Celebrou por todo o alto o seu cuadraxésimo aniversario, resistiu e espallouse durante a pandemia, regresou ao seu campo da festa no pasado 2022 e neste 2023, corenta e catro anos despois daquela primeira chamada para ir "merendar a Pardiñas", o emblemático festival volve celebrar e ademais, salta á radio. A Asociación Cultural Xermolos ten xa todo en marcha para non faltar á súa cita coa primeira fin de semana de agosto, que desta volta cae nos días 5 e 6, e volver xuntar a súa "familia grande" en torno á que segue sendo "feira e festa da música e da arte".
Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e alma de Pardiñas, resalta que nesta feira e festa da música e da arte collen "dende as crianzas ata os avós e avoas" para un festival "froito da colaboración"
En vésperas da nova edición do festival, cuxo programa bota a andar este venres, 4 de agosto, co IX Certame de Cantos de Taberna polas rúas e locais hostaleiros de Guitiriz, o recuperado balneario da vila lucense acolleu a presentación oficial do evento. E fíxoo cunha feliz reaparición, a de Alfonso Blanco, o crego que fundou e coordina a Asociación Xermolos e é alma de Pardiñas, a quen a saúde impediu estar presencialmente no festival do pasado ano, cando falou aos presentes a través do teléfono enchendo a concorrencia de emoción e saudades.
Visiblemente recuperado, xunto con membros de Xermolos, autoridades do Concello e da Deputación e ao carón doutro dos grandes entusiastas do festival, Xurxo Souto, Alfonso Blanco expuxo un programa que, como en edicións anteriores, evoca, reflicte o que é Pardiñas: "Unha familia". "En comparación con outros festivais, nos que pesa máis o carácter mercantil, nós buscamos a amizade" e manter e ampliar esa "familia grande" na que collen "dende as crianzas ata os avós e avoas" e dan lugar a un festival "froito da colaboración", explicou nunha comparecencia ante a prensa culminada por Souto cunha interpretación espontánea de Guitiriz dos Diplomáticos de Monte Alto, himno oficioso -case oficial- do festival.
Caamaño e Ameixeiras con Caldo, Xisco Feijóo ou Rebeliom do Inframundo destacan no cartel musical de Pardiñas neste 2023
Coa intención de que, un ano máis, "cada un e cada unha ofreza a súa creatividade", o festival volve compaxinar as citas musicais no escenario principal durante os seráns e noites do sábado e o domingo coa trixésima edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, pregoada este ano por Xaneco Tubío. No que atinxe aos concertos, as pandeireteiras Brincadeira serán as primeiras en subir ao palco o sábado ás 19h30, deixando paso despois ao Bloquinho de Xermolos, Boroa, os escoceses The Poozies, o francés Gilhem Desk, a banda asturiana La Tarrancha e, xa de madrugada, a Rebeliom do Inframundo.
O domingo, os cataláns Cançons de Festa Major e a valenciana La Trocamba Matanusca porán a música pola sesión vermú nunha xornada que inclúe actividades como obradoiro de baile tradicional da man de Montse Rivera (Leilía) ou o espectáculo infantil de Cirquack, así como música dos Carunchos e, por suposto, o pregón do festival, este 2023 a cargo de Sabela Núñez Singala. Xa pola noite, volven os concertos con Caamaño e Ameixeiras e mais Caldo (20h30), Xisco Feijóo (22h00), os chilenos Calle Mambo (23h45) e o peche con La Trocamba Matanusca.
As músicas e palabras de Pardiñas chegan este ano, ademais, moi alén do campo da festa da man de Radio Pardiñas, con oito días de programación arredor do festival que pode seguirse a través de internet e co apoio de radios libres como Cuac FM, Radio Kalimerae, Radio Filispim, Radio Liberdade ou Radio Neria. Contidos culturais e divulgativos conviven esta semana na súa grella coa retransmisión ao vivo dos concertos e principais citas do propio festival.