A solidariedade galega desborda as rúas de Compostela contra o xenocidio en Gaza

Aspecto da Praza do Obradoiro, ateigada de manifestantes por Palestina, este 5 de outubro. CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Cumpríronse as expectativas. A solidariedade galega uniuse en Santiago cunha mobilización masiva para pedir a fin da ocupación do territorio Palestino e do xenocidio en Gaza

Cumpríronse as expectativas. A solidariedade galega uniuse en Santiago este domingo cunha mobilización masiva para pedir a fin da ocupación do territorio Palestino e do xenocidio en Gaza. 

Baixo o lema “Galiza con Palestina. 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación” milleiros de persoas fixeron da bandeira palestina a propia para clamar “contra a barbarie xenocida de Israel” na Faixa de Gaza. A marcha saíu da Alameda compostelá, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina, apoiada por máis de 150 colectivos sociais galegos, cando se cumpren dous anos da ocupación e masacre en Gaza.

Detalle da manifestación por Palestina en Compostela. Domingo, 5 de outubro. CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

Unha hora  e media despois do comezo previsto da marcha, e cando a cabeceira acadaba a Praza do Obradoiro, a marea humana non acabara de saír da Alameda. Finalmente, a manifestación tivo que se dividir en dúas

“Israel asasina, Europa patrocina”, “A crianzas de Gaza non son unha ameaza” ou “Onde están, que non se ven, as sancións a Israel” foron algunhas das consignas da manifestación por Palestina que percorreu Compostela acompañada dun amplo dispositivo policial. Cando o reloxo daba xa a unha e media da tarde, unha hora e media despois do comezo previsto da marcha,  e cando a cabeceira acadaba a Praza do Obradoiro, a marea humana non acabara de saír da Alameda. Finalmente, a manifestación tivo que se dividir en dúas, a primeira pola Praza de Galicia e a outra pola praza da Policia (Rodrigo de Padron). Non foi ata pasadas as dúas e media da tarde cando entraban no Obradoiro as últimas manifestantes.

“Van xa 77 anos de ocupación da Palestina e dous anos de xenocidio do pobo palestino coa complicidade dos aliados sionistas e a ausencia de medidas por parte da comunidade internacional”, subliñan desde a organización da marcha. 

No seu manifesto, as organizacións convocantes denuncian “as criminais accións militares iniciadas o 7 de outubro de 2023 polo Estado sionista de Israel, principalmente na Faixa de Gaza, mais tamén no resto dos territorios ocupados da Palestina”. “Coa mesma rotundidade denunciamos o crime da ocupación ilegal de terras e desprazamento forzoso da poboación palestina que dá orixe mesma ao Estado de Israel”, indican.

A Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina exixe tamén á Xunta de Galicia que “deixe de se pór de perfil e tome postura clara na defensa da legalidade internacional, e que cancele todas as relacións bilaterais que mantén, ás agachadas, cos xenocidas”.

Check point Pallasos en Rebeldía na manifestación por Palestina deste 5 de outubro. CC-BY-SA Antonio P. Casas

"É un orgullo ver a cidadanía galega que alza a voz, que non mira para outro lado e que di alto e claro que hai que parar o xenocidio en Palestina”, declarou ao inicio da multitudinaria manifestación na capital de Galiza", indicou Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón, participou na protesta e subliñou o seu “inmenso orgullo” ante a mobilización da cidadanía galega a favor do pobo palestino e para denunciar con claridade que hai que parar o xenocidio que o Estado sionista está executando en Gaza con total impunidade. Unha dignidade, subliñou, que contrasta coa posición do goberno do PP, incapaz de condenar este xenocidio.

“Os galegos e as galegas saímos a rúa para falar por todo o pobo palestino que non pode facelo, por todas as persoas sepultadas debaixo das bombas e dos escombros, por todos eses nenos e nenas que non tiveron infancia, por todas esas persoas que seguen sufrindo o xenocidio por parte do Estado criminal de Israel. É un orgullo ver a cidadanía galega que alza a voz, que non mira para outro lado e que di alto e claro que hai que parar o xenocidio en Palestina”, declarou ao inicio da multitudinaria manifestación na capital de Galiza.

"Non cabe a indiferenza”, senón que é o momento de “posicionarse en favor da paz, da liberdade e da xustiza”, subliñou Gómez Besteiro

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a tomar a “posición responsable” que representa a loita “contra o silencio e a indiferenza” fronte á situación en Gaza. O responsable socialista advertiu de que a manifestación convocada en Santiago, xunto coas concentracións rexistradas en todo o mundo, son un “clamor que lle chega a quen padece o xenocidio e tamén aos xenocidas, aos que levantan os muros e sementan o odio, e tamén a aqueles que xustifican a barbarie”, ao tempo que subliñou que “non cabe a indiferenza”, senón que é o momento de “posicionarse en favor da paz, da liberdade e da xustiza”.

O líder dos socialistas galegos subliñou a mensaxe de apoio ás vítimas e contra os verdugos, que “lanzamos todos os que nos comprometemos para poñer fin á barbarie e para loitar por unha sociedade máis xusta e máis solidaria na que reine a paz”.

Desde o Movemento Sumar Galicia, o secretario xeral da organización, Paulo Carlos López, celebrou a “asistencia masiva que demostra que estamos ante unha Galicia viva, que apoia a causa palestina, que non é inmune á inxustiza, malia os repetidos intentos do Partido Popular por negar o xenocidio. A nosa sociedade está en contra, diga o que diga o PP”. 

 "Rexeitamos de maneira clara o esforzo imperialista do Goberno sionista xenocida, que busca inviabilizar a solución dos dous estados”, sostivo. “O sitio de Netanyahu é ante a Corte Penal Internacional, non outro, para responder polos seus actos de barbarie e xenocidio. El e todo o seu goberno e os responsables da cúpula militar deben ser xulgados e encarcelados, actuaron ante a vista do mundo, non pode negarse o sucedido”, subliñou López.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.