A forza social de Vigo quedou reflectida na resposta cidadá á convocatoria da Plataforma Cívica de Vigo Pro-Palestina na véspera da manifestación unitaria de Compostela
A forza social de Vigo quedou reflectida esta mañá na resposta cidadá á convocatoria da mobilización da Plataforma Cívica de Vigo Pro-Palestina, na que participaron ata 42 colectivos da cidade, na véspera da manifestación unitaria do domingo en Compostela.
Bandeiras palestinas e paraugas ateigaron o centro de Vigo nunha marcha que gritaba consignas como “Israel asasina, Europa patrocina” ou “Onde están, que non se ven as sancións a Israel”.
"Palestina vencerá", , "Israel asasina, Europa patrocina", "Onde están, que non ven, as sancións a Israel" foron algúns das lemas gritados baixo a chuvia durante o traxecto que empezou na confluencia de Vía Norte con Urzaiz e finalizou na Porta do Sol.
"Non é unha guerra, é un xenocido ou "A infancia en Gaza non é unha ameaza", foron tamén consignas coreadas durante a marcha, que reuniu preto de 40.000 persoas , segundo a organización, no que supuxo a previa da gran manifestación unitaria prevista para mañá desde as 12.00 h en Compostela.
Tamén este sábado desenvolveuse en diversas cidades galegas o movemento de craftivismo Mans con Palestina
A coordinadora galega de solidariedade con Palestina explica que a mobilización do domingo coincide co segundo ano da barbarie xenocida de Israel na Faixa de Gaza e desenvolverase baixo o lema “Galiza Con Palestina. 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación”.
Mans con Palestina
Tamén este sábado, 4 de outubro, desenvolveuse en diversas cidades galegas, españolas e doutros lugares do mundo o movemento de craftivismo Mans con Palestina, para reivindicar que se respecte o dereito internacional humanitario, que se protexa a vida dos nenos e nenas e as familias palestinas e que as institucións deixen de mirar a outro lado e actúen con responsabilidade, segundo indica a organización no seu manifesto.
Mans con Palestina, en Santiago
-
Mans con Palestina. Santiago. Galería 1 -
Mans con Palestina. Santiago. Galería 2 -
Mans con Palestina. Santiago. Galería 3 -
Mans con Palestina. Santiago. Galería 4 -
Mans con Palestina. Santiago. Galería 5
Desde 1967, cando Israel prohibiu a bandeira palestina, a sandía converteuse en símbolo de liberdade: “as súas cores vermello, verde, branco e negro son os de Palestina”, argumentan.
“Coas nosas mans creamos sandías: tecidas, pintadas, bordadas, cosidas? Porque cremos no craftivismo, na forza da artesanía e da creatividade colectiva como forma de resistencia pacífica. Grazas a esta forma de protesta fixemos algo bonito, algo non violento, que involucrou a miles de persoas en todas partes: desde nenos e nenas pequenos até avoas e avós. Con cada sandía, amplificamos a mensaxe deste manifesto. Hoxe, con cada sandía, dicimos: Palestina vive, Palestina resiste”, aseguran desde o colectivo Mans con Palestina.