0 Gardados para despois

“Se eu fose Fefa Noia, tería dimitido hai tempo do CDG”

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Eduardo Alonso recibirá na vindeira gala dos Premios María Casares o Premio de Honra Marisa Soto, co que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) distingue a traxectoria de persoeiros no mundo das artes escénicas. Director e dramaturgo, Eduardo Alonso leva máis de corenta anos no oficio, foi o primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG) e fundou -xunto a actriz Luma Gómez- Teatro do Noroeste, compañía histórica que neste 2017 cumpre tres décadas de actividade. Falamos con Alonso sobre o galardón, a súa compañía e a situación no CDG.

Comecemos coa pregunta tópica para estes casos: Que significa este premio?

Sorprendeume, xa que a min me colle en plena actividade. A verdade, é un premio que me honra moito, xa que a AAAG, na súa orixe, chamábase Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena. É dicir, esta é unha asociación que recolle a toda a profesión escénica. Polo tanto, é unha gran honra. Ademais, para min e para todos os da miña xeración é unha alegría engadida recibir un premio que leva o nome de Marisa Soto, coa que tivemos o honor de compartir xeración e traballo.

"Cada vez que fas unha obra, tiras uns muros que, na seguinte obra, volven estar en pé. Dá a sensación de que vivimos o castigo de Sísifo, temos que estar subindo constantemente a pedra até o cumio da montaña"

Desa xeración tamén forman parte Xúlio Lago e María Barcala, de Teatro do Atlántico, que hai un par de semanas deixaron caer que quizais xa non farían máis espectáculos pola situación que atravesa o teatro. Como vive Teatro do Noroeste? Senten vostedes o desgaste?

Seguramente vivimos unha situación moi semellante á de Xúlio e María. Somos xente que levamos toda a vida facendo teatro e, a verdade, fatiga moitísimo o feito de que cada ano resulte máis difícil facer un espectáculo. Cada vez que fas unha obra, tiras uns muros que, na seguinte obra, volven estar en pé. Dá a sensación de que vivimos o castigo de Sísifo, temos que estar subindo constantemente a pedra até o cumio da montaña. 
Tamén fatiga moito unha cuestión: non hai perspectivas. Antes, mesmo cando as cousas estaban moi mal, vías un horizontes. É dicir, había unhas posibilidades. Difíciles? Si, pero habíaas. Agora mesmo... É que remataron coas nosas esperanzas.

"Evidentemente, fixemos todos un percorrido e houbo momentos brillantes... Agora? Estamos, se me apuras, incluso peor que no punto de partida"

Neste 2017, Teatro do Noroeste celebra 30 anos de actividade teatral. Nos últimos anos, o mundo do teatro en particular e a cultura galega están a entrar na trintena. O CDG cumpriu 30 anos en 2014, compañías como Teatro do Atlántico cumpriunos hai nada, a AAAG en 2015... Ao teatro sentoulle mal a trintena?

Este é un momento complicado, un momento de ter unha perspectiva e facer análise de todo o esforzo. E claro, un séntese defraudado. Tanto traballo para chegar ao mesmo punto de partida? Evidentemente, fixemos todos un percorrido e houbo momentos brillantes... Agora? Estamos, se me apuras, incluso peor que no punto de partida. A min hai algo que me desasosega moitísimo, que lle pasa a moita xente da miña xeración: que mundo estamos a deixar aos nosos fillos? Unha das aspiracións xeracionais é deixarlles as cousas un pouco mellor as xeracións seguintes.

Pois parece que non vai ser o caso...

Non vai ser, non. Non tanto pola nosa culpa, senón tamén polo proceso político e as políticas culturais. Estamos igual que no principio. Non, igual non... Ao principio, cando menos, había esperanza. Agora só podes preguntar: A onde vai parar todo isto?

"Teatro do Noroeste é o que non quería ser. O que pretendía ser era unha compañía de gran repertorio, un teatro de servizo á sociedade"

Outra pregunta tópica: Despois de trinta anos de Teatro Noroeste, que balance fai?

