Bernarda, os roles femininos e o cambio social: a historia dun éxito inesperado do teatro galego

Luisa Merelas, en 'Bernarda' © Malasombra Producións

Mellor espectáculo, mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz secundaria -para Celia González-. Foron os galardóns conseguidos por Bernarda, de Malasombra, grande triunfadora dos últimos premios María Casares. O autor do texto e director, José Prieto, colaborador habitual da compañía, subliña nesta entrevista o “mérito” e a “persistencia” da mesma. Moitos anos -desde 2006- percorrendo o país concello por concello ata chegar a ser unha das compañías galegas con máis distribución. Xa tiñan -di Prieto- o recoñecemento do público. E agora teñen tamén o da profesión.

Como xorde o proxecto de facer unha montaxe a partir de Bernarda de Lorca?

Foi unha proposta miña. Levaba xa tempo traballando para a compañía Malasombra. Propúxenllo a Xoque Carbajal e a el pareceulle ben…

A sinopse da obra salienta o choque xeracional. Quizais máis importante ca iso é a socialización feminina nun contexto patriarcal cambiante…

Eu quería facer unha historia de mulleres situada no contexto da morte de Franco e o tempo posterior. Interesábame ver como se enfrontan a ese momento de cambio distintas xeracións de mulleres. Na nosa Bernarda, a nai non é quen de cambiar, mais as fillas, influenciadas pola sociedade, queren xa vivir outra vida. Elas viven nun ambiente pechado pero fóra hai un mundo cambiante , polo que ten que haber un choque entre o que conservan e o que mudan. Hai un choque xeracional, si, porque son xeracións diferentes situadas nese contexto de mudanzas.

Do texto de Lorca está o fundamental, pero non é unha adaptación. É unha creación nova…

O que collín foi a idea dunha muller que vive coas súas fillas -no texto de Lorca son máis- nese ambiente opresivo marcado pola cerrazón de Bernarda. Pero despois non ten nada que ver. Tampouco a contorna social na que se moven.

O público de distintas idades entra moi ben na obra. É fácil empatizar coas fillas, pero tamén se comprenden as razóns da nai. É a personaxe de maior complexidade...

Penso que todo o mundo ten unha referencia: unha avoa, unha nai, unha tía… Alguén que se parece a Bernarda. A súa forma de ser é froito da educación que recibiu . O primeiro que dixo Luísa Merelas ao ler o texto foi: “a xente vai pensar que son moi mala”... E ela traballou moito, como boa actriz que é, desde aí: para xustificala, para que se comprendese por que é como é. Bernarda é unha muller adicada ás súas fillas que loita por sacalas adiante. Non fai as cousas por maldade.

Esther Aja e Celia González, en 'Bernarda' © Malasombra Producións

“Bernarda é unha muller adicada ás súas fillas que loita por sacalas adiante. Non fai as cousas por maldade”

Bernarda practica bastante a chantaxe emocional como estratexia de manipulación. Iso é tamén moi recoñecible. 

Si, e iso é algo que eu tamén coñecía. Inspireime, de feito, en varias persoas para crear a personaxe de Bernarda. Eu creo que é unha forma de tentar que as queiran, que é o que quere todo o mundo, pero estas persoas fano así, de xeito equivocado. En vez de ser francas danlle a volta ás cousas para facer que te sintas mal e así gañar a túa atención e o teu cariño.

Curiosamente, haberá quen se comporte dese xeito na vida real pero que empatize, na vosa obra, coas fillas.

Seguro. No monólogo da chantaxe emocional que dicías hai unha parte do público que ri e outra que non, que seguramente é a que está recoñecendo a alguén. Mais o de identificarnos só coa parte positiva é algo que as persoas facemos moito. Ninguén quere recoñecerse no lado negativo.

Como preparou cada actriz a súa personaxe? Todas pertencen a xeracións distintas ás que representan na obra.

Pois todas buscaron situacións que viven as mulleres do seu tempo que poden ser parecidas ás que acontecen na obra. A loita por saír de noite cando eran adolescentes, por exemplo. Despois, as dúas irmás son moi diferentes. Unha vai cocendo todo por dentro e a outra enfróntase directamente á nai desde o primeiro momento. Independemente da época, sempre haberá cousas que che pasaron que non son tan diferentes ás que se contan na montaxe.

A obra escolle un contexto político que non está moi tratado no teatro galego actual. Foi algo consciente?

Foi algo do que me decatei cando estaba escribindo. Si que están máis presentes os anos 60 pero non xusto ese tempo de transformación tras a morte de Franco. Tampouco están moito os 80. A obra ten algo de retrato de como era a sociedade de cando eu era pequeno. É o paso do branco e negro á cor. Un tempo de cambios moi abruptos, tocados de xeito só tanxencial noutras montaxes. Hai varios detalles na obra relacionados con imaxes da nosa infancia naquel tempo, coma a caixa das galletas Cuétara, que é dos anos 70.

“A obra ten algo de retrato de como era a sociedade cando eu era pequeno”

Falando diso, hai unha escenografía realista, feita por Kukas, que representa con detalle unha casa daquel tempo.

Si. Pensamos na cámara negra, que xa usamos máis veces, pero ao final decidímonos por unha escenografía realista. E pensamos que, alén do sentimentalismo, axuda moito a situarse ao espectador. Todo está moi pensado, ata o papel que se usa para envolver a compra.

