O produtor Felipe Lage, a actriz Laia Marull e o cineasta Robert Guédiguian son recoñecidos cos Premios Cineuropa este ano
A 40ª edición de Cineuropa xa está en marcha. Ata o 22 de novembro o festival internacional de cinema de Santiago de Compostela programa máis de 150 películas reunindo algúns dos títulos máis destacados da tempada, premiados nos principais festivais internacionais, novos traballos de cineastas fundamentais do panorama contemporáneo e unha ampla representación do audiovisual galego, con varias estreas.
Neste destacado aniversario, o festival reafirma a súa vocación de achegarnos películas que dificilmente atoparían outro espazo de exhibición nas salas galegas, combinando grandes nomes da creación autoral con novas voces, obras que dialogan co presente e propostas que recuperan a memoria histórica. O produtor Felipe Lage, a actriz Laia Marull e o cineasta Robert Guédiguian son recoñecidos cos Premios Cineuropa este ano no certame, que tamén recoñecerá co seu máximo galardón a traxectoria do proxeccionista Moisés González.
José Luis Losa, director de Cineuropa, salienta a selección de filmes que forman a sección Panorama Audiovisual Galego: "Practicamente todas as longametraxes galegas relevantes que presentamos este ano terán a súa primeira proxección en Galicia, e algunhas mesmo a súa estrea internacional. Ademais, contamos con presenza galega na sección competitiva, tanto cunha produción propia como cunha coprodución".
Poderán verse as pezas Adiós, Ríos, de Sebastián Uría; Alén dos silencios, de Carmen P. G. Granxeiro; As Augas, de Ledicia Sola; Bar Boo, de Josiño Araújo; Conversations with the dead, de Fernando Cortizo; Crías, de Xiana do Teixeiro; Os invitados, de Stefan Butzmühlen e Cristina Diz; El milagro, de David Varela; Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz; Lodeiro, de Alex Penabade e David Hernández; Monstro, de Andrés Goteira, O sonho da razom, de Alberte Pagán; Prisciliano e a Gallaecia, de Aser Álvarez; Ribadafonte, de Alberto Sacido; Todo es cárcel, de Eloy Enciso; Todo pode esperar, de Borja Casal; e Tralovento, de Eloy Domínguez Serén.
17 novos filmes galegos poderán verse ata o 22 de novembro en Santiago de Compostela grazas ao festival Cineuropa
A presenza galega está tamén presente na sección competitiva, tanto cunha produción propia como cunha coprodución. O público de Cineuropa poderá gozar da estrea en Galicia de catro longametraxes de destacadas figuras do noso audiovisual: Tralovento, de Eloy Domínguez Serén; Todo es cárcel, de Eloy Enciso; Adiós, ríos, de Sebastián Uría, e As augas, a primeira película como directora de Ledicia Sola, que será a encargada de clausurar o festival.
Así mesmo, Cineuropa acollerá a estrea mundial de Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz, un documental que se achega ás facetas vitais e artísticas de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro, avós da directora, a través dun amplo arquivo familiar, con imaxes domésticas e materiais inéditos; e de Conversations with the Dead, de Fernando Cortizo, unha investigación sobre o paranormal que percorre a vida e o traballo do pintor e cantante de ópera sueco Friedrich Jürgenson, pioneiro na investigación das chamadas voces psicofónicas.
Losa celebra que no festival compostelán están presentes "practicamente a totalidade dos palmarés de Cannes, San Sebastián e Berlín". "Pero non escollemos as películas polo feito de seren premiadas, senón porque consideramos que son as mellores. Naturalmente, a última palabra téñena os espectadores", asegura.
Esa ollada do público estivo moi presente no traballo de Patricia Portela, deseñadora de Costa.io, ao afondar na nova imaxe do festival. "Cineuropa ten unha comunidade moi propia. É un festival que pertence á xente e pertence á cidade. Por iso, desde o principio tivemos claro que a nova identidade tiña que falar das persoas e situalas no centro", explicou na presentación do certame.
A película de apertura de Cineuropa é 'Nina Roza', da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, gañadora do Oso de Prata ao mellor guión no Festival Internacional de Cinema de Berlín
A película de apertura do festival é Nina Roza, da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, gañadora do Oso de Prata ao mellor guión no Festival Internacional de Cinema de Berlín. O filme fala do regreso dun home desarraigado ao país do que fuxiu, unha Bulgaria na que terá que enfrontarse á sombra do seu pasado e descubrir se unha nena considerada santa está realmente tocada polos deuses da arte ou non é máis ca unha artista fake nun país en ruínas.
