Mariza pechará o Womex con máis asistencia dos últimos cinco anos

Mariza actuará este domingo na entrega dos Premios Womex © Carlos Mateus de Lima

2.400 delegados (un incremento do 6,66%), 1.470 empresas (un crecemento do 16,66%), 280 stands (récord absoluto nas vinte edicións do Womex), 60 concertos con 320 artistas en 7 escenarios, 2.400 delegados e 1.470 empresas de máis de 90 países. A edición 2014 desta feira musical encheu Compostela de música nos últimos catro días e converteuse na máis concorrida dos últimos cinco anos.

O Womex pecharase este domingo coa ceremonia de entrega dos Premios WOMEX, pechada a delegados, que terá lugar no Auditorio Abanca ás 12 horas e que rematará cun concerto da fadista portuguesa Mariza. Estes premios entréganselles desde o ano 99 a artistas e profesionais que o merezan pola súa contribución ao crecemento da comunidade. Os Premios WOMEX honran os logros ao nivel internacional no ámbito da world music: excelencia musical, importancia social, éxito commercial, impacto político… O selo alemán Glitterbeat e os artistas Mario Lúcio Sousa (Cabo Verde) e Mariza (Portugal) serán os premiados este ano.

O premio á Excelencia Profesional lévao o caboverdiano Mário Lúcio Sousa: poeta, avogado e celebrado músico en Cabo Verde, ademais do seu traballo no Ministerio de Cultura do país, foi o fundador  da Atlantic Music Expo (AME), que comparte con WOMEX o valor de difundir a world music. Por último, o Premio á mellor Artista outórgaselle á cantante portuguesa Mariza. Desde o seu primeiro álbum hai trece anos, Mariza converteuse na maior expoñente vivente do fado portugués, así como a máis innovadora neste estilo. 

Nordesía Producións, organizadora local do evento, sinala que a valoración final "non pode ser máis positiva". A entidade destaca o éxito de asistencia e o "cumprimento obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización" e que se confirmou WOMEX "como unha ferramenta de transformación tanto para a cidade como para o sector musical galego e a forza de Compostela como un escenario e punto de encontro internacional".

Apertura do Womex, o pasado mércores CC-BY Womex
Escenarios na praza da Quintana © Jacob Crawfurd
Mariza actuará este domingo na entrega dos Premios Womex © Carlos Mateus de Lima

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.