Os Premios do Teatro Galego María Casares, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), deron a coñecer este mércores os seus finalistas. Os gañadores e gañadoras desta 24ª edición anunciaranse o vindeiro 26 de marzo no marco dunha gala que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Os gañadores e gañadoras anunciaranse o vindeiro 26 de marzo no marco dunha gala que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
Un total de 16 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns. Así se deu a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na cafetería Lasso do Auditorio de Galicia.
'Liberto', dirixida por Tamara Canosa, é a obra que opta a máis galardóns, con sete. Suma dúas máis que 'Bernarda', dirixida por José Prieto, e 'Fariña', coa dirección de Tito Asorey. As tres obras compiten ademais na categoría de mellor espectáculo. De igual xeito, Cartoon (Producións teatrais escénicas), Umm! Unha comedia musical… para chupar os dedos (Teatro Avento Producións) e Lambetadas (Talía Teatro) optan ao premio ao mellor espectáculo infantil.
'Liberto', dirixida por Tamara Canosa, é a obra que opta a máis galardóns, con sete
Liberto, de Marelas Teatro, ten 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal. Pola súa banda, a montaxe Bernarda, de Malasombra Producións, rexistra 5 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria. Fariña (Ainé producións, Undodez e Oqueteño Media), suma tamén 5 finalistas nas categorías de espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía.
O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante), Despois das ondas (ButacaZero), Hemos venido a darlo todo (Voadora), MedidaxMedida (Producións Teatráis Excéntricas), Vida de Cans (Talía Teatro) e Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego) suman 3 candidaturas cada unha.
Na categoría de mellor Dirección os finalistas son José Prieto (Bernarda), Tamara Canosa (Liberto), María Peinado (O meu mundo non é deste reino) e Tito Asorey (O empapelado amarelo).
Así mesmo, ao galardón ao mellor texto orixinal optan Cándido Pazó (Vida de cans), Ernesto Is (Despois das ondas) e José Prieto (Bernarda). Ao premio á mellor adaptación ou tradución son finalistas María Peinado (O meu mundo non é deste reino), Tamara Canosa e María Vázquez (Liberto) e Tito Asorey e Melania Cruz (O empapelado amarelo).
No premio ao mellor actor protagonista son finalistas Denís Gómez (Karelu), Machi Salgado (Idiota) e Sergio Zearreta (Fariña). Ao de mellor actriz protagonista optan Luisa Merelas (Bernarda), Patricia Vázquez (A compañeira de piso) e Rocío González (Liberto).