Sábado con Paweł Pawlikowski e Nanni Moretti
A programación dos primeiros días contará coa presenza de dous nomes fundamentais do cinema europeo contemporáneo. Este sábado, día 7, ás 20.45 horas, o Teatro Principal acollerá a proxección de Fatherland, o novo traballo do cineasta polaco Paweł Pawlikowski, responsable de títulos como Ida, gañadora do Óscar á mellor película internacional, e Cold War, premiada en Cannes. Ambientada no verán de 1949, a película acompaña o escritor Thomas Mann, premio Nobel de Literatura, e a súa filla Erika nunha viaxe pola Alemaña da posguerra, un territorio dividido polas tensións da Guerra Fría e polas fracturas da súa propia historia familiar.
Tamén o sábado, ás 18.30 horas, poderá verse Sucederá esta noite, o novo filme de Nanni Moretti, unha das figuras máis recoñecidas do cinema italiano contemporáneo. Inspirada libremente en relatos da colección Hungry Heart, de Eshkol Nevo, a película constrúe unha historia sobre o amor, o azar e os reencontros a través de Matteo e Greta, dous personaxes cuxos camiños se cruzan e se afastan durante sete anos. O filme, presentado na pasada Mostra de Venecia, está protagonizado por Louis Garrel e Jasmine Trinca, xunto a un elenco no que figuran tamén Angela Finocchiaro e Hippolyte Girardot.
Propostas diversas
A vontade de abrir a ollada dos públicos está moi presente nesta edición, na que as seccións oficiais europea e internacional ofrecen películas como Fjord, de Cristian Mungiu; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi; Coward, de Lukas Dhont; e Notre Salut, de Emmanuel Marre; que xunto a Fatherland, de Pawel Pawlikowski, tiveron moito peso no Festival de Cannes, polo que tamén pasaron Moulin, de László Nemes; Nagi Notes, de Koji Fukada; e Teenage Sex and Death at Camp Miasma, de Jane Schoenbrun.
O cineasta británico Mike Leigh, cunha traxectoria estreitamente vinculada á historia do festival, presentará Tender Loving Care, recoñecida coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e anunciada como a súa despedida do cinema.
Cineuropa recupera 62 grandes títulos que pasaron polo festival nun percorrido pola memoria cinematográfica destas catro décadas, entre outros 'Orlando', de Sally Potter, e 'Amén', de Costa-Gavras
Outros títulos destacados pasaron pola Berlinale, como Everybody Digs, de Bill Evans, distinguida co Oso de Prata á mellor dirección, e Rose, pola que Sandra Hüller recibiu o Oso de Prata á interpretación.
A gañadora do León de Ouro veneciano, Woman Unknown, da directora danesa May el-Toukhy, e Josephine, de Beth de Araújo, triunfadora en Sundance, son outras das citas destacadas dun festival que segue a apostar polo cinema de autora.
Entre as seccións paralelas, Cineuropa recupera 62 grandes títulos que pasaron polo festival ao longo da súa historia nun percorrido pola memoria cinematográfica destas catro décadas. Entre estas alfaias figuran filmes como Orlando, de Sally Potter; Amén, de Costa-Gavras; ou A vida dos outros, de Florian Henckel von Donnersmarck. Tamén inclúe filmes de cineastas estreitamente vinculados ao festival, como Ken Loach, Claude Chabrol e François Ozon, e concede un lugar destacado a Peter Greenaway, con catro películas que evocan a súa influencia nos primeiros anos de Cineuropa.
Ademais, unha gran retrospectiva desta edición é a dedica ás películas imperecedoiras de Alfred Hitchcock e ás súas actrices. Baixo o título As inmortais de Hitchcock, renden homenaxe a seis intérpretes vinculadas ao universo do cineasta: Eva Marie Saint, Vera Miles, Tippi Hedren, Kim Novak, Shirley MacLaine e Julie Andrews.
Entradas
A 40ª edición de Cineuropa iniciou este mércores a venda de entradas cunha moi boa resposta do público, que confirma o interese que esperta a programación do festival. Durante o primeiro día contabilizáronse 6.041 entradas vendidas ou canxeadas, fronte ás 4.151 do ano pasado, o que supón un incremento de máis do 45%.
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C acollen as proxeccións e actividades desta edición. Toda a información sobre programación e horarios pode consultarse no sitio web de Cineuropa. As entradas e bonos están á venda no despacho