"É o meu disco máis animado, o concepto de Barullo era o de pensar sempre nunha festa. Inspireime moito en sentir a xente bailando"
Barullo é o terceiro disco de Baiuca e poderá escoitarse enteiro a partir do 27 de setembro. Dez cancións que convidan con máis forza a levar as foliadas ás pistas de baile. Alejandro Guillán (Catoira, 1990) móstrase satisfeito co resultado final dun proceso de máis de tres anos desde a saída de Embruxo, sempre sen parar de facer concertos por todo o mundo.
O festival Noites do Porto da Coruña é a cita escollida para presentar este agardado LP xusto ao día seguinte da súa estrea, será o sábado 28 compartindo cartel con Carlangas e Los Cubatas. Guillán avisa de que será un concerto “moi especial” no que tocará temas que aínda non fixo nunca en directo, aproveitará a presenza de Carlangas para estrear o tema Monte Viso –no que volven colaborar tras o éxito de Fisterra– e contará coa participación en directo de Rodrigo Cuevas, entre outras sorpresas. “Que a xente se veña á Coruña porque non creo que vaiamos ter máis concertos en Galicia ata o ano que vén”, anima o músico e produtor.
Barullo, este é o disco con máis ruído de Baiuca?
É o meu disco máis animado, o concepto de Barullo era o de pensar sempre nunha festa. Inspireime moito en sentir a xente bailando. Sempre tiven presente esa sensación do público bailando os meus temas, pero agora quería sentirme aí, como no medio da xente gozando dese barullo. Estar pegado á xente, bailar e interactuar. Moitas das letras xiran entorno a esta idea.
Aínda así, tampouco quería facer un disco moi conceptual, viña de facer Embruxo que si tiña unha conceptualidade moi clara e definida en todos os aspectos e aquí, en cambio, vin que tiña dous ou tres temas que podían encaixar como un conxunto e tirei por aí sen buscar unha conceptualidade para todo o disco. Ao final, como moitos dos temas son con ritmos máis rápidos, cheguei á idea de que as letras tivesen a temática que teñen. Desta maneira saíu un disco con moitos sinxelos, cada tema ten sentido por si mesmo. Por iso tamén quixen que o lanzamento fora durante todo este ano, quixen darlle tempo a cada tema. Sacamos cinco temas xa, e estes días cando volvín escoitar o disco enteiro sentín que os outros que quedan tamén son temazos. Non sei, estou moi contento por escoller este camiño sen angustiarme por atopar un concepto para toda a música do disco.
Agora que volveu escoitar o disco enteiro xa rematado, cal diría que é a idea transmite?
É o disco máis electrónico que fixen ata agora, o disco máis de baile e con ritmos máis rápidos, e que creo que mellores cancións ten. Á xente poderá gustarlle máis ou menos, haberá quen prefira máis os sons de antes, pero para min no global é o mellor. É o disco máis de club, pero non me afasto da idea pop de incorporar voces e melodías. As estruturas dos meus temas non son as estándar do pop, xogo un pouco máis a que a xente goce tamén dos ritmos, pero si que están presentes as voces. Salvo Ribeirana e Barullo, hai máis temas melódicos. Despois de facer un disco moi salvaxe e moi tribal, como era Embruxo, apetecíame volver á idea de temas máis tipo Fisterra, pero con ritmos máis potentes.
As voces femininas volven destacar, segue a colaborar coas Lilaina e incorpora a Antía Ameixeiras (que fai parte do dúo Caamaño&Ameixeiras).
A idea do disco xurdiu cando comecei a colaborar con Antía Ameixeiras, dinme conta de que xa tiña uns temas que me gustaban. Empecei a traballar con ela e con Lucas de Centi (Néboa, Mocho Gris) e cando xa estabamos con dous temas comenteilles que para mis podía ser o inicio dun novo disco. Isto foi en 2022 e a partir de aí xa comecei a traballar con esa idea, moitos temas quedaron polo camiño e supoño que algúns aínda os sacarei.
"Apetecíame probar a achegar a muiñeira a uns sons máis africanos e o resultado é incrible", di sobre o tema 'Ribeirana'
Menciona o tema Ribeirana, como chegou a esta nova interpretación dunha muiñeira tan especial coma esta?
Foi un traballo de adaptar o ritmo da muiñeira ao da música de club, xogando con onde colocar os elementos rítmicos. Foi un proceso moi chulo e de novo contar coas voces incribles de Andrea e Alejandra (Lilaina). Ademais, a segunda parte do tema mestura ritmos marroquís. Apetecíame probar a achegar a muiñeira a uns sons máis africanos e o resultado é incrible.
Este disco, ao facelo con tempo, permitiume ir probando temas en directo para ver cales podían funcionar mellor. Dende a primeira vez que tocamos Ribeirana en directo souben que funcionaba moi ben. A idea inicial non era que fora un dos sinxelos, pero despois de ver a reacción da xente dinme conta de que tiña que selo. Nos directos é dos que máis me gusta ver a reacción da xente, pasa en calquera sitio ademais, non só en Galicia, tamén en Alemaña ou Italia.
Iso é o interesante, non? Que seus os temas non funcionen só en Galicia.
Sempre foi a miña idea: exportar as nosas músicas e a nosa cultura a outros lugares. Non ter a necesidade de adaptar o que temos en Galicia a fóra, senón mostrar toda esa forza, toda esa parte salvaxe que temos, e ver como a recepcionan fóra.
"Non é preciso forzar nada, o propio éxito cultural é o que provoca que a xente se sinta apegada e con ganas de impulsar a nosa cultura"
Cre que esta actualización da música tradicional, que lidera co proxecto de Baiuca, está a traer consigo tamén unha resignificación?
