- 🟪🟧🟦EN VINTE | 📺 Vinte en Vilagarcía - Onde a xente se coñece e (aínda) saúda pola rúa
- 🟪🟧🟦EN VINTE | 📺 Vinte almorzando con Mondra
- 🟪🟧🟦EN VINTE | "A Duendeneta é vivir dentro dun corazón no que latexa a música e iso engancha"
- 🟪🟧🟦EN VINTE | Filloas: "A miña música é máis xeracional do que eu pensaba"
Moitos dos nomes máis destacados da escena musical galega como The Rapants, Baiuca ou Mondra conviven nos palcos do festival arousán con históricos como Fermín Muguruza, Lendakaris Muertos ou Riot Propaganda
Queda menos dunha semana e Vilaxoán xa arrecende a Revenidas. Aínda que en realidade nunca deixa de facelo. O veterano festival, cuxo nome e espírito nace das afamadas sardiñas deste lugar vilagarcián, pon a punto os escenarios para case medio cento de actuacións musicais do xoves 11 ao domingo 14 de setembro no que volve ser moito máis ca unha mera sucesión de concertos.
Moitos dos nomes máis relevantes da escena galega actual van pasar por Vilaxoán neses días. The Rapants, Baiuca, Mondra ou Filloas son só algunhas mostras. Canda eles, nomes consolidadísimos no noso país e fóra del, nalgúns casos xa case co adxectivo "históricos" canda eles: Fermín Muguruza, Lendakaris Muertos, Heredeiros da Crus ou Riot Propaganda subirán aos palcos principais, entre os que tamén bourarán os sons de picadiscos coma os Galician Army ou Yaya Dj e mais a festa que sempre acompaña á Duendeneta.
Pero hai moito máis. Outra das marcas da casa, os concertos a bordo, prepárase para sucar a ría de Arousa o sábado 13 e o domingo 14 a bordo do barco Chasula acompañados de pequenos recitais de luxo. Unha ducia de persoas terán a fortuna de escoitar a bordo a Uxía, Xisco Feijóo, O Rabelo, Dakidarría, Budiño e Xabier Díaz en "acustiquísimo".
A sardiñada popular "segue sendo o epicentro" desta confluencia de música e "tradicións mariñeiras" que segue a ter como sinal de identidade o compromiso social e xeral e co pobo palestino en particular cunha nova edición da Gala de Circo Solidaria
E todo, por suposto, acompañado das sardiñas. A sardiñada do domingo 14 "segue sendo o epicentro" do festival, explicaba este pasado xoves o director e organizador de Revenidas, Xoán Quintáns, na presentación institucional do evento. Nesta edición de 2025 calcula que asarán uns mil quilos "das mellores sardiñas do mundo" no que segue querendo ser unha. confluencia de "tradición, cultura e música, unha experiencia que busca poñer en valor as nosas tradicións mariñeiras".
A tarde do domingo acolle o que tamén é outro dos sinais de identidade do Revenidas: o compromiso social en xeral e o compromiso cos dereitos do pobo palestino en particular. A Gala de Circo Solidaria, con entrada de balde pero con achegas voluntarias para axuda a Palestina, xunta no parque Dona Concha a Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés.
"Poucos eventos están tan apegados a un territorio coma o revenidas", resume o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen gaba o "cariño especial" do festival "pola música galega e pola cultura mariñeira". Neste sentido, o rexedor destaca que o mércores 10, na previa do inicio do festival, Xurxo Souto achegará a concorrencia ao territorio a través do roteiro Redescubre Vilaxoán. "O Revenidas -agrega o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López- converte estes días a Arousa na capital da cultura galega".