A Executiva da UNESCO acordou este xoves en París declarar as Montañas do Courel Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no primeiro espazo galego que acada esta distinción e no primeiro tamén en todo o noroeste da Península. A candidatura galega comezou a tomar forma hai case unha década e acada o seu obxectivo na primeira ocasión que formalizou oficialmente a soliticitude para acceder a esta categoría.
Convértese no primeiro espazo galego que acada esta distinción e no primeiro tamén en todo o noroeste da Península
Os xeoparques da UNESCO son parques xeolóxicos de gran valor natural, aínda que non só se ten en conta a sigularidade do espazo físico ou das formacións xeolóxicas que nel se atopan, senón que se subliña a necesidade de que se xestionen "de acordo cun concepto holístico de protección, educación e desenvolvemento socioeconómico sustentable". A organización dependente da ONU destaca o seu enfoque "de abaixo cara arriba", con implicación das comunidades locais e asociado á súa conservación e ao desenvolvemento sustentable.
Contan con este recoñecemento internacional un total de 127 espazos de todo o planeta, 69 deles en Europa e 12 en España, entre os que destacan o Xeoparque de Cabo de Gata-Níjar, o Xeoparque de Serras Subbéticas o Xeoparque de Sobrarbe-Pirineos, o Xeoparque de Costa Vasca, o Xeoparque de Cataluña Central ou o Xeoparque Conca de Tremp-Montsec.
Ocupa 578 quilómetros cadrados entre Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil
O Parque Xeolóxico do Courel abrangue un amplo territorio (577,85 quilómetros cadrados) repartido entre tres concellos, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. O pasado verán tres auditores e auditoras da UNESCO visitaron a comarca para avaliar o proxecto. Os responsables da candidatura manifestaron este xoves a súa satisfacción polo logro acadado e unha certa sorpresa por teren conseguido o seu obxectivo no primeiro intento, cando outros proxectos deben agardar anos para ser recoñecidos con esta distinción. Os tres concellos subliñan a importancia de seren incluídos nesta lista internacional e o gran potencial turístico e de apoio á protección da contorna que este nomeamento ten para o Courel.
O Xeoparque do Courel
Na candidatura presentada destacábase a existencia dunha "rica variedade de litotipos, xeoformas, accidentes estruturais e relacións da xeoloxía coa fauna, a flora e o desenvolvemento humano", subliñándose que "o paso da humanidade por esta rexión foi deixando as pegadas de castros, túmulos e minaría con moi notables exemplos dos distintos tipos de explotación e aproveitamento" e que "o paso do tempo xeolóxico deixou pegadas de erosión continuada sobre materiais moi antigos, vestixios de glaciarismo e paisaxes fluviais variadas.
A proposta aceptada inclúe 97 paraxes de valor xeolóxico e un gran número de elementos do patrimonio histórico e cultural
A proposta aceptada inclúe 97 paraxes de valor xeolóxico e un gran número de elementos do patrimonio histórico e cultural. Destácanse xeositios coma os Altos da Serra do Courel, Alto da Serra e o Alto do Castro ou o sinclinal de Campodola-Leixazós. Tamén covas cársticas coma a Buraca das Choias, o Exokarst Val das Mouras, a Falla de Nogueira, a Fervenza de Vieiros, o Canón do Sil, a Lagoa da Lucenza, a Mina romana da Toca, o Túnel Romano de Montefurado, ademais de elementos etnográficos coma as Alvarizas ou os fornos de cal.
Ademais, nos últimos anos os tres concellos foron desenvolvendo diversos elementos e iniciativas que axudaron ao recoñecemento da Unesco. Destacan, por exemplo, a creación dun Museo Xeolóxico en Quiroga, o deseño e creación de varios miradoiros e, igualmente, a sinalización e difusión de varias rutas de sendeirismo.