Da aldea ás plataformas dixitais, sen perder a memoria: o dúo Abril participa no ciclo 'Ducia e Pico'

O dúo Abril, formado por Claudia Abril e Marina Carpente © Miguel Méndez

Abril participa no ciclo 'Ducia e Pico', promovido por Luneda Producións, e actuarán este venres na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro xunto a Lontras

Hai músicas que pasan de xeración en xeración ata que alguén decide contar con elas unha historia diferente. É o que fan Claudia Abril e Marina Carpente en Medrar, o primeiro disco de Abril, un proxecto no que a voz, a pandeireta e o violín dialogan con novas harmonías, letras propias e sonoridades contemporáneas. As nove cancións do álbum, publicado o pasado mes de abril, falan da necesidade de atopar lugares seguros, aprender a coidarse e construír comunidade. E fano a partir dun repertorio que tamén ten moito que ver coa memoria colectiva.

As dúas músicas forman parte dunha xeración que está a levar a tradición galega a públicos e escenarios aos que non sempre resultaba doado chegar. "Antes tiñamos bandas de música folk que non funcionaban tan ben como funciona agora un proxecto como Abril", recoñecen. A transformación percíbena especialmente entre a xente nova, que volveu facer seus os torreiros e as foliadas, pero tamén na presenza da música de raíz en festivais que ata hai pouco non a incorporaban ás súas programacións.

Abril foron finalistas no Premio Narf de novas músicas deste ano, que organiza a Deputación da Coruña © Miguel Méndez

Claudia Abril, de Xustáns (Ponte Caldelas), e Marina Carpente, de Vigo, coñecéronse en 2012 durante a primeira edición do campamento Galicia Fiddle na illa de San Simón. Aquel encontro marcou o inicio dunha amizade e dunha relación musical que se prolongaría ao longo dos anos. Para elas, Medrar nace da necesidade de "construír lugares seguros e facer fogar coa xente que queremos a través da música". As experiencias persoais dos últimos anos foron aparecendo nas letras e nos arranxos, ata converter o álbum nunha reflexión sobre as relacións afectivas, os cambios e as aprendizaxes que acompañan o paso do tempo.

"Aprender a elixir a quen queres, darte conta das cousas que che fan mal e apartalas da túa vida, confiar na rede afectiva, nos coidados, nas amigas e na familia", enumeran ao explicar algunhas das ideas que inspiraron as cancións. O disco percorre diferentes estados emocionais: a ansiedade en Marañas, a celebración da amizade en Arredor da mesa, a superación de relacións que deixan de facernos ben en Abrir os ollos e Dices, dices, ou a saudade polas persoas que xa non están en Outro tempo.

'Medrar', o seu primeiro álbum, nace da necesidade de "construír lugares seguros e facer fogar coa xente que queremos a través da música"

Neste primeiro disco de Abril a música tradicional convértese nunha ferramenta para expresar experiencias actuais, evoluciona dun xeito orgánico igual que se facía antes cando as mulleres que cantaban nas aldeas adaptaban as coplas a unha situación determinada... "A fronteira entre recuperar unha canción e crear unha canción nova nalgúns casos é bastante fina", explican. 

Modificar unha harmonía, escribir unha letra ou transformar un arranxo pode facer que unha mesma melodía acabe contando unha historia completamente diferente. Foi o que aconteceu con Abrir os ollos, unha das cancións que máis as sorprendeu durante a gravación. Partían dunha peza aprendida nunha escola, pero non atopaban a maneira de abordala. Un primeiro bosquexo harmónico e unha modulación abriron o camiño para construír o resto da canción. A letra chegou practicamente ás portas da gravación.

Noutras ocasións, porén, decidiron conservar as palabras orixinais. É o caso de Nas horas avelaíñas, que recupera as primeiras coplas cantadas por Elena Alonso Pino, Elena de Toutón. A decisión responde ao desexo de render homenaxe ás persoas que transmitiron aquelas melodías e de manter unha conexión entre o pasado e o presente.

