Este mércores inaugurouse na Coruña a edición 2023 do WOMEX, o evento musical para profesionais máis importante do mundo e que reúne estes días na cidade máis de 3.000 persoas. O acto de apertura, no Pazo da Ópera, contou coas intervencións do director de WOMEX, Alex Walker; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC, Jacobo Sutil; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Este mércores inaugurouse na Coruña a edición 2023 do WOMEX, o evento musical para profesionais máis importante do mundo e que reúne estes días na cidade máis de 3.000 persoas
Na súa parte artística o evento estivo marcado pola pegada de Picasso na cidade herculina, no ano no que se conmemora o 50 aniversario do falecemento do pintor e no día no que se celebraba o 142 aniversario do seu nacemento. O espectáculo Resounding Picasso. Celebrating The Master’s Journey contou coas actuacións de Niño Josele, Caamaño&Ameixeiras, Karmento e Tarta Relena, catro formacións dos catro lugares que serviron de inspiración para a súa obra: Málaga, A Coruña, Castela-A Mancha e Barcelona.
En cada edición milleiros de persoas relacionadas coa música de raíz, étnica, tradicional, jazz, sons urbanos e electrónicos ou o folk danse cita nunha cidade de relevancia para apoiar e fortalecer o papel da cultura no mundo así como difundir os seus valores ao tempo que se promove a creatividade e a música. O pasado ano o Womex celebrouse en Lisboa e anteriormente fixérao en Porto, Budapest, Tampere, Las Palmas ou Compostela (2014 e 2016).
Palexco, Pazo da Ópera, o Parrote, o Teatro Colón e o Rosalía de Castro, a Sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca de Galicia acollerán ata este domingo un gran número de actuacións de artistas nacionais e internacionais, así como máis dunha decena de documentais e actividades para apoiar e visibilizar diferentes culturas do mundo. Ademais, hai 250 postos nos que a xente poderá coñecer a preservación e promoción de varios estilos e xéneros musicais de países como España, Bélxica, Estados Unidos, Dinamarca, Francia, Italia, Líbano, Polonia, Bosnia Herzegovina, Finlandia, Mali, Sudáfrica, Portugal, Venezuela, Uganda, Senegal, Reino Unido, Canadá, Ghana, Colombia ou Siria, entre outros.
Palexco, Pazo da Ópera, o Parrote, o Teatro Colón e o Rosalía de Castro, a Sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca de Galicia acollerán ata este domingo un gran número de actuacións de artistas nacionais e internacionais
No acto deste mércores Inés Rey destacou que “a cidade de A Coruña e este evento que é WOMEX compartimos a mesma idea de globalismo, pois somos unha das poucas cidades enclavadas en mar aberto, o que nos dota dunha mirade especial e aberta ao mundo”. A rexedora engadiu que “esta cita segue consolidando a nosa cidade como unha referencia na organización de eventos culturais non só en España, senón tamén en Europa. E proba disto é precisamente a multiculturaridade que podemos apreciar estes días nas rúas e espazos coruñeses, onde xente de diferentes parte do mundo gozan da cultura en todo o seu significado”.
Citas a non perder
Unha vez superada a cerimonia de inauguración, este xoves comeza de verdade o Womex, tanto na súa parte profesional como no que atinxe á programación de concertos para o público xeral, unhas 40 actuacións cuxas entradas se poden adquirir en enterticket.es, que ofrece tres tipos de pases: o Showcase Festival Pass (válido para todos os concertos nocturnos en no Teatros Colón, Teatro Rosalía, O Parrote, Pelícano e Palexco; o Pelícano & Parrote Stage Pass, válido para todos os concertos destes dous escenarios; e o Programa de Cine Público Womex 23, que terá lugar na Filmoteca.
1 - Entre os concertos máis destacados deste xoves están os que no Teatro Colón ofrecerán Mouvman Alé, Ánnámáret e Livia Mattos, artistas procedentes de lugares tan dispares coma Reunión, Finlandia e Brasil. Destacamos especialmente a Ánnámáret: orixinaria dunha familia sámi de pastores de renos do extremo norte de Finlandia e Noruega, Ánnámáret encarna a antiga tradición do yoiking sámi, invocando os espíritos ancestrais do mundo natural e das persoas cuxa supervivencia dependeu dun profundo respecto polo seu medio ambiente.
2 - Tamén esta noite, neste caso no Teatro Rosalía, a canaria Valeria Castro, que a pesar da súa xuventude está a impactar fortemente na escena musical do Estado nos últimos meses. Á súa actuación seguirán as de Magalí Sare & Manel Fortià e Neomak.