A túa Bernarda resulta moi galega. E non só porque a obra estea en galego. Os códigos sobre o loito son moi da sociedade tradicional. Ben, seguramente de máis sociedades tradicionais… 

A Bernarda de Lorca é unha figura de poder que ninguén vai desmontar. A min apetecíame traballar con ela con outras variables, como esa chantaxe emocional sutil da que falabamos antes. Son personaxes diferentes, e non digo, por suposto, que a miña sexa mellor. Das arredor de 80 obras que levo escrito teño unhas catro ou cinco favoritas e esta é unha delas. Podería tela escrito de corrido. Tiña moi claro cal ía ser a forma de comportarse de Bernarda. Todo está moi baseado, como dicía antes, na miña propia contorna, por iso pode resultar galego por iso. Son tipos de aquí, aínda que sexan trasladables e outros contextos.

Luisa Merelas e Esther Aja, nun intre da representación de 'Bernarda' © Malasombra Producións

“A Bernarda de Lorca é unha figura de poder que ninguén vai desmontar. A min apetecíame traballar con ela con outras variables”

Lourdes e Fátima, as irmás, parecen moi diferentes pero non o son tanto. Lourdes ten un lado non tan submiso. Deixa morrer o pai maltratador e cóntao cunha frialdade cómica. 

As dúas teñen estratexias distintas. Lourdes é máis de agardar a que pasen as cousas. Ten máis paciencia. Ao principio resulta cómica, si, a maneira en que deixa morrer ao pai. Coa nai tenta evitar o enfrontamento e adaptarse. Fátima é máis visceral, máis de curto prazo, por iso acaba enfrontándose á nai. Lourdes é a herdeira, a sucesora, e parece máis dócil, pero vai cocendo todo por dentro máis friamente…

Un dos acertos da obra é a naturalidade do galego que usa. 

Tentamos que fose un galego coloquial, natural, da casa. Ademais, a actriz Esther Aja fai un esforzo moi grande, pois é cántabra e leva aquí pouco tempo. Nun ano xa aprendeu galego. Celia González atopou moi rápido o ton da personaxe. Todas ca cousas pasan por ela e o galego tamén.

A obra ten un ton cómico con momentos bastante dramáticos e con presenza da violencia. Mais resultan equilibrados, están ben medidos. Como o castigo físico. 

O da violencia no teatro é un problema sempre. Se te pasas pode resultar demasiado violento para o espectador. Se quedas curto non funciona. Non é algo que se poida falsear. Hai unha labazada e tamén uns golpes. Foi un dos aspectos que traballamos máis: con que enerxía tiñan que darse. A actriz leva unha protección para que non lle fagan dano. Se nos pasabamos, o espectador podía saír da historia. No teatro, como dicía, o truco vese moi rápido, entón hai que calibrar ben ese tipo de cousas.

Hai temas secundarios coma o traballo feminino. Oficios de mulleres nos que non se sae dos roles tradicionais femininos. De feito, o espazo de traballo, coas súas relacións sociais cambiantes, está na orixe do conflito.

Bernarda queda viúva e asume o que sería o rol do marido, do pai de familia, traballando de empregada fóra da casa. Das fillas, só unha das dúas vai traballar para complementar os ingresos. Escolle a Fátima porque Lourdes é a que vai ser a súa sucesora na casa. Así era a sociedade nese tempo. Supoñíase que as mulleres non tiñan que traballar, agás que fixese falta o diñeiro na casa. A miña avoa foi nai solteira e era unha muller moi independente. Miña nai traballaba na casa e ás veces ameazábanos a miña irmá e a min con marchar traballar fóra da casa.

“Supoñíase que as mulleres non debían traballar, agás que fixese falta o diñeiro na casa”

O final tiña tamén o seu risco. E queda aberto. 

Démoslle moitas voltas a ese final. Luísa Merelas está fantástica. Está por un lado chea de raiba e por outra chea de orgullo, por iso di o que di. Nós fantaseamos bastante con como serían as personaxes dez anos despois. Cada espectador pode imaxinar o que queira. Non vai haber segunda parte, en calquera caso. Quizais a nai se adapta aos cambios…

Luisa Merelas protagoniza 'Bernarda' © Malasombra Producións

A xente maior ten capacidade abonda para adaptarse aos cambios. 

Si, claro. Pode frealos o medo ao novo. Se estás ben na casa, para que vas saír por aí? Teñen medo de perder o control. E ademais pertencen a unha xeración que tivo unha infancia e unha xuventude moi duras. E tamén poden estar frustrados polas cousas que non puideron facer. Mais de feito cambian, si. Teñen capacidade para cambiar.

Bernarda foi a grande triunfadora dos premios María Casares e iso viuse como unha sorpresa. Non o agardabades vós?

Eu alegreime moito de que gañase esta compañía. Creo que lles axudou moito o feito de ter estado na Feira Galega das Artes Escénicas. Despois tivo bastantes funcións. E é unha obra que gusta. Xa tiñan o recoñecemento do público e faltáballes o da profesión. É unha compañía que leva anos percorrendo o país, que normalmente vai sobre todo a concellos pequenos. E nunca levaran un premio nin foran nominados. Xoque fai un gran traballo de produción. Colle o coche e vai concello por concello falar cos programadores… Como compañía son moi persistentes, teñen moito mérito. E fan moitos bólos, máis que outras compañías máis coñecidas. Alegreime moito por eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.