Teatro do Noroeste é o que non quería ser. O que pretendía ser era unha compañía de gran repertorio, un teatro de servizo á sociedade. Que quero dicir? Imos ver, para a construción dun teatro nacional, como moi ben di Quico Cadaval ultimamente, fai falla que se adapten os grandes textos internacionais e que se incorporen á lingua propia. É dicir, falo dun teatro que, por unha banda, faga os shakespeares, os molières, os valle-incláns e, pola outra, que cultive os autores propios, dándolles grandes oportunidades. Ese era o gran obxectivo de Teatro do Noroeste, mais agora non o podemos cumprir. Podemos facer o teatro de autor propio, que é o que estamos a facer, pero dende unha perspectiva moi cativa, xa que o que facemos é ir montando as obras dun membro da compañía que pode escribir case por encargo. Ese non era o obxectivo e nós traballamos para saír de aí, pero non somos quen. Eu non digo que non nos guste facer textos que eu escribo, pero gustaríanos volver a Molière, a Shakespeare ou a Valle, agora que se pode. Mais non somos quen. Excéntricas son uns valentes montando un espectáculo de oito intérpretes, a verdade. Agardo que lles vaia ben, como todo parece apuntar.

A AAAG, á hora de outorgarlle o premio, destacou que Teatro do Noroeste é unha compañía que deu oportunidades a moitos profesionais que estaban a comezar. Séntense especialmente orgullosos dese feito?

Totalmente. Penso que resulta imprescindible abrir esas portas. E esa concepción entra dentro desa idea de servizo á sociedade. Eu creo moito nos proxectos onde se mesturan as xeracións. O traballo compartido entre veteranos e xente nova enriquece moitísimo o teatro e créanse sinerxías. Debería haber máis. Si, estamos moi orgullosos. Agora seguimos esa liña, aínda que de forma menos intensa. Non podemos. Pero antes, durante un tempo, si que o faciamos. Pensa no Romeo e Xulieta que fixemos en 2007. Dos once intérpretes, dez estaban a comezar; só Luma Gómez era veterana. Para atopar eses actores, fixeramos un cásting moi amplo entre todas as escolas de teatro, aínda que a maioría viñeron da ESAD, que eran os mellor formados, claro.

"Se non hai vontade política, non hai solucións. Iso é así. Imos ver, o CDG non se tería fundado de non ser Álvarez Pousa. De non ter un director xeral de Cultura coma el, todo sería imposible"

Xa que falamos de cásting, voulle preguntar polo CDG e o que está a pasar co concurso público, xa que vostede foi o seu primeiro director. Sempre se dixo que o CDG nacera do pacto da administración e da profesión. Mais parece que ese pacto xa non existe, non?

Mira, sinxelamente pasa unha cousa: Se non hai vontade política, non hai solucións. Iso é así. Imos ver, o CDG non se tería fundado de non ser Álvarez Pousa. De non ter un director xeral de Cultura coma el, todo sería imposible. E que pasou? O primeiro, que a administración deixou de ter esa vontade política. Atreveríame a dicir que a perdeu xusto cando marchou Pousa. Segundo, a administración deixou de ter coñecemento da actividade teatral. Entón, todos os xerentes que se encargaron primeiro do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) e despois da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) non tiñan nin idea de teatro.

"Non son as artes escénicas as que se teñen que adaptar á administración, senón que é a administración a que se ten que adaptar ás artes escénicas"

E como é a vontade política actual?

Ningunha, nula. Non hai. Ben se ve nas declaracións que fan ao respecto do Centro Dramático Galego. A min dáme ganas de lles dicirlles aos políticos ao respecto do CDG e todo o que está a pasar, que a administración, o concepto que temos da administración e a súa estrutura, non ten máis de cen anos... Menos incluso, poñamos 60 anos. Pola contra, as artes escénicas teñen milenios. É dicir, non son as artes escénicas as que se teñen que adaptar á administración, senón que é a administración a que se ten que adaptar ás artes escénicas. É obvio. É obvio para min, que formo parte das artes escénicas e resulta obvio para os directores do Centro Dramático Nacional ou para o director do Instituto Nacional de Artes Escénicas y Musicales (Inaem) do estado. Pola contra, para o director de acó, parece que non. Entón escúdase en que hai que cumprir a lei e punto. É que non hai vontade política, ningunha. Mira, o PP de cando se creou o CDG... Ese PP tiña un certo sentido de  que había que crear unha cultura galega. Vale, que a súa idea era unha cultura de feira e xa... Pero estes? Nin iso...

Contra Fraga vivíase mellor?

Non sei se contra o cacique se vivía mellor, pero se cadra se vive mellor contra o cacique que contra o tecnócrata. Ningún dos dous modelos é recomendable, pero é que os de agora simplemente obvian a cultura galega, non lles interesa.

Nas dúas últimas montaxes do CDG, o pasado Tartufo e o vindeiro Martes de Carnaval, a administración realizou uns cástings en formato de concurso público rexido pola lei da función pública. Por parte do sector recibiuse tal iniciativa con protestas e asegurouse que ese non era un modelo apto para o sector. Por que a administración quixo realizar igualmente este procedemento e por que dende o sector se di que é imposible de aplicar no Centro Dramático?

