“Moitas unanimidades dannos unha oportunidade para que Galicia poida facer ben as cousas en Turismo”, asegurou este venres o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo Xosé Regueira nun balance sobre as propostas presentadas na Feira internacional de turismo (Fitur) que se celebra en Madrid, agora aberta ao público xeral, ata o domingo.
O traballo conxunto e colaborativo entre os concellos da provincia da Coruña coa Deputación, e á súa vez co Goberno galego, posibilita que saian adiante proxectos como o dos Fogóns do Anllóns ou do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) 'Fragas do Eume' que a Deputación da Coruña trouxo a esta edición de Fitur, que deixou a pandemia atrás e recuperou a afluencia tanto de destinos como de visitantes, cunha frenética actividade nas xornadas profesionais no posto de Galicia.
“Para nós vir a Fitur con proxectos mancomunados –por dicilo dalgunha maneira– non é unha novidade, nin tampouco con proxectos sostibles”, afirmou Xosé Regueira, que puxo como exemplo o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, no que están implicados unha multitude de concellos “sempre ben coordinados e sen ningún tipo de discrepancia”, ou o proxecto do Cabo Ortegal, do que agarda “que en primavera estea certificado como xeoparque global” polo Comité Executivo da UNESCO.
"É motivo de orgullo que todas as institucións teñamos altura de miras cando hai proxectos moi ancorados no territorio"
“É unha alegría moi grande poder dicir que tamén nos coordinamos coa área de Turismo da Xunta de Galicia. É un motivo de orgullo que todas as institucións teñamos altura de miras cando hai proxectos moi ancorados no territorio, que lle dan protagonismo á poboación e aos sectores locais, e que avancen sen maiores dificultades e cun nivel de implicación altísimo”, salientou o vicepresidente da Deputación.
Un dos retos presentes para calquera formulación turística é o de buscar perfís diferentes de viaxeiros. Xosé Regueira ten claro que a capacidade de aloxamento non é infinita e que a masificación non é o que busca quen vén a calquera parte de Galicia. “Creo que no novo paradigma mundial de turismo pospandemia imos ser competitivos, sempre digo que os galegos e as galegas somos moi autocríticos con nós mesmos, pero comparativamente temos un territorio magnífico que ten capacidade de crecemento sen crear con iso problemas”, asegurou, para destacar que o obxectivo da Deputación que subxace a todo iso é “asentar poboación no rural, dar posibilidades de creación de emprego no medio rural e que a xente volva mirar ao sector primario como un sector no que se pode traballar con moitísima dignidade e xerando beneficios”.
"O reto é saber que turismo imos demandar, a quen imos intentar convencer de que nos veña visitar e a onde os queremos mandar"
A receita que seguen os proxectos que a Deputación da Coruña presentou en Fitur, tanto o máis ligado á gastronomía ao abeiro do río Anllóns como o do plan de sustentabilidade para os concellos que percorre o río Eume, é “que a calidade prime sobre a cantidade”. “Falamos dun turismo amable, onde a xente vai gozar sen sentirse nun territorio turistificado. A provincia da Coruña ten puntos de masificación moi concretos, por iso insistimos en que o obxectivo pendente é medir ben: ata o de agora temos capacidade para medrar, pero non podemos considerar que esa capacidade é infinita”, sostivo.
Para isto, Xosé Regueira considera que o control de fluxos vai axudar. “O reto é saber que turismo imos demandar, a quen imos intentar convencer de que nos veña visitar e a onde os queremos mandar. Nos Fogóns do Anllóns hai moita capacidade para medrar e no plan do Eume temos capacidade para atraer aos concellos pero tamén temos o reto de controlar ese turismo de entrada ás fragas”, debullou o vicepresidente da Deputación coruñesa.