A Sala Capitol de Santiago acolle este xoves un concerto de artistas e bandas galegas cuxa recadación será destinada á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA)
Apenas uns días despois da masiva manifestación que o pasado domingo percorreu as rúas de Compostela, a solidariedade con Palestina continúa marcando a axenda desta volta cun concerto de artistas e bandas galegas cuxa recadación será destinada á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), encargada de ofrecer asistencia humanitaria á poboación palestina.
Será na Sala Capitol este xoves 9 de outubro a partir das 20.30 horas, nun evento que contará coa actuación de Mondra, Monoulious DOP, Wöyza e Ruxe Ruxe, así como coa participación do grupo de baile palestino Watani. As entradas, cun prezo de 15 euros, están a venda na web da Capitol e na Reixa Tenda. No despacho de billetes teñen un custo de 18 euros.
Trátase da segunda edición da iniciativa Amal X Gaza. Concerto (artistas galegas x Palestina), enmarcado na
programación da XXIII Semana de Cine Euroárabe AMAL. O evento conta coa colaboración da Cátedra USC – Araguaney para o Diálogo entre Culturas [da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago (USC)] e a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE).

Actuarán Mondra, Monoulious DOP, Wöyza e Ruxe Ruxe, ademais do grupo de baile palestino Watani
No cartel destaca a presenza de Mondra, que este ano publicou o seu segundo disco longo, De Ronda. Tamén Wöyza, pioneira da escena hip hop e Soul/RnB en lingua galega, con 23 anos de carreira. Igualmente, acumulan case tres décadas carreira, de discos, de cancións e de directos os Ruxe Ruxe. A programación galega complétase con Monoulious DOP, formación con experiencia dende o ano 2012.
Asi mesmo, poderase ver a actuación do grupo Watani, unha compañía de danzas folclóricas palestinas con sede en Madrid, foi fundado en 2022. Composto por bailaríns de diversas procedencias, o grupo exemplifica a
solidariedade entre os pobos. O seu obxectivo é achegar a danza a un público amplo, incluíndo tanto a nenos como a adultos. A súa visión é promover o coñecemento da cultura palestina e difundila de maneira constante en todos os espazos posibles.
O concerto solidario ten o obxecto principal de recadar beneficios para apoiar á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Desde a Fundación Araguaney-Puente de Culturas ponse en marcha novamente este evento para mostrar publicamente o seu apoio á UNRWA, nun momento no que a axencia continúa gravemente infrafinanciada.
"A UNRWA segue nunha situación crítica, como consecuencia directa dun castigo político colectivo contra a poboación refuxiada palestina. A falta de recursos impide garantir a distribución regular de alimentos, medicamentos e a continuidade dos servizos educativos e sanitarios para millóns de persoas refuxiadas"
“A pesar de que varios países retomaron parte do financiamento suspendido en 2024 —entre eles a Unión Europea e o Estado español—, a UNRWA segue nunha situación crítica, como consecuencia directa dun castigo político colectivo contra a poboación refuxiada palestina. A falta de recursos impide garantir a distribución regular de alimentos, medicamentos e a continuidade dos servizos educativos e sanitarios para millóns de persoas refuxiadas, condenadas ao abandono internacional", sinala a Fundación, que lembra que "en Gaza, onde gran parte da poboación está desprazada e a infraestrutura civil destruída, a UNRWA continúa sendo a única entidade capaz de manter unha resposta humanitaria sostida”.