Fragas do Eume: un destino "responsable" para quen viaxa á procura do auténtico

Espazo natural das Fragas do Eume © Deputación da Coruña

“Atreveríame a dicir que se temos que facer unha lista de imprescindibles que visitar en Galicia, sen dúbida, o Parque Natural das Fragas do Eume estaría en calquera posición”, asegurou o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, na presentación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) 'Fragas do Eume' este xoves no marco da Feira internacional de turismo (Fitur) en Madrid.

“Temos a responsabilidade de facer un chamamento a un perfil turístico que teña como meta final a responsabilidade e o compromiso coa sostibilidade e co respecto ao medio ambiente. Con este plan temos o reto de conseguir que o bosque atlántico mellor conservado de Europa sexa, ademais dun espazo delicado e altamente vulnerable, tamén un espazo que aporte recursos turísticos aos territorios”, explicou Regueira nun ateigado posto de Turismo de Galicia.

Presentación do Plan de sustentabilidade turística en destino ‘Fragas do Eume’ en Fitur © Deputación da Coruña

"Facemos un chamamento a un perfil turístico que teña como meta final a responsabilidade e o compromiso coa sostibilidade e co respecto ao medio ambiente", salientou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na presentación do plan de sustentabilidade turística dos municipios unidos polo río Eume

Este plan tratará de centrarse en artellar os fluxos turísticos, ofrecer alternativas de mobilidade sostible e, sobre todo, en deixar retorno nos diferentes municipios que forman parte do territorio do Eume. O río, que se fixo escoitar como un latexo desde a capital do Estado, une os concellos da Capela, Cabanas, Pontedeume, Monfero e As Pontes de García Rodríguez, que levan varios anos traballando da man da Deputación da Coruña e co apoio da Xunta para darlle forma a este proxecto.

Garantir a preservación do capital natural é a base deste proxecto que contempla intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio, incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e diversificar a oferta no ámbito turístico. Así, van pór en marcha aparcadoiros disuasorios e servizos de alugueiros de bicicletas, van desenrolar apps de autoguía, crear unha rede de miradoiros e deseñar rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna, entre outras accións.

Na presentación salientaron que é posible apostar "por un turismo comprometido co medio ambiente e coa sociedade local"

A delegada territorial da Xunta en Ferrolterra manifestou que o plan está “orientado a que o turismo sexa o motor da recuperación e do impulso do conxunto do tecido socioeconómico do territorio e un revulsivo para a súa economía”. Martina Aneiros avanzou que se porán en marcha novas infraestruturas turísticas “sostibles e adaptadas á contorna e á xestión dos fluxos turísticos”. “Podemos destacar a instalación de bungalós flotantes e cabanas no bosque de Monfero así como a creación de rutas deportivas, etnográficas e patrimoniais”, trasladou, facendo fincapé en que se dotará a zona de servizos para que o vehículo privado non sexa o protagonista, facilitando o uso de bicicletas eléctricas.

O valor engadido dos territorios polos que percorre o río Eume posibilitou esta unión que é moito máis que xeográfica, como explicitou o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, quen salientou que é posible apostar “por un turismo comprometido co medio ambiente e coa sociedade local” co que pór en valor a “riqueza natural, paisaxística, cultural, etnográfica e gastronómica” da comarca. “Ao mesmo tempo, queremos seguir contribuíndo a que o turismo sexa un vector de xeración de riqueza e de oportunidades de emprego”, apuntou.

Vídeo promocional do Plan de sustentabilidade turística en destino ‘Fragas do Eume’ presentado pola Deputación da Coruña en Fitur

Desde Cabanas, onde a fraga faise mar, que acolle praias tranquilas de area branca, onde se pode gozar da gastronomía local e practicar deportes náuticos e, á vez, é a porta ao corazón máis salvaxe das Fragas do Eume, seguimos apostando por crear un produto de valor colaborando co sector turístico local para seguir avanzando na descentralización xeográfica e na diversificación da oferta e, sobre todo, en conseguir atraer visitantes todo o ano. Somos o destino para quen viaxa en busca do auténtico”, afirmou Iago Varela.

 "Crear un destino singular, integrado e responsable; un turismo de experiencias que non ten outro segredo que o de sentir o latexo do Eume"

Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, evidenciou que “é obrigatorio innovar” e celebrou que este plan “aposta forte polos nosos recursos e polo noso patrimonio co obxectivo de mellorar o benestar, progreso, crecemento e sostibilidade do noso territorio a través dunha aposta firme e sólida polos nosos recursos, o noso patrimonio e a nosa diversidade”. Vázquez explicou que se “esvaeron” os marcos dos diferentes concellos para traballar conxuntamente e “transformar o desenvolvemento do turismo nun turismo de desenvolvemento”.

Ese “esforzo compartido” tamén o destacou a concelleira de Turismo de As Pontes, Elena López, quen incidiu no traballo que están a levar a cabo para “crear un destino singular, integrado e responsable; un turismo de experiencias que non ten outro segredo que o de sentir o latexo do Eume, un latexo que vai ao compás dunha nova realidade para impulsar un territorio único cheo de oportunidades”. Ese latexo do río é o fío condutor da peza audiovisual que acompaña estas liñas e que se presentou en Fitur para compartir os principais atractivos da zona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.