Aínda que Pablo Ruiz Picasso só viviu durante catro anos na cidade herculina, entre os 10 e os 14 anos, a urbe galega deixou nel unha gran pegada, como persoa e sobre todo como artista. "A Coruña é a cidade na que espertaron os meus sentidos", escribiu posteriormente.
Na Coruña comezou todo. Aínda que Pablo Ruiz Picasso viviu menos de catro anos na cidade herculina, entre os 10 e os 14 anos, a urbe galega deixou nel unha gran pegada, como persoa e sobre todo como artista. "A Coruña é a cidade na que espertaron os meus sentidos", escribiu posteriormente. Neses anos de infancia e adolescencia aprendeu numerosas técnicas que marcaron o seu posterior desenvolvemento como pintor e, sobre todo, "exercitou a ollada".
O pasado 23 de marzo inaugurouse no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro, unha das citas culturais imprescindibles neste ano en Galicia, unha mostra que reúne un cento de pezas que reflicten os diferentes períodos artísticos de Picasso e amosan o seu vínculo coa Coruña e a influencia que Galicia tivo na traxectoria persoal e profesional do pintor nacido en Málaga.
Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes, a exposición estará dispoñible ata o 25 de xuño. A exposición pode visitarse de martes a venres de 10 a 20 horas, os sábados de 10 a 14 e de 16.30 a 20 horas e os domingos de 10 a 14 horas.
A mostra Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro pode visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 25 de xuño
A mostra forma parte da Celebración Picasso 1973-2023, unha programación conxunta de España e Francia nos principais museos das cidades picassianas para conmemorar o 50 aniversario do falecemento do pintor. Ademais, ao abeiro desta exposición haberá ducias de encontros, conferencias, charlas, ciclos audiovisuais ou actividades educativas centradas no pintor e os seus vínculos con Galicia. Tan só na Coruña o Concello organiza máis de 30 actividades dentro do programa de Celebración Picasso. 1973-2023 e que se desenvolverán ata decembro na cidade.
Picasso e A Coruña
En 1891 o seu pai foi contratado como mestre de arte no instituto Eusebio da Guarda e a familia trasladouse á cidade herculina. O neno Picasso matriculouse na Escola Provincial de Belas Artes, onde tivo como mestre a Román Navarro
Picasso naceu en Málaga en 1881. En 1891 o seu pai foi contratado como mestre de arte no instituto Eusebio da Guarda e a familia trasladouse á cidade herculina. O neno Picasso matriculouse na Escola Provincial de Belas Artes, onde tivo como mestre a Román Navarro, unha das persoas que máis influencia tivo no pintor neses primeiros anos, xunto co tamén profesor Isidro Brocos e con Ramón Pérez Costales, o seu mentor; médico e amigo das familias Picasso e Pardo Bazán que mesmo foi retratado por Picasso nos seus anos coruñeses.
O neno Picasso xogaba na Praza de Pontevedra (a carón da súa casa), na praia de Riazor ou no Monte de Santa Margarida. Ademais, aquí penetra na adolescencia e na sexualidade. Un dos sucesos máis importantes que viviu Pablo nesta cidade foi a perda da súa irmá pequena, Conchita. Enferma de difteria, faleceu en xaneiro de 1895. Este golpe tan duro para a familia motivou, xunto a outros motivos, a marcha da familia Ruiz Picasso a Barcelona en abril dese ano.
Na Coruña comezou a experimentar con algúns dos xéneros e técnicas que dominaron a súa pintura nas décadas seguintes e tamén con algúns dos temas clave na súa obra
Foi na Coruña onde o autor realizou a súa primeira exposición, no número 20 da rúa Real (unha tenda de mobles) con tan só 13 anos, e onde comezou a escribir os seus propios textos, publicando debuxos e caricaturas nas revistas autoeditadas á man La Coruña, Azul y Blanco e Torre de Hércules, onde recollía anécdotas e sucesos locais. Pero, ademais, na Coruña comezou a experimentar con algúns dos xéneros e técnicas que dominaron a súa pintura nas décadas seguintes e tamén con algúns dos temas clave na súa obra.
O propio Museo de Belas Artes destaca que "na súa lembrada cidade á que sempre desexou volver, como lle dicía ao seu amigo vilalbés Antonio D. Olano" naceu "o artista versátil e inquedo, o individuo que sentiu curiosidade por todo e o que quixo aprender todas as técnicas, o apropiacionista que tratará de dotar de identidade ás imaxes que produciron os outros".
