Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), xa teñen gañadores e gañadoras. Ao igual que sucedeu con outros galardóns culturais, a pandemia de coronavirus obrigou a modificar as fórmulas habituais do gran certame do teatro galego, que na primavera tivo que adiar a súa gala de entrega, prevista inicialmente para o 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Bernarda, de Malasombra, foi a triunfadora, obtendo catro premios. O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, e Liberto, de Teatro da Ramboia, levaron dous galardóns cada unha
Finalmente, os premiados e premiadas déronse a coñecer este luns a través dunha emisión virtual a través de Internet. Bernarda, de Malasombra, foi a triunfadora, obtendo catro premios, entre eles o de mellor espectáculo texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. A outra obra que levou dou premios foi Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao).
Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil
Foron uns premios moi repartidos e outros oito espectáculos levaron cadanseu galardón. Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil. Ademais, Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excénctricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).
Mónica García: "Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, foi a encargada de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai con motivo da gran noite dos María Casares e que nesta ocasión se converteu nunha reivindicación do teatro e da cultura. “Todo mudou: tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos", sinalou García, que engadiu: "vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”.
“A administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación insuficiente, deficitario e imprudente"
Mónica García foi neste senso crítica coa resposta dada dende a Consellaría de Cultura á crise que vive o sector por mor da pandemia. “A administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”, dixo.
Flor Maceiras: "Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”
Nesta noite atípica houbo tamén tempo para a entrega do Premio de Honra Marisa Soto, que neste ano homenaxeou a Flor Maceiras e, a través dela, ao teatro amador galego e á formación teatral. No seu discurso, Flor Maceiras agradeceu o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, que engadiu que "este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”.
Isabel Risco foi a encargada de ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro
Finalmente, Isabel Risco foi a encargada de ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.