"Temos pouco tempo para que nos conten, e para falar entre nós, e esa é a filosofía do festival. Andamos todo o día pegados ao móbil e iso que antes era máis habitual, falar e contar, porque era o entretemento que había, hai que recuperalo"
Isto vai de xuntarse e compartir, de gozar da nosa cultura e respectar o noso rural; de facer mellor o lugar onde vives. Van nove edicións do festival que o humorista, actor e presentador Xosé A. Touriñán apostou por celebrar nas festas da súa parroquia, Castelo (Culleredo). Quixo levar unha programación que non acostuma verse fóra das cidades para que a desfrute a súa veciñanza. Castelo Conta é un motivo para que a xente se volva xuntar e se poña en valor a tradición oral. “Temos pouco tempo para que nos conten, e para falar entre nós, e esa é a filosofía do festival. Andamos todo o día pegados ao móbil e iso que antes era máis habitual, falar e contar, porque era o entretemento que había, hai que recuperalo. A xente maior sabe contar moito mellor ca nós, estrutura un relato oral de forma incrible”, asegura Touriñán.
Do 19 ao 25 de agosto o Castelo Conta programa faladoiros, concertos, sesións vermú, degustacións gastronómicas, espectáculos para a cativada, andainas, cinema e moitos contos cargados de humor. Polos diferentes espazos da aldea contarán contos Xosé Ramón Gayoso, Federico Pérez, Tamar Novas, Miguel de Lira, María Meizoso, Carlos Blanco, Lucía Veiga, David Perdomo, Isabel Risco, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos, Isabel Garrido, Patricia Castrillón e Gari Garrido, entre outros.
“Castelo foi o lugar onde me criei e onde fun máis feliz na miña vida, por iso decidín que en canto puidera faría alí a miña casa. Comprei unha finca, fixen a casa e vivo alí, e para min sigo sendo o neto dos da taberna, de Pilar e de Antonio, e esa é a miña sensación tamén coa veciñanza. É verdade que a visibilidade que che dá a ‘fama’ permíteche montar un festival así, que non é para nada fácil. Entendo que na aldea hai de todo, creo que agora hai menos xente que estea a desgusto co festival porque prefiran a verbena de toda a vida e as orquestras. Os primeiros anos preguntaban ‘e non vai haber ningunha orquestra’? Pero o festival foi medrando e agora creo que hai un sentimento de orgullo, de pertenza a un lugar onde as cousas se fan moi bonitas e un pouco distintas ao resto. Eu só percibo bo rollo, pero dende a normalidade, son un veciño máis. Teño a sorte de coñecer a un montón de xente marabillosa porque grazas ao meu traballo tiven a fortuna de chegar a moitos lugares, e que agora esas amizades veñan á festa. Para min a filosofía do Castelo Conta é convidar a amizades á festa”, debulla Xosé A. Touriñán.
Do 19 ao 25 de agosto o Castelo Conta programa faladoiros, concertos, sesións vermú, degustacións gastronómicas, espectáculos para a cativada, andainas, cinema e moitos contos cargados de humor. "Agora non se trata de medrar, se non de manter a calidade"
Para Touriñán era importante que non se perdera a festa para a veciñanza da vila e acabase por ser unha celebración só para a xente de fóra. Dar coa tecla para lograr o equilibrio é difícil: “Sendo unha festa pequena, porque non pode ser máis grande, o Castelo Conta é enorme. É un festival pequeno que chegou ao tope, a onde ten que estar. Eu levo botando unha man nas festas desde que tiña dezanove anos, uns anos estiven máis implicado que outros, pero non había festas na aldea e cun grupo de amigos as recuperamos porque queriamos que volvera haber cousas na aldea. Pero nos pasamos, tiñamos as mellores orquestras e oito mil persoas de festa aquí, e acabamos traballando para os demais en lugar de facer a festa para nós. Por iso quería que isto non pasara co Castelo Conta, na nosa festa do San Ramón cambia a filosofía do que había antes: unha celebración durante todo o día cunha oferta cultural máis ampla. Un ano case nos pasamos outra vez, pero decatámonos. Agora non se trata de medrar, se non de manter a calidade”.
