"Orgullo de aldea con ausencia de complexos": toda a programación da décima edición do Castelo Conta

Andaina da pasada edición do Castelo Conta © Aigi Boga

O Castelo Conta é un festival que comparte saberes e que organiza actividades verdadeiramente interxeracionais. Dez días de cultura e comunidade, do 22 ao 31 de agosto, nesta aldea de Culleredo que xa é referente para todo o país. Di Xosé A. Touriñán, director do certame, que sempre quixo tecer redes para que o que sucede en Castelo poida inspirar a outros lugares. O éxito demóstrase coa ampliación da programación, “con máis de medio cento de actividades e 150 persoas traballando para facelo posible".

O ‘día grande’ da décima edición do Castelo Conta é o sábado 30 de agosto, celebrarase cunha andaina polas aldeas, con pequenas contadas en diferentes paradas, e rematará co xa tradicional espectáculo de monólogos, conducido por Touriñán, no que participarán David Amor, Lucía Veiga, David Perdomo, Marita Martínez, Quico Cadaval, Oswaldo Digón, Gari Garrido, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Javier Veiga.

O festival comeza ao grande dende o venres 22, o Monte Xalo prepárase para recibir o músico vigués Carlos Núñez, que fai parada coa súa xira Lugares Máxicos neste escenario natural tan especial ás 20 horas. Un espazo aínda máis valorado este agosto, en plena vaga de lumes no país. Tras o gaiteiro, o universo sonoro de Peter Sélek, o mestre das mesas de mesturas, invadirá o monte dende as 22.30 horas. Sélek é un dos nomes máis aclamados da escena galega no ámbito da música electrónica e do mestizaxe de estilos.

Tanxugueiras, Ortiga, Alana, Sés, De Vacas, Xabier Díaz, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar, Brais Morán e Nasaufunk, Abril, Pava, 9louro e The Rapants actuarán no Castelo Conta

A música será un dos piares desta edición, con concertos repartidos en diferentes espazos e horarios, desde sesións vermú ata seráns nas aldeas de Castelo. Brais Morán e Nasaufunk, Abril, Pava, 9louro e The Rapants protagonizarán os Vermús na Taberna, que contarán coas tapas preparadas en directo polos cociñeiros Jorge Trigo (A Espiga), Nacho Moreira (La Esquina de Valentina), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha), Damián Paris(Dekanta't), Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Bea Sotelo e Bego Vázquez (Regueiro da Cova), eChisco Jiménez (Culuca).

Do sábado 23 ao 30 de agosto Ortiga, Alana, Sés, De Vacas, Xabier Díaz, Lisdexia, Monolius DOP, Zënzar e a banda do Saviñao Gin Toni’s serán as encargadas de poñer música e baile ás noites do Castelo Conta. Pero ollo, que a música non para durante o día: as Tanxugueiras actúan o domingo no Monte Xalo ás 14 horas. O mércores 27, ás 21.30h, estrearán o documental Buscando a Nova Regueifa, un proxecto que explora o presente e o futuro desta arte que mestura música, oralidade e improvisación.

Xosé A. Touriñán e Federico Pérez no Castelo Conta © Castelo Conta

"Quería que soase a nós, sen complexos; que soase a Castelo porque non é suficiente, é sobresaínte", explica Sés sobre a súa canción 'Todo Castelo Conta'

Para Sés, Castelo é a aldea do lado da súa, un lugar no que ten familia e amizades e ao que pertencer: “Quen me dera ser dun sitio que reivindica con humildade e con orgullo o que somos”. A cantautora, que está a piques de presentar un novo disco, estreará a canción que lle dedica a Castelo na súa actuación do domingo 24 ás 19 horas no escenario do Monte Xalo.

A canción 'Todo Castelo Conta' –acompañada do videoclip que se pode ver arriba– xurdiu unha das primeiras veces que Sés foi cantar a Castelo: “Se a actuación era ás sete, rematei a canción á unha”, lembra. Daquela estaba acompañada dos músicos Tito Calviño á guitarra, Sabela Galván ao acordeón e Pablo Canosa, que se aprenderon o tema en tempo récord. “Quería que soase a nós, sen complexos; que soase a Castelo porque non é suficiente, é sobresaínte”, explica Sés, que este ano gravou a canción tamén co músico Martiño Galván, para que quede como himno do festival e como agasallo para a veciñanza.

"Estase facendo punteiro no país porque demostra que cando apostas polo noso non só funciona, senón que se converte en referente", salienta Sés

“Orgullo de aldea con ausencia de complexos”. Isto é o que lle suxire a María Xosé Silvar, Sés, o Castelo Conta, que identifica tamén coas verbas “comunidade” e “dignidade”. “Estase facendo punteiro no país porque demostra que cando apostas polo noso non só funciona, senón que se converte en referente”, asegura.

“Para min é un luxo compartir tempo coa xente de Castelo, que moitas e moitos cantan na canción porque os fomos gravando cun equipo profesional pola aldea, foi moi emotivo. Sentíronse o que son, importantes. Por iso quero destacar que quen fai a festa seguen a ser os veciños e veciñas, nótase que quen fai a festa non está pensando na rendibilidade senón na dinamización”, salienta Sés.

Sés no Castelo Conta © Castelo Conta

Esta décima edición contará cunha gala especial, un espectáculo colectivo que mesturará música, humor e memoria do festival. Será o xoves 28 de agosto, ás 20 horas, na polideportiva de Castelo e a organización avanza que haberá moitas sorpresas. Un día antes, a noite do mércores 27, celebrarase a Gran Foliada, aberta a quen queira participar e chea de música. Touriñán e Carlos Blanco subirán ao escenario da polideportiva o venres 29 ás 22 horas coa terceira e última entrega do seu exitoso proxecto Somos Criminais e punto final.

Esta décima edición contará cunha gala especial, a Gran Foliada, Contos de Castelo e as actividades para crianzas da Xente Miúda

Non poden faltar os Contos de Castelo, onde a veciñanza maior comparte historias e lembranzas mantendo o formato próximo e interxeracional, ou Xente Miúda do Castelo Conta, cinco xornadas de actividades dirixidas ás crianzas para as que é preciso inscribirse. As nenas e nenos gozarán de obradoiros artísticos coa natureza (da man de Iria do Castelo), andainas e plantacións nas horta de Cabrois, regueifas con Manolo Maseda, cociña creativa nas aldeas da man das veciñas e veciños da zona, e unha mañá final con teatro e música acompañando a The Rapants sobre o escenario do festival.

Algunhas das actividades son con entrada, que se pode mercar no sitio web do festival, onde tamén está toda a programación por días. Ademais, este ano introducen a pulseira ‘Todo Castelo Conta’, que será de balde para a veciñanza, coa que acceder a todas as actividades que terán lugar entre o 23 e o 24 de agosto no cumio do Monte Xalo, onde o acceso está limitado para preservar a contorna. O festival conta co apoio do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Agadic e Turismo de Galicia; e co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.

Actividades ao aire libre do festival Castelo Conta © Castelo Conta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.