O que vexo é que xera orgullo galego e un sentimento de volver a algo co que algunha xente puido desconectar nun momento. A actualización pode pasar por mellorar como soa ou os instrumentos que empregas, pero non podes mudar a esencia de como se fai a música tradicional. Si que podes coller esa música tradicional e levala a un ambiente de pop ou do que queiras. Moitas veces empréganse elementos doutros lugares do mundo en calquera estilo e a min interésame esa idea: por que non podemos utilizar elementos que temos en Galicia para facer música que poida ser pop, electrónica ou de masas? Si que vexo o orgullo da xente, cando un proxecto así triunfa e ves os concertos cheos de xente tanto aquí como fóra fai que volvas ter esa gana de tocar se hai tempo que non facías, a xuntarte con xente ou a recuperar as músicas que había tempo que non escoitabas.
Ao final, todo é positivo para que a música galega estea moito máis presente en Galicia e que se coñeza fóra. O mesmo que pasa co idioma, creo que unha das ferramentas máis útiles para que o idioma teña máis forza é darlle prestixio: ver que música en galego é escoitada por xente que non fala galego é unha maneira de fomentar ese prestixio. Non é preciso forzar nada, o propio éxito cultural é o que provoca que a xente se sinta apegada e con ganas de impulsar a nosa cultura. Necesitamos xente que crea nesta idea, que saian músicos, cineastas, influencers ou o que sexa... xente que o faga de maneira natural para que o resto da poboación vexa un exemplo positivo aí.
Que lle aporta compartir o escenario con outros artistas?
Dende o principio vin que poder agregar músicos ao directo permitíame chegar a escenarios máis potentes. O que eu aporto é un aporte de produtor e nos meus discos, e en Barullo en concreto, hai un traballo colaborativo con artistas para que me aporten esa parte na que eu non destaco, por así dicilo. A verdade é que estou moi contento coa banda que levamos en directo, Antía Muíño xa está vindo a case todos os bolos deste ano porque cada vez teño máis temas melódicos e precisaba dunha persoa que puidera cantar eses temas. A súa evolución foi incrible, cada vez que Antía sae ao escenario cómese o público; para min é unha das grandes artistas da música galega agora mesmo. O traballo con Xosé Lois Romero, Andrea e Alejandra é moi bonito, xa levamos moito tempo facendo temas xuntos e seguir facéndoo é moi divertido: aí está o resultado de Ribeirana.
Neste Barullo contou ademais con colaboracións na parte de produción, como foi?
Apoieime en xente de confianza, que para min é básico en cada disco. Con Sergio Pérez levo traballando dende o comezo e apóiome nel para conseguir mellores resultados. Creo que este é o disco que mellor soa de todos os que fixen ata agora e iso tamén é grazas a el. Con Anxo Ferreira (ex Novedades Carminha, Sen Senra) apetecíame moito traballar porque hai moitos anos que nos coñecemos, fomos compañeiros de piso nunha etapa na que só falabamos de música e tiña ganas de xuntarme con el, e a verdade é que me aportou cousas moi interesantes para saber como traballar as voces e abrir a mente.
É esencial manter a independencia para que poidan existir estas colaboracións e que haxa tempo para traballar os discos?
Este é un proxecto súper independente. De feito este disco quería sacalo hai un ano, pero diferentes circunstancias, como ter a varíola por primeira vez con trinta e catro anos, foron atrasando a data de presentación. Sen esa independencia e capacidade de decisión sobre o meu proxecto non podería ter sido así. Se tivese que facer o disco de maneira máis apresurada non acabaría conseguindo os temas que teño. O traballo que lle din a cada tema, escoitándoos moito, probándoos en directo... Iso leva tempo. Ver como funcionaba PAEQB [Por amar e querer ben] en directo fíxome sentir que tiña que ser o primeiro sinxelo do disco, despois pasoume o mesmo con Ribeirana, pero houbo outros temas que fun probando e quedaron fóra do disco. Ese tempo que lle din foi positivo para o resultado final.
"Sempre tiven claro que non quería repetir patróns, os meus tres discos soan a min pero son diferentes porque quería que fosen así"
Confirma a idea de que o ben máis prezado que temos agora mesmo é o tempo.
Si, si. Eu teño a sorte de que lle podo adicar tempo aos discos. Embruxo saíu tres anos despois de Solpor e Barullo sae un pouco máis de tres anos despois de Embruxo. Entre medias houbo moita música, pero eu preciso poder sentir un LP como un fillo. Se non estás orgulloso do teu disco, a min faríaseme moi duro. Estou súper contento co resultado, é certo que lle dediquei moito tempo, pero agora podo escoitalo e non me aburre. É unha das claves, sempre intento que o primeiro ouvinte que sexa fan da miña música sexa eu mesmo.
Hai silencio algunha vez na súa cabeza?
Si que intento ter momentos de desconexión coa música, non sei se chego a ter silencio, pero si que me dou tempo para volver a ter ideas novas e visualizar algo diferente. Por iso tamén os procesos son longos, porque preciso ter un chip novo. Sempre tiven claro que non quería repetir patróns, os meus tres discos soan a min pero son diferentes porque quería que fosen así. É moi complexo desconectar, porque sempre estou pensando en música, pero recoñezo que me axuda a ter ideas novas. Os procesos de busca de sons e ritmos, e de voces, é do que máis me gusta facer.
Neste punto, séntese pioneiro?
O que non sei é o que pasaría se non existira eu, se todos os proxectos que viñeron despois sairían igual se eu non fixera a música que fago. Cando empecei con Baiuca non había moitas propostas que apostaran por levar a música galega a outros ámbitos e agora creo que si, sobre todo máis tirando ao pop. Eu tiven claro que quería abrir as mentes da xente para que viran que coa música galega podíase chegar lonxe e ese obxectivo cumpriuse.