Nos vindeiras meses, os nosos escenarios acollerán un bo número de estreas teatrais. Por unha banda, compañías como Voadora, Redrum Teatro, Contraproducións ou Talía presentarán os seus novos proxectos. Pola outra, o Centro Dramático Galego deu a coñecer esta semana a programación da súa nova temporada 2018-2019. Unha presentación que, ademais de incluír residencias xa pasadas no treito final do ano pasado, achegou máis detalles da única produción propia que levarán a escena neste ano e as cinco coproducións nas que se implicará. Praza.gal fala con compañías, directoras e intérpretes ao respecto das novas obras para trazar unha guía rápida do teatro que está por chegar.
Unha das estreas máis inmediatas chega este venres 25 de xaneiro da man de Estudo Momento, que presenta no Teatro Rosalía Castro da Coruña Macbeth. O ruído e a furia
Macbeth, segundo Manuel Lourenzo
Unha das estreas máis inmediatas chega este venres 25 de xaneiro da man de Estudo Momento, que presenta no Teatro Rosalía Castro da Coruña Macbeth. O ruído e a furia. A obra, protagonizada por Iria Ares, Luís Iglesia, Xoán Carlos Mejuto, David Perdomo e Carlos Sante, preséntase como unha adaptación do clásico shakesperiano desenvolvida por Manuel Lourenzo. “Lourenzo bebe de diferentes fontes, para comezar da versión de Teatro Circo do ano 78, que foi o primeiro shakespeare traído ao galego. Nesta ocasión, actualiza ao texto, tráeo á normativa actual”, explica Mejuto, quen ademais sinala que Macbeth é a traxedia de Shakespeare “máis céltica, máis atlántica; xa que é un drama en Escocia no que teñen moita importancia as bruxas e os bosques”.
Pola súa banda, Iria Ares lembra que Estudo Momento conta, entre os seus obxectivos como compañía, co afán por “adaptar textos clásicos a unha hora de duración”. “Comezamos con A casa de bonecas de Ibsen e continuamos agora con este Macbeth. Non obstante, coñecendo a historia e o texto formidable en verso e cun gran ritmo de Lourenzo, decidimos facer un formato de maior tamaño, con cinco intérpretes e unha duración de hora e media”, explica Ares, quen engade que Estudo momento tamén ten como obxectivos “formar unha compañía profesional coruñesa, con sede na Coruña” e achegarlle “os clásicos á xente que non estea familiarizado con eles”. Macbeth. O ruído e a furia, tras esta estrea chegará a Arteixo o 8 de febreiro e o 6 de abril visitará Oleiros.
Berrobambán dálle un xiro a súa traxectoria co seu novo espectáculo: Doppelgänger, coprodución da compañía xunto ao Centro Dramático Galego e a formación colombiana El Arca de N.O.E.
Doppelgänger, de Berrobambán
A compañía Berrobambán, encabezada por Chiqui Pereira e Paula Carballeira, ofrece un xiro a súa traxectoria co seu novo espectáculo: Doppelgänger, coprodución da compañía xunto ao Centro Dramático Galego e a formación colombiana El Arca de N.O.E. “Dámoslle un xiro á nosa forma de traballar con este Doppelgänger, un proxecto co que estivemos a traballar dous meses en Medellín xunto aos nosos compañeiros colombianos”, explica Carballeira sobre unha compañía que, ao longo da súa traxectoria, impulsou e dignificou o teatro familiar e que, desta volta, se asoma ao teatro para adultos cunha obra sobre os conflitos, a dualidade e a polarización. “Doppelgänger é un termo do romanticismo alemán que significa o dobre que camiña ao teu lado'. Referímonos, dalgún xeito, a cando se supón que chegas a verte fóra de ti, que segundo a tradición é un sinal da traxedia próxima. Esa imaxe permítenos reflexionar sobre os conflitos internos das sociedade, partindo de dous enfrontamentos armados. Por unha banda, o conflito colombiano e, pola outra, a guerra civil en España”, sinala Carballeira.
Con estes dous acontecementos históricos, con permanencia nos nosos días, Berrobanbán afonda na polarización social nunha obra que, en palabras da propia autora, responde ás liñas “da dramaturxia contemporánea e non convencional”. A obra estreouse onte no Salón Teatro de Santiago, onde repetirá funcións esta fins de semana, antes de pasar os días 1, 2 e 3 de febreiro polo Teatro Ensalle de Vigo e os días 8 e 9, na Sala Ingrávida do Porriño. Positivas, ademais, publicará o texto, que estará á venda en todas as funcións.
