En máis da metade dos concellos un dos dous festivos locais é o Martes de Entroido
Un clásico en vésperas de moitas xornadas festivas é preguntarse se ese día feriado atinxe ou non a determinado concello. A pregunta respóndese consultando a resolución que a Consellería de Emprego publica cada ano coa recompilación dos festivos locais que decide cada goberno municipal.
No ano 2026 a resolución que rexe é a ditada o pasado 21 de outubro e publicada este día 30 no Diario Oficial de Galicia. Para evitarche teres que acudir ao DOG cada vez que precises confirmar un festivo local, plasmámolos todos sobre o mapa. Preme no concello que precises para consultares onde hai festa durante todo o ano vindeiro.
Aos dous días festivos que decide cada concello -en máis da metade un deles é o 17 de febreiro, Martes de Entroido- engádense tres de ámbito galego e nove que rexen en todo o Estado. O ano vindeiro os galegos son o Xoves Santo, que cadra o 2 de abril, o 24 de xuño polo San Xoán e o Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo. Desta volta o San Xoán é festivo galego e non local nos concellos con máis tradición desta festa porque o Día das Letras Galegas cadra en domingo, o que permite ao Goberno galego substituír o feriado do 17 de maio polo do 24 de xuño.
Os festivos estatais son os habituais. Comezan polo Aninovo e Reis e continúan o 19 de marzo, con San Xosé. O Día do Traballo, 1 de maio, o festivo de ámbito estatal e tamén o son o 15 de agosto e o 12 de outubro. Na habitual Ponte da Constitución o 6 de decembro será domingo, polo que o festivo estatal é só o 8 no mesmo mes no que o Día de Nadal é tamén festa laboral.