O Womex é o maior evento global relacionado coa música, e nomeadamente coas músicas de raíz. A súa dimensión pódese comprobar nalgunhas das cifras que entre o 22 e o 26 de outubro converterán Santiago de Compostela nunha das capitais mundiais desta industria: 2.500 delegados e delegadas, 1.260 empresas de máis de 90 países, 800 programadores, máis de 500 selos discográficos, máis de 300 xornalistas ou 130 emisoras de radio. Compostela acollerá a edición número vinte dunha feira que xa pasou Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff.
Os abonos para os tres días, a 55 euros, xa están á venda
Pero Womex non só esperta interese en artistas e profesionais. Ademais da feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, o festival espallarase pola cidade, ofrecendo 45 concertos durante tres noites (xoves, venres e sábado), en diferentes espazos: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e Sala Capitol. Os abonos para os tres días, a 55 euros, xa están á venda.
Vítor Belho, director de estratexia e produción creativa en Nordesía, socio organizador local do evento, recoñece que a menos dun mes do inicio do Womex, o equipo organizador, ocupado nos derradeiros detalles, vive cunha "certa impaciencia, agardando que empece xa, despois de tres anos de traballo". "É un evento moi relevante para a música galega en varios niveis" -explica- "Por unha banda, sitúa en Galicia o foco de atención de toda a escena profesional. A música galega vai ter unha presenza moi importante nos contidos e na programación, tanto do propio Womex coma dunha acción previa que vai levar a cabo Agadic. En consecuencia, a partir deste coñecemento e dos encontros que se produzan entre os músicos galegos e os profesionais, xurdirá un impacto e unhas consecuencias que se verán de forma progresiva".
Iso si, sinala que "os beneficios non só son para os músicos, para internacionalizar a súa creación, senón tamén para as empresas, produtoras e profesionais galegos que se moven neste ámbito, e que tamén promocionan o seu traballo, e teñen a posibilidade de captar talento internacional". Belho destaca que "este tipo de iniciativas poden afortalar un sector profesional que ten moito futuro, e que ten capacidade para traballar co talento que se pode xerar en calquera parte do mundo". "Por que un profesional galego non pode ser o axente dun artista brasileiro, arxentino ou de Marrocos?", pregúntase.
"O Womex non é un fin en si mesmo. É importante concibilo como parte dunha estratexia que debe axudar a normalizar e a visibilizar a forma en que nos relacionamos con ese mundo co que queremos estar presente"
"O Womex non é un fin en si mesmo", conclúe. "É importante concibilo como parte dunha estratexia que debe axudar a normalizar e a visibilizar a forma en que nos relacionamos con ese mundo co que queremos estar presente. É fundamental o intercambio, o coñecemento, unha nova dinámica de traballo no sector profesional, para deseñar novas estratexias e ferramentas para a internacionalización, unha estratexia da que Galicia carece neste momento", explica. "En Galicia detectamos un excesivo intervencionismo, ou unha excesiva deixade, polo contrario. Os que coñecemos este escenario da música, que está en constante cambio, vemos que hai aí unha grande oportunidade, á que debemos engancharnos. Será importante para os profesionais, para os artistas, e para o conxunto do país", di.
Os concertos
"Este é un lugar para o espectador ou espectadora que lle gusta a música, que é curiosa, que non ten prexuízos, que se deixa levar pola diversidade, pola riqueza que ten o planeta en canto formas musicais"
Vítor Belho rexeita facer recomendacións entre o medio cento de concertos que se poderán ver no Womex: "Como organizadores non podemos recomendar uns concertos e non outros, e ademais a programación non a xestionamos nós, polo que aínda que si coñecemos unha boa parte dos artistas que actuarán en Compostela, outros moitos son tamén descoñecidos para nós". Iso si, fai un chamamento a que a xente se "aventure" por unha programación dunha calidade e orixinalidade fóra de toda dúbida: "este é un lugar para o espectador ou espectadora que lle gusta a música, que é curiosa, que non ten prexuízos, que se deixa levar pola diversidade, pola riqueza que ten o planeta en canto formas musicais. E, seguramente, non o é para aquel que veña buscando contidos moi específicos, ou sonoridades máis populares ou mainstream".
"Trátase dunha oportunidade única para nun só evento, en tres días, ver ducias de artistas que veñen de todos os continentes do planeta, e que case en todos os casos é a primeira vez que actúan en Galicia. Moitos non son coñecidos aquí, pero atesouran unha longa e exitosa traxectoria nos seus países e continentes" -di -"É posible, ademais, que algúns deles regresen dentro dalgúns ano, pero xa convertidos en estrelas mundiais. Lembro, por exemplo, os casos de Cesaria Évora, Mariza ou Buenavista Social Club, que grazas ao seu paso por Womex se converteron en referencias internacionais".
Entre as bandas e artistas que se poderán ver en Compostela están, o xoves, Ajinai (China), Cesária Évora Orchestra (Cabo Verde), Ed Motta (Brasil), El Gusto Orchestra (Alxeria/Francia), Guayo Cedeño & Coco Bar (Honduras), Mayito Rivera & The Sons of Cuba (Cuba), Otava Yo (Rusia), Raúl Rodríguez - Razón de Son (España), Spiro (Reino Unido). O venres, Baloji (República Democrática do Congo/Bélxica), Batida (Angola/Portugal), Džambo Aguševi Orchestra (Macedonia), Ethiocolor (Etiopía), Kuenta i Tambu (Curação/Países Baixos), Maru Tarang (India/Australia), Noreum Machi (Corea do Sur), Oum (Marrocos/Francia), Sékouba Bambino (Guinea-Conakry/Francia). E o sábado, serán os concertos dos mexicanos Bostich + Fussible from Nortec Collective, o galego Davide Salvado, Ester Rada (Israel), Kareyce Fotso (Camerún), Lula Pena (Portugal), Orkesta Mendoza (EUA), Söndörgo (Hungría), Tribu Baharú (Colombia) e Troker (México).