O mellor caldo, polbo á feira ou cabrito?: nos primeiros Premios da Cociña Galega

Categorías dos Premios da Cociña Galega © Premios da Cociña Galega

"Aquí non hai estrelas nin espumas", di a organización, que conta cun xurado de 60 profesionais para "recoñecer a cociña auténtica, a das casas de comidas"

O 1 de decembro o Auditorio de Galicia en Santiago acollerá a entrega dos primeiros Premios da Cociña Galega, uns galardóns creados pola Asociación Amigos da Cociña Galega, en colaboración coa Fundación A Muiñeira e co apoio de Turismo de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Os premios buscan "poñer en valor a tradición, os produtos e o patrimonio culinario de Galicia, homenaxeando os profesionais e establecementos que manteñen viva a nosa identidade gastronómica". "Aquí non hai estrelas nin espumas", din os organizadores.

Os Premios da Cociña Galega buscan recoñecer a cociña tradicional © Premios da Cociña Galega

Baixo o lema Celebremos a nosa cultura gastronómica, os galardóns nacen coa vontade de "recoñecer a cociña auténtica, a das casas de comidas, tabernas e restaurantes que conservan o espírito e o sabor de sempre, e tamén de abrir espazo á innovación que sabe respectar a orixe". Serán premios outorgados por galegos e galegas profesionais da terra cun proceso de selección que pretende que os galardóns "sexan o reflexo da diversidade e riqueza do territorio, recoñecendo a excelencia e a autenticidade das receitas que definen a nosa identidade como pobo". 

Os premios estrutúranse con categorías arredor das receitas máis representativas da gastronomía galega, como o polbo á feira, o mexillón, o berberecho, o lacón con grelos, o cocido galego, a vieira, a merluza, o salpicón de marisco, o año ou cabrito, o vacún galego, o galo de curral, a lamprea, o arroz de marisco, a caldeirada, a lura ou o caldo galego. 

Premios da Cociña Galega © Premios da Cociña Galega

Ademais dos pratos máis significativos, haberá tamén premios a figuras senlleiras, casas de comidas e pratos esquecidos

Tamén se distinguirán produtos e elaboracións transversais como a empanada, o pan, os doces caseiros ou as tapas de cortesía, así como recoñecementos especiais a categorías simbólicas: senlleiros de Galicia (figuras ou establecementos que representan o espírito máis puro da cociña tradicional), casas de comidas (espazos onde a hospitalidade e o sabor seguen a ser os piares da experiencia gastronómica) e pratos esquecidos (receitas recuperadas grazas ao labor de profesionais que manteñen viva a memoria culinaria).

O xurado dos premios está formado por máis de 60 profesionais do sector gastronómico, críticos, xornalistas especializados, docentes, representantes de escolas de hostalería, enólogos, produtores, consultores, responsables de entidades turísticas ou divulgadores culinarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.