O galardón será entregado durante a gala dos María Casares, que ía ter lugar o 26 de marzo pero que vén de ser aprazada polo coronavirus
A actriz, directora e docente teatral Flor Maceiras recibirá o Premio de Honra Marisa Soto, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O galardón será entregado durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que ía ter lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 26 de marzo pero que este xoves vén de ser aprazada polo coronavirus.
A Xunta Directiva da AAAG quere recoñecer con este premio "o labor inxente dunha actriz e docente cuxa traxectoria se pode definir polo seu amor incontestable pola escena. Un amor que lle inculcou Manuel Lourenzo e que Flor Maceiras lle transmite ás novas xeracións de profesionais do noso oficio dende a Escola Municipal de Narón, institución referencial no sector".
A AAAG quere recoñecer con este premio "o labor inxente dunha actriz e docente cuxa traxectoria se pode definir polo seu amor incontestable pola escena. Un amor que lle inculcou Manuel Lourenzo"
Como actriz, Maceiras traballou ao longo das décadas con compañías como Elsinor Teatro, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Teatro Proscrito, Teatro Maltés ou o Centro Dramático. Na actualidade é directora da Escola de Teatro de Narón, posta en marcha polo Padroado de Cultura naronés en 1981, na que se desenvolve a formación da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro.
Para a AAAG, "estas dúas dimensións, a de docente e a de actriz, converten a Flor Maceira nun elo fundamental do pasado, do presente e do futuro da nosa profesión".
Ademais, dende hai anos deseña e realiza para TEDAGA S.L. proxectos de actividades teatrais e de dinamización artístico-cultural, que contemplan actividades de formación dramática, montaxe de espectáculos, aulas e cursos de interpretación para institucións públicas e privadas, así como obradoiros de Promoción da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, obradoiros para o Manexo de Habilidades persoais e sociais ou para o adestramento de Habilidades expresivas, dirixidos a diversos sectores docentes, nos que se utilizan ferramentas metodolóxicas e técnicas propias do Teatro e o adestramento actoral.
Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente ou Maruxa Villanueva recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto
Flor Maceiras únese á longa lista de persoas e entidades que dende 1996 reciben este premio honorífico. Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente ou Maruxa Villanueva recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto.
Así mesmo, foi finalista dos Premios María Casares en tres ocasións por Bailando en verán (Espello Cóncavo, 1997) como actriz protagonista, As Troianas (Espello Cóncavo, 1998) como actriz secundaria) e Ministros pola cara (Encuadre Produccións en 1998).
No ano 2013, Flor Maceiras foi galardonada co Premio Ibán Toxeiro que outorga a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda pola súa contribución ao desenvolvemento do Teatro Amador Galego e no 2017 recibiu o Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas, outorgado pola Fundación Premio da Crítica de Galicia, pola súa traxectoria escénica e docente.