Ademais de Hemos venido a darlo todo, Voadora estrearán en novembro a ópera La amnesia de Clío.
Hemos venido a darlo todo
Ese é o título do novo proxecto de Voadora neste 2019, un ano que para a compañía, en palabras da directora Marta Pazos, será “un ano Voadora centrado na música”, xa que ademais desta montaxe, estrearán en novembro a ópera La amnesia de Clío. No caso de Hemos venido a darlo todo, tras o seu paso por unha residencia artística por Rianxo, Voadora desembarcará a semana que vén no Teatro Principal de Santiago os días 31 de xaneiro, 1 de febreiro e 2 de febreiro. “O obxectivo do espectáculo é que a música estea no centro do escenario, atravesada polo teatro e non ao revés, como é habitual, que o teatro é o centro e a música atravesa”, adianta Marta Pazos, que dirixe na peza un elenco formado por José Díaz, Hugo Torres, Fernando Epelde e ela mesma. A mecha para o espectáculo remóntase ao ano 1977, cando a Nasa enviou a Voyager 1 ao espazo. “Aquela sonda espacial levaba un disco de ouro con hora e media de cancións, con saúdos en 55 idiomas e sons da Terra. En realidade, é un auténtico “The Best of” da humanidade. Esa sonda saíu do sistema solar e é o obxecto construído polo ser humano que chegou máis lonxe”, resume Pazos, quen tamén apunta que a montaxe se compón coas cancións e contidos dese disco de ouro.
Jose Prieto colle o punto de partida de La Casa de Bernarda Alba, escrita por Lorca ás portas da Guerra Civil, e traslada a súa historia a unha aldea de Galicia en 1975
Bernarda e Lorca
O director e dramaturgo Jose Prieto colle o punto de partida de La Casa de Bernarda Alba, escrita por Lorca ás portas da Guerra Civil, e traslada a súa historia a unha aldea de Galicia en 1975. Bernarda, ao quedar viúva, tenta finxir que todo segue igual. Tamén pretende que as malas influencias dunha sociedade en transformación se arreden das súas fillas- Non comprende nin a música yeyé nin as minsaias nin os guateques nin ningunha nova moda da época. Protagonizada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja, Bernarda estrearase o 1 e 2 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón. Despois, poderase ver en lugares como o Teatro Principal da Estrada (o 1 de marzo) ou no Auditorio Casa da Cultura de Vimianzo (16 de marzo).
Contraproducións será a segunda compañía que estree unha coprodución do Centro Dramático Galego: A compañeira de piso
A compañeira de piso
Contraproducións será a segunda compañía que estree unha coprodución do Centro Dramático Galego: A compañeira de piso. Interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero, a obra está dirixida por Vanesa Sotelo, quen adapta xunto a Lilian Portela este texto da autora americana Jean Silverman. A obra é unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando esta descarrila. Esa esencia tráena as dúas protagonistas. A primeira delas, Shanon, unha ama de casa que se divorcia en Iowa e que acaba compartindo a súa casa cunha compañeira que se sitúa nas antípodas. Robyn é lesbiana, vegana e procede do Bronx. Deste xeito, e tal como adiantou a directora do CDG, Fefa Noia, durante a presentación da temporada, A compañeira do piso, dende outra perspectiva, tamén indaga nas dualidades. A obra estrearase no Salón Teatro de Santiago o día 28 de febreiro, onde permanecerá até o 2 de marzo. Despois, xirará por concellos como Vilagarcía (16 de marzo), Boiro (22 de marzo), Muros (23 de marzo) e Cangas (30 de marzo).
Outra nova proposta será O inevitable, do Colectivo Marciano Balboa, integrado polos intérpretes Diego Anido e Borja Fernández, a deseñadora de iluminación e audiovisuais Laura Iturralde e o músico Pablo Rega
En Escenas do Cambio
En Escenas do Cambio poderanse ver dúas novas iniciativas escénicas galegas. O primeiro deles será Empapelado amarelo, d'A quinta do Cuadrante, proxecto de Melania Cruz e Tito Asorey. Trátase dun espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora estadounidense Charlotte Perkins Gillian. Nel nárrase en primeira persoa as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle foi aplicado á autora por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. A obra poderase ver en Escenas do Cambio o 7 de febreiro, pero a súa primeira presentación fronte o público terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense este domingo, 27 de xaneiro, ás 18.00 h.
