WOMEX volverá a Compostela en 2016. Santiago competía con máis dunha ducia de cidades europeas, pero os "bos resultados" da edición anterior fixeron posible a elección. Así o salientaron nunha rolda de prensa os representantes das dúas institucións que apoian este encontro: o alcalde da cidade, Martiño Noriega; e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; xunto con Francisco Viéitez, socio da empresa que o desenvolve, Nordesía Producións.
Os datos oficiais da edición do 2014 falan de 2.400 delegados/as e 1.470 empresas de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stand. Coa participación de seis artistas galegos, -entre 350 vidos de 90 países- e 21 empresas dentro do stand Galician Tunes. O 90% do orzamento foi investido, segundo asegura a propio Womex nunha nota de prensa, en empresas locais.
Esta semana celébrase WOMEX 15 en Budapest e terá lugar alí a presentación oficial de WOMEX 16. Nela intervirán o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, ademais de Antón Martínez como socio de Nordesía.
No 2014 participaron neste macroevento músicos como Davide Salvado, que fora seleccionado para a sección oficial, así como Uxía e Germán Díaz, -músico de Valladolid afincado en Galicia-. Womex 2014 foi promovido pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín, e como socio local formou parte da organización Nordesía Producións en partenariado con Agadic (Xunta de Galicia), a Cidade da Cultura e o Concello de Santiago. Tamén apoiou o evento INCOLSA, o INAEM, a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, mentres que o principal patrocinador privado foi Maeloc/Estrella Galicia.
No 2014, Womex chegara no medio dun reavivado debate sobre a colaboración público-privada no financiamento de grandes eventos nos que a música galega ten unha presenza minoritaria. Unha xornada analizara no Consello da Cultura, poucos días antes do comezo do Womex, o patrocinio privado no financiamento de proxectos musicais. “No contexto actual de crise económica non ten cabida a fórmula dos grandes concertos musicais financiados con cargo a fondos públicos. Isto obriga a repensar as fórmulas de investimento público á hora de organizar proxectos deste tipo”, salientaba o Consello. Womex contou tamén, porén, cun importante apoio por parte da Xunta.
Womex leva celebradas 21 edicións por toda Europa, en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest. Cada ano ten lugar nunha cidade europea distinta. Está organizado pola empresa Piranha, con sede en Berlín. O socio local é Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da “world music” en Galicia e na Península.