Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, Caamaño&Ameixeiras, apostaron forte no seu segundo disco, Quitar o aire, e optaron polo carreiro máis inesperado, por explorar os instrumentos que as trouxeron ata aquí –o violín e mais o acordeón– seguindo as súas propias normas. Buscaban outro punto de vista sobre os sons tradicionais e sobre as preocupacións da sociedade que as rodea, unha travesía que vinculan co seu propio proceso de madurez, tanto como mulleres como músicas. Este venres tocan no Club Clavicémbalo de Lugo, o sábado 27 estarán no Liceo de Ourense e o 15 de febreiro actúan no centro Tradicionàrius en Barcelona. Este ano e o vindeiro van tocar moito por Europa, comezando na primavera por Austria, Bélxica e Alemaña, a raíz da súa participación no Womex celebrado na Coruña.
Quitar o aire ten unha sonoridade distinta, un tratamento dos instrumentos diferente ao do voso primeiro álbum. Foi algo premeditado?
Sabela Caamaño: É máis experimental, se se pode chamar así, un pouco máis arriscado en sonoridade. Experimentamos cos instrumentos e intentamos explotar os seus recursos, enfocándoo desde unha perspectiva menos convencional, para que nun momento dado que non pareza que son un acordeón nin un violín.
Antía Ameixeiras: Penso que fixemos máis un exercicio de exploración do noso instrumento para sacarlle outras cousas que non había no primeiro disco, tamén pasa nas voces. Houbo moito auto-exploramento de nós como músicas.
"Seguimos xerando a nosa linguaxe persoal e coidamos de ir adecuándonos a unha á outra", explica Antía Ameixeiras
Pedíavolo o corpo tras tantos concertos –incluso antes de sacar fisicamente o primeiro disco, Aire!– iso de experimentar?
Sabela: Realmente tampouco foi algo intencionado, pero supoño que si, que tiñamos necesidade de evolucionar cara a algún lado.
Antía: E buscar un son propio, tamén. Ímolo conseguindo, cada vez máis, por culpa da madurez de cada unha. Seguimos xerando a nosa linguaxe persoal e coidamos de ir adecuándonos a unha á outra, e neste disco estamos moi contentas con ese resultado.
Que buscades con este disco en canto á temática? Porque hai un fío condutor nestas cancións que son os rituais.
Sabela: Si, hai un leitmotiv que son os ritos populares galegos. Todo partiu do rito de quitar o aire, pola nosa relación coa Costa da Morte, onde aínda está bastante vivo hoxe. Isto foi a punta do iceberg que descubrimos xunto a Rafa Quintia, que é un antropólogo co que estivemos facendo un traballo de investigación para documentarnos. Ese universo tan rico e interesante fascinounos, así que decidimos ampliar as nosas miras e falar de ritoloxía popular como inspiración para despois compoñer.
Antía: Os ritos, igual que a música de raíz, son un patrimonio inmaterial que temos e que é riquísimo. E non coñecemos tanto este mundo.
"A nosa xeración achégase aos ritos desde outro punto, con respecto e valoración", sinala Sabela Caamaño
Quizá a vosa xeración é a que está máis lonxe dos ritos.
Sabela: É un mundo que nós miramos desde outro lado, xa non pertencemos á sociedade que creou toda esta ritoloxía e que participou dela, e que a utilizou, que sería como a xeración das nosas avoas ou bisavoas. É verdade que na xeración anterior á nosa houbo unha especie de ruptura con todo este mundo por consideralo atrasado, houbo un choque co pensamento científico e máis racional. Pero a nosa xeración xa se achega aos ritos desde outro punto, con respecto e valoración.
Achegádevos a estes ritos tamén desde unha óptica de mulleres de hoxe, botando a un lado o paternalismo que hai en moitos deles.
Antía: Intentamos facelo todo en clave de xénero, sempre, e evitar o paternalismo que está na sociedade e que se interpón entre nós.
Sabela: Si, tratamos de traer ese mundo ao momento actual, incorporando a visión e as necesidades da sociedade de agora. Os ritos son unha escusa para falar de temas que nos apetecían, que son universais, que preocuparon o ser humano desde sempre e que son centrais: como o amor, o erotismo, a morte, etc.
"Este disco paréceme unha das grandes aprendizaxes da miña vida, en parte grazas ao Hevi", di Antía Ameixeiras
É un disco máis erótico?