3 - A Sala Pelícano acolle esta noite a homenaxe que dende Alxeria ofrecen Souad Asla, Samira Brahmia, Hadjla, Nawel Ben Kraiem a Cheikha Rimitti, pioneira do raï.
4- O venres o Teatro Colón acolle os concertos de Danûk, Aleph Quintet e Teo Collori & Momento Cigano, procedentes do Kurdistán, Bélxica e Eslovenia. Danûk é un conxunto de graduados en música e belas artes fuxira da guerra en Siria; buscaron revivir unha conciencia colectiva da súa terra natal, explorando gravacións fonográficas de folclore kurdo e cancións de voda, conservadas en cilindros e discos de cera durante máis dun século en arquivos institucionais de Berlín e Viena.
5 - O venres pola noite Baiuca levará a música galega ao Parrote, que se converterá nun Campo da Festa tralas actuacións de 79rs Gang e Widad Mjama & Khalil Ep.
6 - O arxentino Rodrigo Sosa namorou de Cuba aos 17 anos e ese encontro marcou dende entón a súa música, unha carreira na que realizou colaboracións con Silvio Rodriguez, Omara Portuondo, Pancho Amat, Natalia Lafourcade, Lila Downs ou Javier Malosetti. Pecha os concertos do venres no Teatro Rosalía.
7 - As películas. O Womex non só inclúe concertos, senón tamén proxeccións cinematográficas na Filmoteca de Galicia (antigo CGAI) e no Palexco. Cumbiaton Total, La Singla, Ethiopiques Magnetic Suite, Feneen ou Raï Is Not Dead son algunhas das pezas programadas.
8 - Os concertos no Teatro Colón pecharanse o sábado con Ana Carla Maza, Erini e Matt Carmichel. Erini asimilou a súa paixón pola música greco-anatolia mentres crecía en Creta, introducida ás tradicións pola súa nai, descendente de refuxiados gregos desprazados de Anatolia na década de 1920.
9 - Dende Brasil chegan Arnaldo Antunes e Vitor Araújo, que actúan o sábado no Teatro Rosalía xunto cos composteláns Ailá e os vigueses Trilitrate.
10 - O togolés Roger Damawuzan é un dos artistas máis destacados da escena funk africana da década dos 70, coñecido como "o James Brown de Lomé" despois do éxito do seu primeiro disco, Wait for Me. Actúa o sábado na Sala Pelícano xunto con Avalancha Kaito, Ko Shin Luna e as senegalesas DefMaa MaaDef
Programa de concertos abertos ao público xeral
Xoves 26
Teatro Colón: 21.30 Mouvman Alé / 23.00 Ánnámáret / 0.30 Livia Mattos
O Parrote: 21.45 / 23.15 Elephant Sessions / 0.45 La Sonora Mazurén
Teatro Rosalía: 21.00 Valeria Castro / 22.30 Magalí Sare & Manel Fortià / 0.00 Neomak
Palexco: 21.45 Júlia Kozáková e Manusa / 23.15 Almir Meskovic & Daniel Lazar Duo / 0.45 Haratago
Sala Pelícano: 21.00 Les Héritières (Homenaxe a Cheikha Rimitti) / 22.30 Kin'Gongolo Kiniata / 0.00 Killabeatmake
Venres 27
Teatro Colón: 21.30 Danûk / 23.00 Aleph Quintet / 0.30 Teo Collori & Momento Cigano
O Parrote: 21.45 79rs Gang / 23.15 Widad Mjama & Khalil Epi / 0.45 Baiuca
Teatro Rosalía: 21.00 Beatriz Rosário / 22.30 Vivi Pozzebón / 0.00 Rodrigo Sosa y la Quenistica
Palexco: 21.45 Nimkii and the Niniis /23.15 Akawui / 0.45 Jinj
Sala Pelícano: / 21.00 Kutú / 22.30 Haepaary / 0.00 Avalancha Kaito
Sábado 28
Teatro Colón: 21:30 Matt Carmichael / 23:00 Erini / 0:30 Ana Carla Maza
O Parrote: 21.45 Liraz / 23.15 Puuluup / 0.45 Bamba Wassoulou Groove
Teatro Rosalía: 21.00 Arnaldo Antunes e Vitor Araújo / 22.30 Ailá / 0.00 Trilitrate
Palexco: 21.45 Jausme / 23.15 The Breath / 0.45 ZeMe
Sala Pelícano: / 21.00 Roger Damawuzan / 22.30 Ko Shin Luna / 0.00 DefMaa MaaDef