• Entrevista | Xosé Antonio Touriñán
  • Cultura

"Non hai nomes propios, a protagonista de 'Fariña' é Galicia, a nosa forma de ser"

Xosé Antonio Touriñán © Ainé

Xosé Antonio Touriñán, canda a produtora Ainé e Nacho Carretero, autor do libro no que se basea a obra, producen Fariña, peza teatral que se estrea esta fin de semana na Coruña, coas entradas xa esgotadas e como inicio dunha xira que a levará por outros moitos puntos de Galicia. Con texto de José Prieto e dirección de Tito Asorey, a obra conta cun elenco reducido de actores: María Vázquez, Marcos Pereiro, Sergio Zearreta, Cristina Iglesias e o propio Touriñán, co que falamos nesta entrevista deste espectáculo, pero de moito máis: desde o teatro ata a súa marcha da TVG, pasando por Land Rober ou por Mucha e Nucha. 

Que hai de novidade na obra teatral de Fariña?

Está todo contado, sobre todo no libro, aínda que a serie abrangue un período de tempo máis limitado. A obra de teatro supón, sobre todo, contalo desde outro punto de vista, desde outro ángulo, con outros protagonistas. A serie conta basicamente os anos da operación Nécora, de como o viviron seis persoas, pero na obra teatral intentamos contar por que comeza todo e como evoluciona, desde que Galicia se converteu na porta de entrada da droga ata hoxe en día. Contamos tamén que isto non acabou, que xa non está tanto á vista nin temos os narcos fachendeando, pero que segue entrando droga, mesmo máis que daquela. 

"A protagonista de 'Fariña' é a sociedade, Galicia, a nosa forma de ser; non hai nomes propios, senón nomes comúns"

É unha ollada máis galega?

A sociedade é a protagonista, intentamos facer ao público protagonista, que marche pensando que faría se estivese naquel momento, que pense quen son os bos ou os malos, pero sen poñer nomes propios. En realidade, o protagonista é Galicia, a sociedade, o folclore, a nosa forma de ser e o noso xeito. Non hai nomes propios, senón nomes comúns. 

O autor do libro, Nacho Carretero, advirte que en Galicia houbo e hai unha especie de narcocultura e que debemos ser autocríticos con iso. A obra é crítica?

Móstrase o que había, pero non sei se é unha crítica porque somos como somos. Hai aínda esta narcocultura, pero a mellor forma de superalo é contándoo e non agochándoo. O que teñen de bo o libro, a serie e a obra de teatro é que poidamos debater sobre as cousas que fixemos mal e por que as fixemos mal... E tamén temos que darlle a súa parte cómica para mostrar como antes aplaudíamos aos que agora consideramos malos. O espectáculo tamén toca moito o cambio que houbo desde aquela alegría e romaría que se xeraba arredor do que traía diñeiro, co que gañaban todos, ata que a droga empeza a matar xente e todo o mundo empeza a perder. 

Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, na obra teatral 'Fariña' © Ainé

Tamén conta Carretero que o narcotráfico estigmatizou Galicia e que todo se vía desde fóra como folclore, que aínda agora hai esas bromas coa droga e os galegos...

Temos ese estigma, claro que si. Igual que cando te imitan din "carallo", ou nos asocian co marisco ou co Superdépor... Témolo porque é merecido, porque é por onde entraba a droga. É malo polo que supuxo, pero hai moita xente que cho di de boas. Eu non adoito tomalo como algo malo, senón como algo que nos tocou: nós somos os que levamos o marisco e os de Valencia levan laranxas... Non o tomo a mal. O importante é educar, falar, que se saiba o que pasou e non ocultalo. 

"Fai falta máis teatro que nos achegue a feitos reais e históricos; é un espazo aberto moi interesante que deberiamos aproveitar"

Supoñemos que o espectáculo teatral tamén reparará nas vinculacións do narcotráfico coa política.

Era unha vinculación co poder, sinxelamente. Na zona máis afectada polo narcotráfico mandou durante moitos anos Alianza Popular e onde mandaban outros, estes estarían tamén tocados ou comprados. Os narcos tiñan que controlar o poder e o poder en Galicia lévao tendo moitos anos o mesmo partido ou o mesmo lado da política. Tamén sae na obra, sobre todo esa relación co poder, pero que estea tranquilo todo o mundo porque non hai nomes propios de ninguén... Quen os queira coñecer, tenos no libro, pero é obvio que estaban implicados políticos, a Garda Civil... Todo o mundo. 

Fai falta máis teatro social en Galicia, máis obras que nos acheguen a feitos reais e históricos de non hai tanto tempo?

Fainos falta máis teatro e máis audiovisual deste tipo. É unha liña que está gañando moito nos últimos anos, a de facer ficción baseada en feitos reais. É un espazo aberto moi interesante que deberiamos aproveitar porque o mellor xeito de educar é ensinar o que pasou para que non volva pasar, para saber como evitalo. Debería haber máis teatro galego deste tipo, claro que si. 