Antía: Si, sobre todo porque hai un tema dedicado ao rito sexual por excelencia, que se chama “A pequena morte” –la petite mort, que vén sendo filosoficamente o orgasmo– copiando un pouco ás coplas tradicionais que, falando con segundas intencións, chegaban a ser un pouco cochas. Había toda unha linguaxe enxeñosa, coñecida por todo o mundo, para referirse a cousas sexuais.
Sabela: Era xa un código e nós tamén queriamos homenaxear esas coplas. Parécenos moi divertido e, á vez, queriamos atrevernos a falar de cousas das que normalmente non se fala tan abertamente.
O disco está producido polo Hevi (Malandrómeda), por que pensastes nel e que vos aportou?
Antía: Foi unha recomendación de Lucas de Centi (Néboa), que é amigo noso, e sempre nos dicía que tiña que ser o noso produtor. Quedamos con el, ensinámoslle as nosas ideas e apeteceulle moito traballar con nós. E grandísimo momento, porque foi unha terceira pata do grupo para este disco. Aprendemos moitísimo con el e del no proceso. Este disco paréceme unha das grandes aprendizaxes da miña vida, en parte grazas ao Hevi.
Sabela: Foi inspirador a moitos niveis. O seu plantexamento sobre a música, pero sobre a arte en xeral, foi esencial. Resultou clave para este disco e para ese traballo de auto-exploración do que falabamos antes.
"Gustaríanos ter máis tempo para saborear o proceso no seguinte disco", avanza Sabela Caamaño
Na composición contades coa colaboración de Alba María, como foi o traballo con ela?
Antía: Foi un traballo moi colaborativo, como co Hevi. Alba é unha persoa súper especial e creativa.
Sabela: Conectamos moi ben con ela tanto na forma de traballar como nas ideas.
Antía: Ademais ela, como é regueifeira, ten unha axilidade mental e unha capacidade enorme para improvisar. O que faciamos era quedar as tres, tomar uns viños e picar algo, e ela ía soltando ideas.
Sabela: As letras do disco foron creadas nos bares.
Antía: Como Valle-Inclán.
Sabela: É que quedabamos expresamente nos bares, iamos coa libretiña.
Antía: E a pelexarnos coas palabras.
Sabela: Sabiamos que se non era así, xuntas e con ese ambiente, todo ía ser máis lento e tedioso.
Ata que punto foi difícil facer o que queriades neste álbum? Xa non digamos economicamente, senón dispoñer do tempo para crealo.
Antía: É un disco totalmente pagado cos nosos aforros así que non nos podiamos permitir deixar de facer concertos. Compaxinar os directos coa gravación foi moi estresante, durante varios meses teño a sensación de que non tivemos máis vida.
Sabela: Foi moita presión e tamén unha proba a moitos niveis, pero finalmente estamos contentas co resultado.
Antía: Saímos ilesas.
Sabela: Gustaríanos ter máis tempo para saborear o proceso no seguinte disco.
"Creo que fóra se valora máis a música como un produto cultural valioso polo que paga a pena pagar", destaca Sabela Caamaño
Agora mesmo as dúas vivides da música como profesionais, manterse así custa moito?
Sabela: Estamos bastante contentas coa evolución do proxecto, aínda que sempre queres máis: máis repercusión, máis concertos, mellores condicións... Pero sabemos que o noso non é un produto mainstream e o noso público obxectivo tampouco o é. Aínda así, estamos facéndonos un oco no panorama musical galego e estamos ben posicionadas.
Na primeira entrevista en Praza.gal destacabades que había que educar o público para que sinta orgullo e apego pola música do país, avanzouse nisto?
Antía: Con todo este boom Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Mondra houbo un crecemento na nosa autoestima cultural como pobo. É marabilloso. Creo que por aí estamos perseguindo obxectivos moi moi bos, pero por outra parte si que me segue parecendo que hai que educar o público en canto a escoitar con atención e valorar a música. Que se deixe de concibir a música só como un ocio. Fáltame a atención que si que vemos cando tocamos fóra.
Sabela: Falta educación da sociedade como público, como consumidora de música. Comezando pola apreciación dos músicos e músicas como profesionais. Creo que fóra se valora máis a música como un produto cultural valioso polo que paga a pena pagar.