O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca en FITUR que o sector agroalimentario é "a mellor marca turística" da provincia
"Montes, ríos e costas non só debuxan o horizonte, senón que tamén alimentan a tradición gastronómica que nace na nosa terra fértil e nos nosos xenerosos mares e ríos. Cada curva da paisaxe reflicte a esencia dos sabores locais, onde a natureza esculpe non só a vista, senón tamén o padal". O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presentou así a campaña A paisaxe que sabe, que evoluciona da iniciativa A provincia que sabe e pon o foco nos "elementos paisaxísticos que alimentan a gastronomía" da provincia da Coruña.
A aposta da área de Turismo da Deputación da Coruña vincula o reclamo gastronómico co benestar da veciñanza e das paisaxes da zona. "Os nosos sabores son froito dos saberes da nosa xente, protagonistas tamén desta campaña, porque é a súa profesionalidade a que fai que gozar desta riqueza sexa máis que unha experiencia un auténtico privilexio", salientou Regueira na súa exposición no pavillón de Galicia na Feria internacional de Turismo (FITUR) que se celebra esta semana en Madrid.
"A paisaxe que sabe vai en liña coa nosa estratexia e compromiso cun turismo de calidade, que promova a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna. Como vimos facendo, poñemos o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores deste turismo", explicou Xosé Regueira, quen destacou a atención que desde a Deputación da Coruña poñen no sector agroalimentario: "É a nosa mellor marca turística", asegurou.
'A paisaxe que sabe' conecta as persoas que fan medrar a gastronomía local coa terra, os ríos e o mar que proporcionan esas materias primas
O vicepresidente da Deputación da Coruña estivo acompañado da cociñeira compostelá Lucía Freitas, unha das protagonistas da campaña, que conecta as persoas que fan medrar a gastronomía local coa terra, os ríos e o mar que proporcionan esas materias primas esenciais para construír o sabor das súas comidas. Na carta dos restaurantes de Freitas, A Tafona e Lume, non pode faltar a sardiña de Rianxo e o seu recuncho predilecto é a Praia de Area Maior, en Louro (Muros), así que todo queda na casa.
Para o cocineiro de Narón Adrián Pérez, outro dos protagonistas d'A paisaxe que sabe, o requeixo d'A Capela é un indispensable na súa cociña no Sinxelo, en Ferrol. A cociñeira do Pementa Rosa de Carballo, Rocío Martínez, non pasa sen as vieiras de Ferrol. E Iván Domínguez, do Nado (A Coruña), conta sempre co peixe do día da lonxa coruñesa. Son algúns dos exemplos da importancia dos produtos de proximidade no resultado final da apreciada gastronomía da provincia.
"Non existe un único perfil de visitantes á provincia, si que cada vez máis persoas se achegan buscando un refuxio"
Dez establecementos da Coruña foron distinguidos con Estrelas Michelín para este 2025. O Secadeiro na Serra de Outes e O Balado, en Boqueixón, lograron unha estrela verde cada un pola súa sobresaínte sostibilidade. Cunha Estrela Michelín están o Simpar en Compostela, O Pazo de Padrón, a Árbore da Veira da Coruña, Terra en Fisterra, As Garzas en Malpica de Bergantiños e A Tafona e Casa Marcelo en Santiago. Pola súa banda, o Retiro da Costiña, tamén en Santiago de Compostela, conta con dúas Estrelas Michelín.
O responsable da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, incidiu en que aínda que "non existe un único perfil de visitantes á provincia, si que cada vez máis persoas se achegan buscando un refuxio". Por este motivo, a aposta pola atracción de viaxeiros ten que ser especialmente respectuosa co medio e coas persoas que residen nas vilas e cidades da provincia. "Son turistas que valoran a autenticidade do territorio e a calidade da gastronomía e os destinos", afirmou Regueira.