A 39ª edición de Cineuropa celebrarase do 7 ao 23 de novembro
Novembro é o mes do cine por excelencia en Compostela: é o mes de Cineuropa, o festival organizado polo Concello de Santiago que cada ano dende hai catro décadas ofrece unha escolma das mellores producións, alén de seccións retrospectivas e outras actividades, como debates e concertos.
Este mércores presentouse a 39ª edición de Cineuropa, que se celebrará do 7 ao 23 de novembro, cun programa inclúe un total de 140 títulos e no que destacan os novos filmes de Paolo Sorrentino, Jim Jarmusch, Richard Linklater, François Ozon, Olivier Assayas, Lucrecia Martel, Radu Jude ou Joachim Trier. Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival, o Premio Cineuropa.
Cun total de 140 películas, na programación destacan os novos filmes de Paolo Sorrentino, Jim Jarmusch, Richard Linklater, François Ozon, Olivier Assayas, Lucrecia Martel, Radu Jude ou Joachim Trier
Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, o festival convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea. As proxeccións terán lugar no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C. As entradas e bonos poranse á venda o mércores 5 ás 11 horas na Zona C e na web compostelacultura.gal.
Cineuropa botará a andar o venres 7 coa proxección da película iraquí The President’s Cake (A torta do presidente), Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes. Así mesmo, o festival proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros moitos títulos dos festivais citados e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges.
A programación
Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, o festival convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea
Na presentación da programación, que tivo lugar este mércores o director do festival, José Luis Losa, destacou que “cada filme é unha tesela dun mosaico de culturas, linguas e emocións —un discurso coral da arte, que é a mellor linguaxe coa que encarar o presente e mais o porvir”.
Pola súa banda, a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, subliñou que “máis ca un festival, Cineuropa é unha celebración colectiva do cinema como arte e como linguaxe de liberdade. É tamén un acto de resistencia cultural: fronte á uniformidade e á censura, o festival mantén viva a aposta pola diversidade, pola reflexión e pola emoción compartida”. Finalmente, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, destacou a capacidade de Cineuropa de atraer “espectadores fieis, de novos públicos que se enganchan por primeira vez".
Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival, o Premio Cineuropa
Na Sección Oficial Europea poderán verse títulos como Sentimental Value (Valor sentimental); Árva (Orfo); Ciudad sin sueño; Couture; Dreams (Sex Love) (Soños en Oslo); Duse; Elisa; Emergency Exit; Late Shift (Quenda de garda); Sound of Falling (Son de caída); Kontinental ‘25; L’Étranger (O estranxeiro); La grazia (A graza); La petite dernière (A irmá pequena); La tour de glace (A torre de xeo); Le mage du Kremlin (O mago do Kremlin); Les gens d'à côté (A xente do lado); Mother’s Baby (O bebé da nai); Nouvelle Vague; O riso e a faca; Pai Nosso. Os últimos dias de Salazar; Reflet dans un diamond mort (Reflexo nun diamante morto); White Snail (Caracol branco) e Zikaden (Cigarras).
O Panorama Internacional, pola súa banda, propón un percorrido pola diversidade global contemporánea a través de nove filmes que están a marcar a tempada nos principais festivais: Father Mother Sister Brother, de Jim Jarmusch (León de Ouro en Venecia); O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho) mellor director e mellor actor no Festival de Cannes; The President’s Cake (A torta do presidente), de Hasan Hadi; Nuestra tierra, de Lucrecia Martel; Resurrection, de Bi Gan; O último azul, de Ana Clara Ribeiro; En el camino, de David Pablos; La virgen de la Tosquera, de Laura Casabé; e Two Seasons, Two Strangers (Dúas estacións, dous descoñecidos), de Hiroshi Takahashi.
Cineuropa botará a andar o venres 7 coa proxección da película iraquí The President’s Cake (A torta do presidente), Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes
A sección competitiva, Cineastas do presente, chega á súa quinta edición, coa participación de once filmes procedentes de once países. Entre os títulos a concurso destacan Unha pantasma útil, gañadora da Semana da Crítica en Cannes e premiada tamén en Sitges; La danse des renards, Pillion e Météors; Punku e Bajo las banderas, el sol, premiadas en Berlín e Bos Aires; Milk Teeth e Anoche conquisté Tebas, chegadas de Venecia; God Will Not Help, galardoda en Locarno; e Feels Like Home, distinguida co Premio Méliès de Prata a mellor filme europeo en Sitges.
O Panorama Audiovisual Galego inclúe a estrea galega de Así chegou a noite, o novo filme de Ángel Santos que pechará o festival; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, aclamado en Documenta Madrid e no Play-Doc de Tui; e 360 curvas, sobre as mobilizacións sociais da Fonsagrada nos anos 90. Completan a sección Crónicas dun non, Grelei raíces no teu lar, Lola, O meu nome é Camba e O silencio heredado. Ademais, o programa de curtametraxes inclúe Ciudá de ladrillo, Danza propia, Pura e Algo novo que contar.
Actividades e seccións paralelas
O festival proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros moitos títulos destes festivais e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges
Cineuropa mantén o seu programa de debates, encontros e sesións especiais, proxeccións con música en directo da Real Filharmonía de Galicia e outros concertos arredor do cinema como o da Banda Municipal de Música. As seccións paralelas de Cineuropa completan a súa programación con propostas pensadas para todos os públicos e para distintas sensibilidades cinematográficas.
Destacan a retrospectiva dedicada á actriz Faye Dunaway e o ciclo temático sobre o amor, As cousas do querer, composto por 39 películas que exploran as múltiples formas de amar.Así mesmo, en LatidoAmericano o festival inclúe unha selección de títulos que amosan a diversidade e riqueza do cinema contemporáneo da rexión. Fantastique Compostela dedícase ás ficcións máis audaces e sorprendentes; e Cineuropa Miúda diríxese ao público infantil e xuvenil.