Nacen os Premios da Industria Musical de Galicia, "motor cultural" do país

A Sala Capitol de Santiago acollerá a gala de entrega dos premios o 27 de novembro © Ruxe-Ruxe

A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos galardóns, que se entregarán na noite do xoves 27 de novembro nunha gala na Sala Capitol de Santiago

Na noite do 27 de novembro a Sala Capitol de Santiago acollerá a gala de entrega da primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, galardóns organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais. A iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación da Coruña, busca "dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico".

Nesta primeira edición, os galardóns contan con 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional formado por expertos e xpertas en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural.

Cartel da primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia © AGEM

Haberá 17 categorías e un xurado profesional escollerá os gañadores e gañadoras en 14 delas

As categorías seleccionadas polo xurado son deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. 

Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, haberá un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións abriranse nas vindeiras semanas a través das redes sociais e da web de AGEM. 

Os galardóns, que contan co apoio de Xunta e Deputación da Coruña, buscan ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico

En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) traballa dende o ano 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.