E máis teatro, non sei como chamalo... comercial?

Comercial, si, no sentido de que enchamos as salas. Foi o que fixen con Carlos Blanco en Somos Criminais ou n'Unha noite na praia e con Ledicia Sola e David Amor en Amigos ata a morte. E espero que isto tamén saia así. Pretendemos que a obra faga pensar á xente, pero sobre todo entretela, divertila. Eu son fanático do fútbol e ás veces non hai cousa máis triste que ir a un partido de fútbol, pagando só para sufrir. Se somos capaces 30.000 persoas diso... No teatro, co pouco que fagamos para entreter, tiñámolo que ter cheo. Pero houbo moitos anos nos que se fixo unha política teatral... 

"O problema deste país é que nos falta moito público no teatro; debemos pensar máis nel, en que desfrute e se entreteña"

A que se refire?

A política teatral de todo gratis o único que fai é que non se lle dea valor; ten que haber acceso para todo o mundo, pero non así. Logo, houbo un tempo no que, non sei se por ser teatro subvencionado, parecía que non importaba que houbese 30 persoas, 300 ou 1.000 porque ías gañar o mesmo... Moitas compañías montaban o que a elas lles apetecía sen importarlles moito o público e eu creo que debemos pensar primeiro en que a xente desfrute e se entreteña. 

Pero o teatro ten tamén unha función social.

Claro que a ten pero o primeiro que tes que facer é achegar o público. Lembro cando estaba no instituto e ía ver algunha función e saía pensando que non volvería máis a un teatro;  había cousas que non se lles podían poñer a rapaces de 14 anos. O problema deste país é que nos falta moito público no teatro, aínda que no noso caso nos vaia ben. Falta xente que se achegue cada fin de semana, que vaia ao teatro como vai ao fútbol cada pouco. 

E non será porque non haberá cousas por contar sobre Galicia...

Achegadas no tempo ou non tanto, e aí temos a Chévere, que é un referente marabilloso. Claro que debe haber tamén cousas experimentais, pero con dez obras teatrais ao ano... Xeremos teatro, xeremos contidos e pensemos máis no público, en se lle vai gustar a obra e se o vai pasar ben. 

Vostede fixo monólogos, agora teatro e series, pero saltou á fama na TVG con personaxes como Mucha e Nucha e o humor. Tamén recibiu algunhas críticas que o acusaban de denigrar a lingua galega ou mesmo os galegos.

Hóuboas e hainas. Cada un é libre de criticar o que lle dea a gana, pero tamén de pensar a cantas persoas lles interesa o que di. Primeiro xeremos público e xente interesada nese debate e logo falemos e debatamos sobre o que é mellor ou peor. En todos os países ten que haber unha cultura máis de elites e outra máis para o pobo, por dicilo así, pero eu non traballo para ensinarlle a ninguén o que é bo ou malo, senón para que a xente veña ao teatro, desfrute del e vexa cousas novas. 

"Teño en conta as críticas; cada un é libre de criticar o que queira, pero tamén de pensar a cantas persoas lles interesa o que di"

Tamén recibiu críticas o humor de programas como Land Rober por machista ou burdo. Chegáronlle esas críticas?

Claro. E a min paréceme ben que a xente opine, pero esa opinión non me importa máis que a daquel que me di que o pasou moi ben comigo. De feito, impórtame máis a opinión de alguén que me dá as grazas por facelo rir en malos momentos, o que non quere dicir que non teña en conta as críticas. 

Pero asume a crítica?

Estou de acordo en moitas cousas que se din, tamén en que en Land Rober se fixeron ás veces sketchs machistas, pero hai que ter en conta que son personaxes, porque se a min me toca facer de Hitler, vouno defender como se fose o mellor home do mundo. Claro que hai que ir mellorando cousas, por suposto que si. Con todo, con Mucha e Nucha, por exemplo, escoitei moita xente que o único que xulgaba era unha imaxe, a de dous tipos vestidos de mulleres, pero estaría ben que escoitasen o que dicían. Eu creo que a xente ben sabe cando unha persoa quere ofender e moi pouca xente pode ofenderse porque nun sketch te limpes os mocos nunha bandeira, ou si?

Se cadra o problema non é que exista Land Rober, senón a insistencia nun tipo de programas e a ausencia doutros na televisión pública...

Eu defenderei sempre programas como Luar ou Land Rober porque hai moitísima xente que se entretén con eles durante unhas horas á semana. Se non gusta, hai unha oferta amplísima á marxe diso e milleiros de cousas que facer á marxe de ver a televisión. Agora ben, eu podo estar de acordo nalgunhas cousas e outras non gustarme tanto. 

"Levar xente como Eduardo Inda ou Carmen Lomana a 'Land Rober' non me entra na cabeza. Buscamos quitarlle o público a Tele 5"

Hai convidados que tan só son relevantes por aparecer en programas do corazón que adoitan ser habituais na televisión pública...

