que en caso de ausencia da secretaria ese posto sería ocupado por outra funcionaria distinta.
De entre os máis de 200 candidatos presentados ao concurso, dous actores que non fixeran as probas de dúas personaxes pendentes foron chamados ad hoc para facelas e o xurado adxudicoulles eses papeis
O 20 de febreiro, o segundo tribunal comunicou os nomes dos actores e actrices finalmente seleccionados para oito dos dez postos da función, pero para os dous restantes adoptou unha decisión fora do normal nos procedementos de selección das administracións públicas. Ese segundo tribunal acordou “por unanimidade, antes de facer públicas as puntuacións das persoas candidatas, convocar a dúas persoas máis de entre as que superaron a primeira fase e foron convocadas para facer probas de interpretación de outras personaxes”. De entre os máis de 200 candidatos presentados ao concurso, eses dous actores que non fixeran as probas desas dúas personaxes pendentes foron chamados ad hoc para facelas e o xurado adxudicoulles eses papeis. Nas probas previas ás que foran convocados para interpretar outras personaxes quedaran os dous como quintos suplentes.
O dimitido Tito Asorey explicou nun comunicado o 9 de febreiro que a causa da súa renuncia como co-director “é a falta de acordo coa administración en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe e cuxa aplicación, ao meu parecer, dificultaba enormemente o proceso artístico tal e como eu o entendo”. Malia a súa renuncia a e a doutras dúas membros do xurado, as súas valoracións iniciais dos candidatos seguiron sendo válidas.
Agadic deu por válidas valoracións que membros do xurado fixeron de socios e parellas
Agadic argumenta que “unha vez que dimitiron os membros do tribunal inicial, pese a que ningún deles fai alusión na súa renuncia a causas de abstención e recusación, a nova composición do tribunal acorda a revisión das puntuacións acadadas ata o momento, e xa avaliadas, confirmando que de acordo coas bases as puntuacións acadadas son correctas, co que quedaron subsanadas as posibles dúbidas sobre as valoracións dos membros que xa non forman parte do tribunal”. A axencia autonómica xustifica así que “non se reinicia o procedemento porque se validan polo novo tribunal as actuacións desenvolvidas ata o momento, e se considera axeitado a dereito a súa continuación, non existindo causa legal que o impida, e que obrigue á retroacción do procedemento de selección”.
Porén, unha análise das candidaturas valoradas polo primeiro xurado na primeira fase de análise dos currículos permite comprobar diversas relacións profesionais e mesmo persoais entre membros do xurado e aspirantes. Algo que segundo as bases do procedemento non debería suceder, xa que estas sinalan que “os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015 do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público”. E o que di ese artigo 23 é que é motivo de abstención, entre outros, “ter interese persoal no asunto de que se trate”, “ter un vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable”, “ter amizade íntima ou enemizade manifesta” con algún dos interesados ou “ter relación de servizo con persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou prestarlle nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar”. Con esa redacción, ningún dos membros do tribunal podería avaliar a case ningún dos candidatos, xa que o reducido do sector fai habituais as amizades e traballos conxuntos.
Praza.gal preguntou a Agadic se se lle comunicou, como varios participantes no proceso aseguran, algunha incompatibilidade e se coñecía que o xurado valorou a socios e parellas, pero a axencia pública limitouse a responder que "cumpriu coa lei"
Un exemplo, dos varios detectados por este diario, é o feito de que Marta Pazos fose presidenta do xurado e este valorase, entre outros, o actor Hugo Torres, co que comparte a compañía Voadora. Segundo a propia web desta compañía, “Voadora é un monstro de tres cabezas: o actor-músico Hugo Torres, o produtor-realizador-músico José Díaz e a directora-actriz-artista plástica Marta Pazos”. Torres non foi finalmente seleccionado no concurso, pero a súa participación e valoración na primeira fase, en cuxa resolución non se indica en ningún punto que Marta Pazos se abstivese, puido influír nas do resto de candidatos, e unha relación tan directa entre ambos é, para dous responsables sindicais coñecedores da función pública consultados, motivo máis que suficiente para invalidar o proceso.
Este diario preguntou a Agadic se se lle comunicara algunha circunstancia de incompatibilidade e se era coñecedora de relacións persoais entre xurados e candidatos como a antedita, xa que varias fontes consultadas por Praza.gal aseguran que a administración mesmo lles garantiu aos xurados que non había ningún problema en que socios ou mesmo parellas se presentasen ao concurso. Toda a resposta de Agadic ás dúas cuestións é a seguinte: “A resolución da selección polo tribunal cumpriu co establecido na lei en canto ao réxime de incompatibilidades”. Torres non foi seleccionado como actor, pero tanto el como José Díaz acabaron sendo os responsables elixidos a dedo da música de Martes de Carnaval. Marta Pazos, finalmente única directora da montaxe e presidenta do tribunal do concurso para os actores durante todo o procedemento, foi contactada por Praza.gal pero non quixo pronunciarse.
Igual que coa entrega da música a Torres e Díaz, Agadic tamén adxudicou a dedo, a través dos denominados contratos menores, o deseño do vestiario a Uxía Pereiro e o asesoramento en movemento escénico e adestramento físico dos actores a Ruth Balbís, as dúas incorporadas ao tribunal do concurso para o elenco logo das dimisións dos seus predecesores. Mentres os dez actores protagonistas e principais cobrarán un soldo bruto de algo máis de 1.800 e 1.600 euros respectivamente durante os cinco meses en que están contratados, Pereiro foi oficialmente contratada por 8.800 euros e un prazo de execución de 14 días e Balbís por 4.800 euros e un prazo de dous meses. Algo que non é de todo certo, xa que as dúas profesionais empregaron no seu traballo máis que ese tempo. Pero é o que din os contratos da Xunta, á que non lle importa adxudicar esas contías a dedo ao tempo que convoca un concurso para pagar importes máis reducidos.
A Xunta pode asinar contratos mercantís a dedo por calquera servizo ou subministro ata un límite de 18.000 euros, pero o elenco é contratado a través dun contrato laboral
Isto é posible porque coa figura dos contratos menores, habituais en todas as administracións públicas, estas poden contratar calquera subministro ou servizo a dedo, sen pedir varias ofertas, ata un límite de 18.000 euros. A través deses contratos menores a propia Agadic entregou uns 60.000 euros a dedo só na semana que foi do 20 ao 27 de marzo, boa parte deles a outro tipo de artistas. O paradoxo é que os únicos que non se benefician dese procedemento discrecional de contratación son os actores e actrices porque así llo limita o convenio colectivo que tanto lles custou acadar e que os obriga a ser contratados laboralmente e non de xeito mercantil. “Queda claro que as funcións do elenco interpretativo e demais equipo artístico non son as mesmas e que o procedemento que se seguiu cumpriu en todo momento a legalidade aplicable”, asegura Agadic.
Porén, ao tempo que a Xunta non é quen de atopar o xeito de que os actores de teatro que traballen durante uns poucos meses para o Centro Dramático Galego poidan ser elixidos con criterios artísticos polos directores, a administración si deu en dotarse de mecanismos para contar con persoal cun contrato laboral entregado completamente a dedo. Sen entrar nos postos de dirección e altos cargos, é o caso das preto de 150 persoas que segundo a incompleta lista divulgada polo propio Goberno galego traballan para el como persoal de gabinete, comunicación e de apoio e nos que se gasta anualmente preto de 5 millóns de euros. Traballadores laborais a dedo que en moitos casos levan varias lexislaturas seguidas no mesmo posto.