O Castelo Conta será un dos escenarios escollidos por Lamatumbá para actuar este verán. Será na xornada inaugural do luns 19 de agosto ás 22 horas na Eira de López, en Castelo de Abaixo. Ese mesmo día, a música de Alana acompañará á sesión vermú na Folgueira. Haberá tamén regueifas ao longo da semana, na que actuarán dende formacións tradicionais como Tiruleque ata o trío Maricarme, formado por Cibrán Seixo, Antía Ameixeiras e Migui Carballido. Ademais, estarán Lontreira, Boyanka Kostova, Uxía Lambona e a Banda Molona, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés, Dios ke te crew e crnds dj set.
Sucede que “as menos protagonistas da festa” historicamente, como recoñece Touriñán, son realmente o eixo dela. “Eu veño dunha casa na que miña nai e miña avoa estaban felices cando chegaban as festas, pero traballaban arreo para facer de comer, ter a casa limpa... E son as que menos desfrutan”, conta. Como homenaxe a todas as veciñas de maior idade nace o traballo documental colaborativo Mulleres de Castelo, dirixido por Hadriana Casla, que se estrea o mércores 21, ás 20.30h, na Eira do Ferrador (Xalo).
O mércores 21 o festival estrea o documental 'Mulleres de Castelo'
Julia Reboredo Grela, Maruxa Martínez, Rosa de Seijo, Maruja Sanchez, María Concheiro, Pilar Torreiro Grela, Mercedes García, Pilar Rodríguez, Maria de Sánchez, Maria José Cañas, Esther Pardo Vecino, Carmen Marta e Pepita son as protagonistas deste documental. Touriñán explica que o Castelo Conta tratou de recuperar desde o inicio a costume de xuntarse pola tarde e falar, contar cousas, que antes se facía nos traballos comúns; pero sempre eran os homes os que máis falaban. “Por iso isto é para que falen elas e queremos facer unha estrea de verdade, poñerlles a alfombra vermella como as estrelas de Hollywood. Este tipo de detalles fai que vaiamos innovando e tendo cousas que nos ilusionen cada ano. Para min vai ser un dos puntos álxidos do festival”, asegura.
Touriñán logrou que volva abrir a taberna familiar tras varios anos pechada: "Na familia estamos moi ilusionados con volver a vela funcionando porque está igual"
Pero a emoción deste ano non queda aí, Touriñán logrou que volva abrir a taberna familiar tras varios anos pechada só para acompañar os días da festa. Casa Rodríguez é onde se criou e foi lugar de encontro no pobo durante toda a súa vida. En Castelo chegou a haber tres tabernas, mais agora non queda ningunha. A da familia de Touriñán foi a última en pechar, cando faleceu o seu avó. “Volvemos abrila este ano para rodar Na Gloria, unha serie que fixemos para a Televisión de Galicia, e con esa inercia a metade do pobo dixo que estaría moi ben reabrila para a xente. Así que convencemos o meu tío para abrir o bar no festival e Estrella Galicia sumouse para colaborar. Así temos un lugar aberto durante todo o festival como espazo de información e lugar de venda de entradas. Ademais, alí faremos as sesións vermú durante a semana. Na familia estamos moi ilusionados con volver a vela funcionando porque está igual”
“Son as miñas vacacións”, revela Touriñán, que trata de liberar a semana do festival para poder gozar como un máis das e dos artistas convidados. “É felicidade”, resume o humorista. “Fágoo honestamente para que convivamos, para que fagamos máis cousas xuntos. Tamén o fago por min e polos meus, que andamos todo o día cos móbiles e iso é moi aburrido. Fainos ben compartir e estar coa xente”, asevera. A programación completa desta novena edición do Castelo Conta pódese consultar no seu sitio web.