Ciclo Ducia e Pico, organizado por Luneda baixo a dirección artística de Aitana Cuétara CC-BY-SA Luneda Producións

Claudia e Marina contactaron con persoas vinculadas ao traballo de recollida e á documentación da tradición oral para localizar melodías, identificar as súas procedencias e coñecer os nomes das informantes. Reivindican tamén o traballo das persoas que dedicaron anos á investigación, á etnomusicoloxía e á recollida de cantigas, especialmente das mulleres que contribuíron a conservar a tradición oral.

Din que no futuro lles gustaría ser lembradas como un proxecto que se preocupou por coñecer as súas orixes, construído "con responsabilidade e cariño, entre moita xente e en comunidade, compartindo unha música que fala, en definitiva, de quererse ben, coidarse e pasar bos momentos xuntas".

"Hai xente moi noviña que está nos torreiros, que baila, toca a pandeireta e consume música non só tradicional, senón música en galego de todos os xéneros", celebran Claudia Abril e Marina Carpente

O auxe da música de raíz galega está a transformar as vías polas que a mocidade se achega á tradición. Claudia e Marina consideran probable que hoxe moitas persoas, especialmente nas cidades, descubran unha melodía tradicional a través dunha plataforma dixital ou dun grupo contemporáneo antes que na súa propia contorna familiar. E non o interpretan necesariamente como unha perda: "Pode ser unha maneira de chegar a esa música e de valorar pouco a pouco a nosa cultura".

É preciso un primeiro contacto para espertar a curiosidade por coñecer as fontes orixinais, as aldeas de procedencia ou as persoas que conservaron esas cancións. A súa experiencia permítelles comparar dous momentos moi diferentes. Cando comezaron a participar en bandas de folk, lembran que resultaba máis difícil conectar con determinados públicos, especialmente cos máis novos. "Nós mesmas diciamos: oxalá as nosas amigas escoitasen a nosa música ou lles gustase a música folk ou tradicional", recordan. 

Agora observan unha realidade distinta. "Hai xente moi noviña que está nos torreiros, que baila, toca a pandeireta e consume música non só tradicional, senón música en galego de todos os xéneros", celebran. Para elas, este cambio ten unha dimensión cultural que vai máis alá do éxito puntual de determinadas artistas. 

Abril e Lontras actúan este venres na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro no marco de 'Ducia e Pico' © Miguel Méndez

O ciclo 'Ducia e Pico', promovido por Luneda Producións, naceu baixo o lema 'Vinte bandas, oito salas, unha ducia e pico de noites' e percorre diferentes localidades galegas desde xuño

Abril participa no ciclo Ducia e Pico, promovido por Luneda Producións, e actuarán este venres, 13 de novembro, ás 20:30 horas na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, que tamén acolle o directo de Lontras, con quen teñen previsto colaborar enriba do escenario. 

Este ciclo de concertos que naceu baixo o lema Vinte bandas, oito salas, unha ducia e pico de noites percorre diferentes localidades galegas desde o pasado mes de xuño. Ducia e Pico é un dos ciclos impulsados ao abeiro da liña de axudas da Xunta para programacións musicais en salas privadas, unha iniciativa destinada a favorecer a continuidade da actividade destes espazos e a circulación de artistas por todo o país.

Tras o concerto de Abril e Lontars o ciclo continuará con El Nido, que despedirán a súa xira o día 20 no Riquela Club de Santiago de Compostela; Unto Vello, o 21 na Sala Rebullón de Mos; Maricarme, o 22 no Krazzy Kray de Cambados; e L’arannà + Carmela, o 27 no Riquela Club de Santiago. 

O ano despedirase con Xiro + Bouba, o 12 de decembro na Arca da Noe de Vilar de Santos, e Brassica Rapa, o 19 de decembro no Pub Gatos de Melide. Xa en 2027, Ducia e Pico completará o seu percorrido con Brúa + BÖJ, o 12 de marzo na Pousada de Boiro; Leticia Rey, o 24 de abril no Guión Club de Pontedeume; e Tres Pesos, que pechará o ciclo o 22 de maio no mesmo espazo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.