O procedemento de concurso público de escolla de persoal funcionarial, sexa funcionario sexa laboral, non vale para un proceso artístico.

"O procedemento de concurso público de escolla de persoal funcionarial, sexa funcionario sexa laboral, non vale para un proceso artístico"

Por que non vale? É dicir, haberá enfermeiros ou avogados ou profesores que se pregunten por que para eles si vale e para os actores e actrices non.

É diferente. Primeiro, porque non falamos de persoal laboral en sentido puro. Son uns actores que forman parte dun proxecto artístico. Dentro dos proxectos artísticos, o elenco é unha parte fundamental. É dicir, non se pode montar un texto con calquera. Imos ver... O mesmo texto pode dar proxectos artísticos diferentes. Poñamos un caso estremo: Figúrate un Valle-Inclán aéreo, no que os actores e as actrices ruben polas paredes e saltan polos trapecios. Ese é un proxecto artístico concreto e dentro dese proxecto artístico concreto, os actores son unha parte fundamental que funcionan exactamente igual que as cores nun cadro. Polo tanto, decidir por concurso públicos os actores é exactamente igual que decidir as cores do cadro dun pintor por concurso público. Se o decides así, ese cadro xa non será do pintor. Se decides o elenco dese xeito, o espectáculo resultante tampouco será do director. Aquí, o conflito está entre a administración e a arte. Ese choque dáse sempre, xa que a administración se adapta mal ás cuestións artísticas. E para encaixar ambos mundos fai falla moita vontade política. E non se ten. Iso é o que pasa agora. Hai que lembrar que o proceso artístico non é democrático, depende do xenio creador. E o xenio creador dun espectáculo teatral, malia ser un traballo colectivo, é responsabilidade final do director. Evidentemente, aquí non falamos das cores dun cadro, senón de persoas. E as persoas son pagadas pola administración, que quere converter isto nun proceso funcionarial. E iso non é posible. E a verdade, sería fácil sacar dese tipo de procesos os actores, pero claro... Falla algo: a vontade política.

"O conflito está entre a administración e a arte. Ese choque dáse sempre, xa que a administración se adapta mal ás cuestións artísticas. E para encaixar ambos mundos fai falla moita vontade política. E non se ten"

E para sacalos de aí, que fai falla? Refundar o CDG? Convertelo nunha institución independente da Agadic?

Mira, antes da Agadic existía o Igaem, que era un instituto, un organismo autónomo de carácter comercial, que rexía o seu persoal do seguinte xeito: o persoal propio do Igaem rexíase pola función pública, mentres que o resto de persoal, rexíase unicamente polos convenios colectivos correspondentes. E aí rematou o problema. Para cambiar o Igaem e convertelo na Agadic, ao bipartito non lle levou máis de tres meses. Para facer o camiño á inversa tampouco fará moito máis. Que falta? A vontade política. Mesmo diría, aínda que non teño a lei de función pública tan analizada, que non habería que modificar a Agadic para que houbese un encaixe. A Lei de función pública xa ten varias excepcións: os bolseiros, os investigadores...

Un dos directores de Martes de Carnaval, Tito Asorey, dimitiu e lanzou un comunicado na que amosaba o seu desacordo co procedemento...

Non dixo iso, non. Dixo algo máis importante e que me parece moito máis lóxico: dimito porque non me deixan facer o meu traballo.

De acordo, pero Anxo Lorenzo nunha entrevista en GaliciaConfidencial asegurou que o único que pasara no CDG foi que un director quixo saltar a lei e que tivo que dimitir... 

Máis falta de vontade política. Un secretario xeral de Cultura sabe que esa lei é unha normativa que se aplica inadecuadamente a un proceso que obriga a un director a non poder facer o seu traballo. Anxo Lorenzo debería coñecer os procesos creativos do teatro.

"Os directores ou teñen un coñecemento enorme de todos os actores e actrices da contorna ou raro vai ser que se neguen a facer un cásting. En resumo, os cástings e a decisión do director son elementos compatibles"

Vostede é o presidente da Asociación de Directores de España (ADE), que lanzou a este respecto un comunicado que defendía as funcións do director e no que se lles outorgaba a decisión total aos directores. Pero se a decisión total recae no director, son pertinentes as audicións? E se non o son, como se visibilizan as novas xeracións? Como se poden conxugar ambas necesidades?

