A detención por Israel da flotilla con axuda humanitaria para Gaza saca ás rúas a milleiros de persoas en toda Galicia
Na mañá deste xoves xa había convocadas desde hai días protestas estudantís contra o xenocidio da poboación palestina, pero a detención ilegal por Israel da flotilla que pretendía achegar sequera de xeito simbólico axuda humanitaria a Gaza sacou na tarde e noite a milleiros de persoas ás rúas de toda Galicia. Foron concentracións que tornaron masivas e que nalgún caso, como na Coruña, derivaron en manifestacións improvisadas.
As mobilizacións máis ou menos espontáneas deste xoves terán a súa continuidade nos vindeiros días. Para este domingo 5 está convocada desde hai días por varias ducias de colectivos unha manifestación central en Santiago con saída ás 12 do mediodía da Alameda. Unha marcha que se celebra cando se cumpren dous anos do inicio do conflito e que esixe actuacións decididas do Estado e da Unión Europea.
O mércores 15 CCOO e UXT convocaron folga de 2 horas por quenda de traballo, a CIG de 4 horas e a CUT folga xeral
Tras a manifestación, dez días despois, o mércores 15 de outubro, os sindicatos convocaron distintas folgas laborais tamén en apoio de Palestina. CCOO e UXT piden parar dúas horas en cada quenda de traballo, a CIG sobe os paros a catro horas en cada quenda, e a CUT leva a convocatoria a folga xeral durante toda a xornada.
