O Consello de Xeoparques da UNESCO propón formalmente a incorporación do proxecto do Cabo Ortegal á rede mundial dependente deste organismo da ONU. A designación debe ser ratificada o vindeiro 24 de maio
O Consello de Xeoparques da UNESCO vén de propoñer formalmente que o proxecto deseñado ao redor do Cabo Ortegal se incorpore á rede mundial de xeoparques en 2023. O Consello celebrou entre os pasados 7, 8 e 9 de decembro unha xuntanza na que avaliou as candidaturas aspirantes, un encontro do que saíron 11 informes favorables, entre eles o galego, que acadou o apoio unánime do organismo dependente da UNESCO.
Xunto ao proxecto galego, incorpóranse á rede de xeoparques da UNESCO espazos situados en Corea do Sur, Indonesia, Irán, Noruega, Brasil, Reino Unido e Grecia, que se unen aos 177 que xa contaban con esta consideración, distribuídos en 46 países. No Estado español había xa 15 xeoparques, un deles en Galicia, o do Courel, que acadou esta distinción no ano 2019.
Xunto ao proxecto galego, incorpóranse á rede de xeoparques da UNESCO espazos situados en Corea do Sur, Indonesia, Irán, Noruega, Brasil, Reino Unido e Grecia, que se unen aos 177 que xa contaban con esta consideración
O proxecto do Cabo Ortegal está impulsado pola a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), do que forman parte os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e que conta co apoio económico da Área de Turismo da Deputación da Coruña. Coñecida a nova da proposta, o presidente da entidade, José Miguel Alonso Pumar (alcalde de Cariño), subliñou que o apoio do Consello de Xeoparques "é o penúltimo paso e o máis importante» para acadar a designación oficial", que debe ser ratificada polo Comité Executivo da UNESCO o vindeiro 24 de maio.
O proxecto está impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e a Deputación da Coruña
O Consello destacou a calidade da candidatura galega, "por tratarse dun ámbito ben delimitado xeograficamente e polo seu alto valor para a comprensión dun dos capítulos da historia do planeta". A proposta do Ortegal foi apoiada polo informe favorable emitido polos avaliadores internacionais Chris Woodley-Stewart e César Goso, que despois de visitar a zona o pasado mes de agosto, sinalaron "a relevancia mundial da xeoloxía da zona, principalmente a relacionada co proceso da Oroxenia Varisca e os afloramentos de rochas procedentes do Manto terrestre xurdidos no Paleozoico -hai arredor de 450 millóns de anos- a raíz da colisión de Laurussia e Gondwana durante a súa integración no macrocontinente Panxea".
A UNESCO salienta "a relevancia mundial da xeoloxía da zona" pero tamén "a espectacularidade da paisaxe, o patrimonio natural, a identidade cultural do territorio -a tanxible e a intanxible, sobre todo a lingüística-, e a implicación social e institucional
Pero, ademais, salientaron "a espectacularidade da paisaxe, o patrimonio natural, a identidade cultural do territorio -a tanxible e a intanxible, sobre todo a lingüística-, e a implicación social e institucional para executar o plan de desenvolvemento sostible definido na candidatura". Woodley-Stewart considerou que o Ortegal é "un lugar fermoso e cun sentido de comunidade marabilloso, a xente valora realmente o que ten aquí. Fíxose un grande traballo para axudarlle a descubrir, gozar e comprender o seu patrimonio xeolóxico, fusionado coa celebración da natureza e da cultura galega. Será un Xeoparque Mundial da UNESCO excepcional, do que a comunidade pode estar moi orgullosa".
A UNESCO subliña a necesidade de que os xeoparques se xestionen "de acordo cun concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento socioeconómico sustentable". As designacións deben ser renovadas cada catro anos
Os xeoparques da UNESCO son parques de gran valor natural, aínda que non só se ten en conta a singularidade do espazo físico ou das formacións xeolóxicas que nel se atopan, senón que se subliña a necesidade de que se xestionen "de acordo cun concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento socioeconómico sustentable". A organización dependente da ONU destaca o seu enfoque "de abaixo cara a arriba", con implicación das comunidades locais e asociado á súa conservación e ao desenvolvemento sustentable. O recoñecemento ten unha duración de catro anos que debe ser renovada para comprobar que o espazo segue cumprindo co respecto ao medio que foi clave a para súa designación primeira.
Alonso Pumar, alcalde de Cariño, destacou que a designación como xeoparque "é un fito histórico que abre grandes posibilidades de desenvolvemento para o noso territorio"
Alonso Pumar, alcalde de Cariño, destacou que a designación como xeoparque "é un fito histórico que abre grandes posibilidades de desenvolvemento para o noso territorio. Seguramente sexa o proxecto de colaboración intermunicipal máis potente e con maior repercusión que se ten levado a cabo na nosa comarca". "Demostramos que desde concellos pequenos, traballando conxuntamente, que é unha das nosas fortalezas principais, podemos conseguir que a nosa zona teña unha relevancia de carácter mundial", engadiu o rexedor
"Demostramos que desde concellos pequenos, traballando conxuntamente, podemos conseguir que a nosa zona teña unha relevancia de carácter mundial", dixo
O alcalde conclúe que "agora comeza o traballo máis duro", consistente en executar unha estratexia "coa máxima participación social" e co principal obxectivo de que a riquísima e excepcional xeoloxía da zona "sexa un motor socioeconómico relacionado co coñecemento, o xeoturismo, a cultura, a posta en valor do patrimonio material e inmaterial e os produtos e servizos de proximidade, sempre sen perder de vista a premisa da sostibilidade".