O Womex non é unha feira musical máis. Trátase do maior evento internacional da world music, todo un acontecemento cultural e tamén económico, que en outubro converterá Compostela por uns días nun dos centros musicais do planeta. O Womex 14, que chega á súa vixésima edición, celebrarase do 22 ao 26 de outubro, e concentrará na Cidade da Cultura as súas actividades polo día (conferencias, feira, networking...). Pola noite, o Womex expandirase pola cidade, con máis de 60 concertos que terán como escenario media ducia de espazos da zona vella: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol. Os responsables da organización destacan que o Womex é "o máis importante evento cultural en Galicia dos últimos anos" e que constitúe "unha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura".
Pola noite, o Womex expandirase pola cidade, con máis de 60 concertos que terán como escenario media ducia de espazos da zona vella
O evento traerá a Compostela ao redor de 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas (e 130 emisoras de radio). Santiago unirase a unha longa lista de cidades europeas que nos últimos anos acolleron o Womex (Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff), e nas que esta feira musical tivo un impacto económico considerable, ao redor dos 2,5 millóns de euros.
O proxecto de celebración desta feira en Galicia naceu en 2009, cando profesionais do sector musical co apoio da Consellería de Cultura acordaron poñer en marcha unha estratexia destinada a impulsar a internacionalización da música galega, que comezaría pola organización do Womex. Santiago de Compostela competiu con outras cidades como Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid.
A organización galega do Womex subliña que a feira pode ser "unha grande oportunidade" para os profesionais da música en Galicia, que dipoñen de varias vías para participar: a selección oficial de Womex, o Atlantic Connections, que amosará a escena musical da Península e latinoamericana, ou o offWOMEX Showcase, unha fórmula de pago.
O proxecto de celebración desta feira en Galicia naceu en 2009, cando profesionais do sector musical co apoio da Consellería de Cultura acordaron poñer en marcha unha estratexia destinada a impulsar a internacionalización da música galega
O Womex está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín, responsable tamén doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo en Cabo Verde. Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. O Womex 14 presentouse este luns nunha rolda de prensa na que participaron Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria; Reyes Leis, concelleira de Turismo de Santiago; Beatriz González Loroño, directora xerente da Cidade da Cultura; Antonio Martinez, de Nordesía Produccións; e Christoph Borkowsky, presidente de Womex.