Na Coruña naceu "o artista versátil e inquedo, o individuo que sentiu curiosidade por todo e o que quixo aprender todas as técnicas, o apropiacionista que tratará de dotar de identidade ás imaxes que produciron os outros"
Na inauguración da exposición, a pasada semana, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que “na Coruña foi onde Picasso comezou a expresarse como artista, onde aprendeu técnicas, pero, sobre todo, foi onde pisou a rúa, onde exercitou a ollada, onde abriu a mente á vida en toda a súa plenitude, onde se nutriu das ferramentas do xenio”. “Todas aquelas persoas que visiten esta magnífica exposición sairán convencidas de que sen A Coruña non se pode entender plenamente a Picasso”, concluíu a rexedora.
Na Coruña, por exemplo, comeza a realizar retratos e autorretratos, que tanta importancia tiveron na súa obra posterior. Iniciouse no xénero durante os primeiros anos coruñeses, nos que pintaba á súa familia –ao seu pai, á súa nai, ás súas irmás e mesmo ao seu can Clíper– ou aos vellos e esmoleiros que pululaban polas rúas, nunca a personaxes inventados. A isto uniríase o seu interese polos instrumentos musicais e os músicos –que na Coruña plasma en Escena popular galega (1895).
“Na Coruña foi onde Picasso comezou a expresarse como artista, onde aprendeu técnicas, pero, sobre todo, foi onde pisou a rúa, onde exercitou a ollada, onde abriu a mente á vida en toda a súa plenitude, onde se nutriu das ferramentas do xenio”
Algúns autores, así mesmo, fixan o nacemento das formas protocubistas picassianas na rigorosa formación recibida na Coruña. Os seus precedentes máis notorios son as xeométricas casas de campo dos seus Cadernos coruñeses, "que anticiparían algunhas das primeiras paisaxes cubistas", destácase.
Na Escola Provincial de Belas Artes da Coruña naceu, ademais, o seu interese por coñecer e copiar a obra dos autores clásicos. O tema do pintor e a modelo, unha das súas últimas e máis coñecidas series, tamén atopa a súa orixe, segundo os expertos, na Escola Provincial de Belas Artes da Coruña. Así mesmo, nos seus anos xuvenís da Coruña, Picasso descobre a figura do mosqueteiro, tal vez a través de publicacións da época ou na obra dos seus profesores. Durante os seus estudos, finalmente, Picasso realizou a que posiblemente sexa a súa primeira obra mestra: La muchacha de los pies descalzos (1895).
“Todas aquelas persoas que visiten esta magnífica exposición sairán convencidas de que sen A Coruña non se pode entender plenamente a Picasso”
Na Coruña comeza tamén a escribir nos seus xornais adolescentes pequenos relatos ilustrados e viñetas con certa crítica social. Ademais, nestes xornais Azul y Blanco e La Coruña poden atoparse "formas prematuras da súa investigación", coma algunha figura humana, unha gaita ou a mesma Torre de Hércules; unha gaita que por exemplo se pode ver na súa Natureza morta con instrumentos musicais sobre unha mesa, que pintou en París no outono de 1913.
Na cidade, ademais, explora o interese polo xénero da paisaxe (que posteriormente non desenvolveu demasiado na súa traxectoria). Os debuxos do seu primeiro Caderno coruñés dan testemuño dunha atención pola arquitectura popular, "onde a horizontalidade tradicional é negada pola verticalidade das construcións", destácase na información que acompaña á exposición.
Un ano de actividades na Coruña ao redor de Picasso
O Quiosco Alfonso será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe
A inauguración da exposición Picasso branco no recordo azul marcou o inicio dunha intensa programación de actividades na Coruña ao redor da figura do pintor, que servirán para render homenaxe e subliñar o seu vínculo coa cidade.
O Quiosco Alfonso será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe. A mostra está comisariada por Manuel Suárez e conta con obras de Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pical Cancio, Samuel Castro e poemas de Yolanda Castaño. A súa apertura será o xoves 30 de marzo.
Outro dos escenarios centrais é a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí terán lugar tres actividades repartidas ao longo do ano
Outro dos escenarios centrais é a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí terán lugar tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que amosa documentos e obras que forman parte da colección, arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa.
A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’. Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica rendéndolle homenaxe a Pablo Picasso.
A programación complétase cun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules
Por outra banda, a Fundación Luís Seoane acolle en setembro o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación, que centrará a súa edición deste ano no artista nacido en Málaga. Entre outras cuestións, analizaranse os eixes temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística. Están en marcha tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, que busca amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.
Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘O vento comezou de novo. O mundo de Pablo Ruiz contado por Villalobo’, que se poderá visitar de abril a maio no Palexco, obra do artista cubano Nelson Villalobo.
A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.