A outra nova proposta será O inevitable, do Colectivo Marciano Balboa, integrado polos intérpretes Diego Anido e Borja Fernández, a deseñadora de iluminación e audiovisuais Laura Iturralde e o músico Pablo Rega. “O inevitable preséntanos a historia dun lobo solitario, obsesionado coas películas de Rambo. Unha personaxe que serve como achegamento ao fanatismo relixioso”, sinala Borja Fernández, quen explica que o Colectivo Marciano Balboa -que recibe o nome dunha canción de Señor Anido- principiou en novembro 2018, vinculado ás Residencias Paraíso. “Tivemos unha primeira residencia en Carballo e, despois, estivemos no Ensalle de Vigo, onde estreamos a semana pasada”, sinala Fernández. Trátase dunha proposta de artes escénicas, con gran importancia do movemento e buscando o equilibrio entre as facetas e disciplinas dos catro compoñentes do colectivo . Dese xeito, cóntannos unha historia sobre a estupidez humana e o fanatismo. O inevitable estará en Escenas do Cambio o 10 de febreiro
Talía, por partida dupla
Talía Teatro estreará o 22 de febreiro en Narón a súa nova montaxe: Vida de cans. Trátase dunha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Artur Trillo, Dani Trillo e Toño Casais. Deste xeito, Talía cambia a súa tendencia dos últimos anos, nos que a compañía estreaba grandes formatos como Ubú Rei ou O servidor de dous amos, con sete ou oito intérpretes, para centrase agora nun pequeno formato de tres intérpretes. “Talía é unha compañía de repertorio, polo que simultaneamos gran formato con pequeno formato e obras para adultos e obras para o público familiar. Agora mesmo, contamos con dous espectáculos de gran formato, como Ubú Rei ou O Servidor de dous amos, pero outras como Foucellas, que funcionou moi ben, pero que xa caeu en desuso tras a súa exhibición, xa as retiramos dos escenarios. Polo tanto, con vida de cans, un espectáculo máis reducido, enchemos o oco que deixa”, explica Artur Trillo.
Talía cambia a súa tendencia dos últimos anos, nos que a compañía estreaba grandes formatos como Ubú Rei ou O servidor de dous amos, con sete ou oito intérpretes
Sobre Vida de cans, obra que xa está en fase de ensaios, Trillo adianta que “conxuga o humor moi propio de Pazó” cunha mensaxe ao respecto da liberdade, a través das situacións que viven tres personaxes, tres cans que habitan no xardín dunha urbanización de xente con posibles. “Os cans queren liscar, queren liberdade, mentres que humano é quen llo impide”, resume Trillo sobre unha obra que amosará “un sutil equilibrio entre a comedia e a reflexión”. Vida de cans estará e Narón os días 22 e 23 de febreiro, antes de viaxar a Cee (24 de febreiro) ou a Carballo (15 de marzo).
Ademais, a compañía está a traballar noutro proxecto: Lambetadas. “Será un espectáculo sobre o idioma para o público máis pequeno, máis infantil. Segue así a liña de Pelos na lingua ou Bicos na lingua”, sinala Trillo.
Para os días 6, 7 e 8 de marzo no Teatro Principal está fixada a estrea de Idiota, a nova montaxe de Redrum Teatro dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Machi Salgado e Susana Sampedro
Idiota, de Redrum Teatro
Para os días 6, 7 e 8 de marzo no Teatro Principal está fixada a estrea de Idiota, a nova montaxe de Redrum Teatro dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Machi Salgado e Susana Sampedro. Baseado nun texto de Jordi Casanovas, a montaxe preséntase -en palabras do seu propio director- como “unha comedia negra que trata sobre a presión á que pode estar sometido un individuo por parte do sistema”. “É unha obra que reflicte moi ben a manipulación a que fomos sometidos durante a crise e que nos amosa até que punto aguantamos as inxustizas sen nos rebelar”, reflexiona Sampayo.
A obra, que chega ao público galego da man de Redrum, está testada co público con gran éxito nas súas diferentes versións, comezando pola estrea orixinal que tivo lugar na reapertura do Pavón, cando a compañía Teatro Kamikaze se asentou no célebre teatro. Idiota preséntanos a un individuo, Carlos Varela, “que se somete a un experimento psicolóxico que se vai tornando cada vez máis extremo”. Tras a súa estrea en Santiago, a obra viaxará en abril a prazas coma o Teatro Colón da Coruña ou a Teo. Idiota súmase ao repertorio de obras que mantén Redrum de xira, na que se contan obras de público infantil como Contos do recreo, estreada no outono pasado, ou Invisibles, tamén estreada a finais de 2018 como unha das coproducións do CDG para a temporada en curso.