Facendo ambas cousas. A min paréceme razoable que os actores novos queiran visibilidade e queiran obrigar a que haxa mecanismos para que esa visibilidade exista. Eu estou de acordo e eu teño unha compañía que fixo grandes cástings. E de obrigarse ao CDG a facer cástings si ou si, sería probablemente o único centro, dende logo do estado e probablemente de Europa, que tivese esa cláusula. E tampouco me parecería mal. O único problema que teño é que o elenco o elabora o director e punto. Iso é así. Ten que poder facelo dentro dun proxecto artístico, de xeito que se el ten en mente un actor concreto para facer un papel e ese actor non se presenta o cásting, ten que poder chamalo directamente. Imos ver, os directores ou teñen un coñecemento enorme de todos os actores e actrices da contorna ou raro vai ser que se neguen a facer un cásting. En resumo, os cástings e a decisión do director son elementos compatibles.

Máis alá de todos os atrancos que viviu Martes de Carnaval, tamén hai que analizar o CDG dende outro punto de vista. Cando se presentou a programación para os meses xaneiro-outubro de 2017, só se anunciou este espectáculo con dez actores. Un espectáculo de dez actores para a gran parte do ano parece pouca produción e pouca contratación para, non?

Iso corríxese con centros dramáticos que teñen claro os seus obxectivos. Eu teño a sensación de que a actual directora non ten nada claro os obxectivos: vai a salto de mata. É dicir, non hai proxecto. Non sei que queren facer co CDG. E que non haxa un proxecto claro estando o CDG dirixido por unha profesional, é algo preocupante. Porque o natural é que un profesional presente un proxecto definido e se non llo respaldan, dimite. Iso é o lóxico. O resto son trapalladas. Que é o CDG actual? Unha trapallada...

"O natural é que un profesional presente un proxecto definido e se non llo respaldan, dimite. Iso é o lóxico. O resto son trapalladas. Que é o CDG actual? Unha trapallada..."

E a verdade, eu doulle moitas veces voltas, tamén o facemos na ADE, a confluencia dos sistemas democráticos e da creación artística. Que quero dicir? Imos ver... De entrada, paréceme ben que o director do CDG saia por concurso público, pero logo se o pensas máis e miras as circunstancias que vive o CDG... Pois non era o máis recomendable. Penso que a persoa idónea para dirixir un CDG como o que temos agora habería que ir buscalo e convencelo, xa que o que podería ser axeitado non se ía presentar. É que case habería que llo pedir de xeonllos.  O que quero dicir é que os procesos públicos non son sempre os máis axeitados. E creo que Fefa Noia non é a persoa axeitada para o Centro Dramático nestas circunstancias. E que conste que me alegrei moito porque fose unha profesional do gremio quen gañase o concurso...

Entón cre que Fefa Noia debería marchar?

Se eu fose Fefa Noia, hai tempo que tería dimitido do CDG. Eu non sei o que pensa ela realmente sobre o que ten que ser un elenco, pero se pensa o mesmo que pensamos os directores, non pode aceptar todo isto que está a pasar. Debería marchar, si. Pero, claro, non sei o que pensa a este respecto nin en nada. Nunca souben a onde ía este CDG. E tamén creo que Fefa Noia podería usar unha forza máis grande. Ela ten unha forza que non creo que saiba que ten. Precisamente, por gañar un concurso público e non chegar aló a dedo. Se gañas un concurso público, tes que ter a forza para poder enfrontarte aos de arriba e dicirlle: mira non me podes cuestionar estas historias.

"Se gañas un concurso público, tes que ter a forza para poder enfrontarte aos de arriba e dicirlle: mira non me podes cuestionar estas historias"

Quería pechar esta entrevista volvendo a Teatro do Noroeste. As súas dúas últimas montaxes, Palabras malditas e Estado de graza, teñen en común que revisitan o período franquista...

Interesábame tratar esa época porque creo que aínda continúa vixente. A mentalidade desa época segue moi presente. Ademais, quería tamén facer un achegamento a como o réxime tratou ás distintas sensibilidades. En Palabras malditas, fixámonos no tratamento agresivo que se lles brindou aos homosexuais. Pola contra, en Estado de graza, miramos á represión e ao tratamento que se fixo coas mulleres, sobre todo no caso das chamadas “nenas descarriadas”, que está moi conectado co roubo de bebés. Coido que cumpría mirar a estes temas para decatármonos unha vez máis dunha realidade: a sombra do ditador segue a ser moi longa. En certa medida, son dos que pensan que a Transición foi un erro, que perdemos a oportunidade da revolución. Cando me atopo aos meus colegas portugueses e falan do mal que están alí, eu sempre lles retruco que nós estamos como estamos por culpa dunha transición. Eles, aínda que a perderan, fixeron unha revolución, Grazas a iso, realmente están mellor. Malia todo...

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.