O meu labor en Land Rober, agás na primeira época en dirección na que opinaba un pouco, era facer os meus personaxes. Sinceramente, creo que o programa debería centrarse en xente da cultura galega, do deporte... Ou se cadra non exclusivamente galega, pero non en traer a quen xa vai logo ao Bamboleo ou ao Luar ou xente como Eduardo Inda ou Carmen Lomana, isto si que non me entra na cabeza. Pero é o programa de Roberto [Vilar] e el decide. Ademais, creo que está moi ben darlles visibilidade a persoas que ti estás promocionando, mesmo artistas, que poden gustar máis ou menos, pero o caso doutras personaxes non o entendo. Buscamos un público que lle queremos quitar a Tele 5. 

Xosé A. Touriñán e outros actores, na obra teatral 'Fariña' © Ainé

Tampouco hai nin houbo programas na TVG de crítica política, como Polònia en TV3 ou antes Vaya semanita no País Vasco.

Sempre nos poñían Polònia de referente na CRTVG! Pedíannos que fixéramos algo como Polònia, pero logo aquí empézase co de “mellor non digas isto”, “isto tampouco a ver se lle vai parecer mal ao outro”... E falo do momento actual pero tamén do bipartito. A política ao final sempre era mellor non tocala, porque todos somos moi progres ata que nos tocan o noso. Para facer humor e comedia tes que ter esa liberdade que non tes se che están dicindo que hai que ter coidado con isto ou co outro... 

"Na TVG pedíannos facer algo como 'Polònia', pero ao final sempre era mellor non tocar a política; para facer humor tes que ter esa liberdade que non tiñas"

Pero Feijóo si foi ao Land Rober...

E dixéronselle cousas, claro que se lle dixeron. Penso que hai formatos que debería haber na televisión pública, pero igual non é todo culpa da CRTVG ou dos políticos, senón tamén algo das produtoras, de quen leva os contidos. É posible que haxa unha censura previa, se cadra porque nalgún momento xa houbo algún problema por tocar certos temas... Claro que podería haber programas como Polònia ou como Vaya Semanita, pero ían deixar facer pezas cun pijo e un da ETA? Pois se non hai esa liberdade... 

Marchou da TVG, volverá á televisión pública?

Espero porque é a miña casa, pero agora é un momento complicado porque pasaron certas cousas coa TVG que non me gustaron e preferín descansar e parar. Houbo certas decisións desde a dirección da CRTVG que creo, na miña opinión, que non foron xustas. 

Tivo que ver coa súa participación na serie Fariña?

Pois algo se cadra si, porque tiñamos un proxecto na TVG que se para xusto nese momento dun xeito un puco raro e non chegamos a un acordo. Era un proxecto de ficción e tiña ganas de facelo e de facelo en Galicia, pero non se puido. Nese momento, o que fixen foi buscarme a vida en Madrid porque chegou unha oferta de Movistar para facer Justo Antes de Cristo. E acepteina. 

Tamén abandonou o Land Rober.

Ao Land Rober, a raíz deste traballo en Madrid, xa estaba indo menos e a verdade é que tampouco se falaba moito de min no propio programa, onde era un dos protagonistas. Estou moi orgulloso de dicir que Land Rober tamén son eu porque estiven desde que se creou e parte do éxito, e aquí non quero ser modesto, tamén se deberá algo a min. Non me gustou que non se contase o que pasaba, non me gustaron certas cousas... E pensei que, como non quería estar enfadado con todo o mundo, era mellor descansar e parar. 

"Houbo decisións da CRTVG que non me pareceron xustas e que se cadra tiveron que ver coa serie 'Fariña'; non me gustaron e decidín parar e descansar"

Que lle supuxo a súa participación en Justo antes de Cristo?

Foi como unha volta a empezar, con eses nervios, esas dúbidas de si sería quen de facelo ben... Pero era outro idioma, faltábame esa naturalidade da miña lingua, onde a todo se lle pode dar matices, onde xogas cos ollos pechados... En castelán era distinto, pero foi marabilloso traballar nesa comedia, foi como un premio. Saíume esa oportunidade fóra, ao igual que Pequeñas coincidencias, da que xa gravamos a segunda temporada. Iso foi o que fixo Fariña: abrirme máis camiños na ficción, que non os tiña abertos. Porque a min o que me gusta deste oficio é probar ata onde son quen de chegar... Pero volvendo ao principio, eu sempre quero traballar na TVG. 

E que lle gustaría probar no futuro?

Gustaríame, e supoño que será cuestión de tempo que as cousas volvan ao seu lugar, facer unha ficción, unha serie na TVG. Gustaríame facer o que íamos facer, o que se parou. Non sei se será agora, dentro de tres anos ou dentro de cinco, pero levo un lote de anos traballando na Televisión de Galicia, por onde pasou moita xente que decide, e nunca tiven problemas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.