Excéntricas inicia un novo proxecto baixo o título Carpe Diem, montaxe dirixida por Quico Cadaval na que a compañía adaptará un conto de Rubem Fonseca
Carpe Diem, de Excéntricas.
Tras despedir o ano pasado a exitosa A cabeza do dragón, o primeiro Valle-Inclán en galego, Excéntricas inicia un novo proxecto baixo o título Carpe Diem, montaxe dirixida por Quico Cadaval na que a compañía adaptará un conto de Rubem Fonseca, “o maior escrito vivo da lingua portuguesa”. A obra, protagonizada por Víctor Mosqueira, María Costas e Marcos Viéitez, parte dunha anécdota cinematográfica: Unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta. A rutina dos amantes consiste en cinema de barrio e motel barato, moi lonxe do seu ambiente. É unha aventura imaxinaria nun motel co aire acondicionado avariado. Entre a fantasía do cinema e as obrigas conxugais, desenvolvese este drama escaldante. A montaxe estrearase o 27 de febreiro no Teatro Principal de Santiago, onde permanecerá até o 1 de marzo antes de viaxar a Illa de Arousa (6 de abril), o Teatro Principal de Ourense (7 de abril) ou Sada (9 de xuño).
Neorretranca e posmorriña engloba dúas pezas diferentes: Fantasía nº5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte
Neorretranca e posmorriña
A única produción propia do Centro Dramático Galego para a temporada será Neorretranca e posmorriña, título que engloba dúas pezas diferentes: Fantasía nº5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Ambos os dous textos xurdiron do programa DramatUrxente, que o ano paso desenvolveu un obradoiro de dramaturxia dirixido por Manuel Lourenzo cun grupo de autores e autoras. O obxectivo era desenvolver unha serie de textos que xirasen ao redor da identidade galega ou, en palabras da propia Fefa Noia, que respondesen á pregunta de “que significa ser galega e galego hoxe en día'?”. “Eu, en vez de identidade, falaría de identidades”, explica Gena Baamonde, a directora que se encargará de levar as dúas pezas a escena.
Dende o seu punto de vista, trátnse de dúas obras ben diferentes, “pero que se complementan á perfección”. “Por un lado, temos a proposta de Roi Vidal Ponte, que se trata dunha homenaxe ao teatro e a cultura a través da figura de seu pai, cunha escrita de Roi independente que vincula o seu discurso sen complexos ao discurso de seu pai, pero dende unha identidade propia”, reflexiona Baamonde, antes de concluír que o texto significa unha “clara confirmación dunha voz propia e potente” por parte de Vidal Ponte.
No caso do texto de Esther F. Carrodeguas, Baamonde sinala que se trata “dun agasallo, unha partitura contemporánea” na que a autora “non define aos personaxes como tal”. Para Baamonde, a “poética” de Carrodeguas estará moi presente, como tamén o estará unha estética baseada no “movemento e a danza”. Neorretranca e posmorriña estrearase o 12 de abril, onde permanecerá até o 5 de maio. De momento, o elenco aínda está por definir, xa que se decidirá tras un procedemento de selección público que, unha vez máis, chega arrodeado de polémica e coa contestación por parte da profesión das interpretación.
Ama (non é hippie) preséntase como o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia, produción do Colectivo Verticalia, que engloba as compañías Duelirium e Traspediante, co apoio de Pista Catro
Dúas estreas de danza e unha de monicreques
A gala será a primeira das estreas de danza que están por chegar. Licenciada Sotelo presenta esta obra coas bailarinas Cristina Vilariño, Rebeca Carrera e a propia Nuria Sotelo. Na dramaturxia, o personaxe Maruja Mallo terá un lugar central. A obra estrearase o próximo 14 de febreiro no Auditorio Municipal de Ourense. Pola súa banda, Ama (non é hippie) preséntase como o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia, produción do Colectivo Verticalia, que engloba as compañías Duelirium e Traspediante, co apoio de Pista Catro. Rolando Sanmartín dirixe a Marta Alonso, Raquel Oitavén, Paula Quintas e Merche Solé. O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá a estrea o 1 de marzo
Por último, Os Monicreques de Kukas presentarán a súa nova peza, Arlequina, para celebrar corenta anos de traxectoria. A obra desvelarase como unha peza total ao ser unha produción de gran formato que mestura o traballo de actor, as marionetas, a pantomima, a música e a maxia. Verá a luz no Teatro Principal de Santiago o 28 de marzo.