Este verán tres auditores da UNESCO visitarán os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil para avaliar o proxecto de creación do parque xeolóxico Montañas do Courel, unha iniciativa destas tres localidades que busca converter o Courel no primeiro xeoparque do noroeste peninsular. Os tres concellos presentaron a proposta o pasado mes de novembro e, de momento, o proxecto recibiu a aprobación da comisión española de cooperación coa Unesco e un informe favorable do comité estatal de xeoparques. En maio do 2019 a UNESCO anunciará a súa decisión sobre a designación do Courel como novo xeoparque, un recoñecemento internacional co que xa contan 127 espazos de todo o planeta, 69 deles en Europa e un total de 12 en España. Este ano, ademais do Courel, hai 23 candidaturas en todo o mundo, entres elas a da Serra da Estrela en Portugal e a dos vales septentrionais de Granada.
Que é un xeoparque?
Os xeoparques da UNESCO son espazos con continuidade xeográfica, cun patrimonio xeolóxico notable, que se xestionan de acordo cun concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento socioeconómico sustentable. Destaca o seu enfoque "de abaixo cara arriba", con implicación das comunidades locais e asociado á súa conservación e ao desenvolvemento sustentable. Un xeoparque debe levar a cabo un proxecto de desenvolvemento socioeconómico e cultural a escala local e despois da súa designación é avaliado cada catro anos, podendo perder a súa condición se non cumpre cuns mínimos de conservación e de promoción turística.
Onde hai xeoparques?
Os primeiros xeoparques naceron na década dos 90. Na actualidade hai 127 en todo o mundo (repartidos en 35 países), 69 deles en Europa. En España hai 12, entre os que destacan o Xeoparque de Cabo de Gata-Níjar, o Xeoparque de Serras Subbéticas o Xeoparque de Sobrarbe-Pirineos, o Xeoparque de Costa Vasca, o Xeoparque de Cataluña Central ou o Xeoparque Conca de Tremp-Montsec.
Por que un Xeoparque Montañas do Courel?
Na proposta presentada polos tres concellos o parque incluiría o territorio dos tres termos municipais (577,85 quilómetros cadrados). Destácase a existencia dunha "rica variedade de litotipos, xeoformas, accidentes estruturais e relacións da xeoloxía coa fauna, a flora e o desenvolvemento humano", subliñándose que "o paso da humanidade por esta rexión foi deixando as pegadas de castros, túmulos e minaría con moi notables exemplos dos distintos tipos de explotación e aproveitamento" e que "o paso do tempo xeolóxico deixou pegadas de erosión continuada sobre materiais moi antigos, vestixios de glaciarismo e paisaxes fluviais variadas". Saliéntase igualmente que xa funciona un Museo Xeolóxico en Quiroga "cun gran número de visitas e unha importante colección de elementos locais".
Que elementos concretos posúe?
A proposta presentada inclúe 97 paraxes de valor xeológico e un gran número de elementos do patrimonio histórico e cultural. Destácanse xeositios coma os Altos da Serra do Courel, Alto da Serra e o Alto do Castro ou o sinclinal de Campodola-Leixazós. Tamén covas cársticas coma a Buraca das Choias, o Exokarst Val das Mouras, a Falla de Nogueira, a Fervenza de Vieiros, o Canón do Sil, a Lagoa da Lucenza, a Mina romana da Toca, o Túnel Romano de Montefurado, ademais de elementos etnográficos coma as Alvarizas ou os fornos de cal.